Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2012 Páx. 5944

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 74/2012, do 2 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de mellora e ampliación da E.P. 9305 Coirón-Ribadumia-Leiro; lugar de Padrenda (concello de Meaño).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día vinte e oito de outubro de dous mil once, aprobou o proxecto de obras de mellora e ampliación da E.P. 9305 Coirón-Ribadumia-Leiro; lugar de Padrenda (concello de Meaño) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan a Deputación e o informe do técnico municipal, a estrada provincial 9305 ten unha grande importancia ao servir de rede arterial de comunicación do polígono de Pedreiras en Meaño co concello de Ribadumia, e na actualidade soporta un intenso tráfico rodado.

A actuación céntrase na mellora do tramo da estrada comprendido entre os p.q. 1+588 e 2+787 que estaba sen acabar ata o momento por motivos orzamentarios. Agora dótase de servizos como saneamento e mellórase, así mesmo, a seguridade viaria. A obra vai supor minorar o risco de accidentes e, en consecuencia, xustifica a utilidade pública e a urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de mellora e ampliación da E.P. 9305 Coirón-Ribadumia-Leiro; lugar de Padrenda (concello de Meaño). Unha vez ocupados os terreos necesarios deberán obter, de ser o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza