Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5869

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2012, de cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS) da entidade mercantil Prisma Management and Consulting Group, S.A.

Antecedentes de feito.

1. Con data do 29 de marzo de 2007 a entidade mercantil Prisma Management & Consulting Group, S.A., con CIF A-63644918, e domicilio social en centro empresarial Cacheiras, oficina 4, 15886 Teo (A Coruña) solicitou a axuda segundo a Orde do 19 de febreiro pola que se establecen as bases reguladoras e condicións do réxime de concesións para a súa adhesión e mantemento nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS) e se fai pública a convocatoria para o ano 2007, que foi concedida e para a que se procedeu ao pagamento tras a comprobación de que se cumprían todos os requisitos.

Con data do 28 de decembro de 2007 a citada entidade solicita a inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao sistema de xestión e auditoría ambiental, segundo o exixido no artigo 21 da orde da axuda e segundo o procedemento regulado no Decreto 185/1999, do 17 de xuño. Coa solicitude de inscrición adxuntaba declaración ambiental verificada, así como o resto da documentación exixida no citado decreto.

2. Con data do 30 de xaneiro de 2008, procedese á inscrición do centro sito en Cacheiras, oficina 4, 15886 Teo (A Coruña), pertencente á citada entidade mercantil, no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao sistema de xestión e auditoría ambiental co número ES-GA-000155.

3. A data límite para a presentación da nova declaración ambiental actualizada era, segundo o especificado pola entidade, o 1 de decembro de 2008 e para a renovación trianual obrigatoria no rexistro o 30 de xaneiro de 2011.

Rematado o prazo para a presentación da seguinte declaración ambiental validada non se recibiu, por parte de Prisma Management & Consulting Group, S.A., ningún tipo de comunicación desde a inscrición no rexistro.

4. Con data do 7 de febreiro de 2011 enviouse unha comunicación á empresa na que se lembraba o compromiso adquirido, de manterse en vigor no rexistro un mínimo de 5 anos, segundo a declaración asinada conforme o anexo II da Orde do 19 de febreiro de 2007, pola que se lles concedeu a axuda EMAS, que de non cumprirse levaría consigo o inicio do procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, segundo o disposto no artigo 19 da citada orde. Nesta comunicación informábase de que, de non recibir ningún tipo de documentación ou comunicación relativa ao mantemento no rexistro no prazo de tres meses, se procedería a dalos de baixa no rexistro EMAS.

5. Tras varios intentos infrutuosos de comunicación coa empresa, acórdase dar un trámite de audiencia á entidade mercantil Prisma Management & Consulting Group, S.A., con CIF A-63644918, e domicilio social en Centro Empresarial Cacheiras, oficina 4, 15886 Teo (A Coruña), concedéndolle un prazo de quince días contados desde a notificación do citado escrito para formular alegacións e achegar os documentos e xustificacións que consideren convenientes, ao abeiro do disposto no artigo 14.5 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño.

6. Con data do 19 de abril de 2011 é notificado, a través do Diario Oficial de Galicia, o citado acordo ao interesado, coa mención expresa dos requisitos exixidos polo artigo 58.2 da Lei 30/1992, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Fundamentos xurídicos.

1.º Esta resolución correspóndelle ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo os artigos 12 a 14 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental e segundo o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2.º O artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS) dispón que «1. Unha vez inscrito o centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude que, en ningún caso, será superior a tres anos, e non pagase a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro, e informará de tal medida á dirección do centro».

3.º O punto 5 do citado precepto establece que «5. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes de ordenar a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro, dará trámite de audiencia ao interesado concedéndolle un prazo de quince días para que presente as alegacións, documentos e xustificacións que estime oportunos. A resolución que acorde a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro será motivada e notificaráselle á dirección do centro e ao Rexistro de Establecementos Industriais».

Dado que non se obtivo resposta por parte do interesado a todos e cada un dos requirimentos realizados, e vistos os preceptos sinalados e demais de xeral e pertinente aplicación, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en virtude da competencia que lle outorga o Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental e segundo o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolve:

Cancelar, de conformidade co disposto no artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), a inscrición do centro da entidade mercantil Prisma Management & Consulting Group, S.A. en centro empresarial Cacheiras, oficina 4, 15886 Teo (A Coruña).

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2012.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental