Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2012 Páx. 5366

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de xaneiro de 2012 pola que se dá publicidade ao comezo da actividade administrativa para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Xunta de Galicia, nos concellos da Coruña, Lugo, As Nogais, Larouco, Marín e na Deputación de Ourense.

Constitúe o obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración aos administrados como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. Este obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas aos cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servizos que presta a Administración pública.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que se integrarán no Sistema Único de Rexistro as entidades da Administración local, sempre que asinen un convenio coa consellería competente en materia de administracións públicas que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Con este obxectivo asinouse o 13 de xullo de 2010 un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento da Administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de lles garantir aos cidadáns o acceso electrónico aos servizos públicos, de xeito que as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns dirixan aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Mediante Resolución do 14 de novembro de 2011 o director xeral de Administración Local acorda prestar conformidade ás solicitudes de adhesión ao citado convenio formuladas polos concellos da Coruña, Lugo, As Nogais, Larouco, Marín e pola Deputación de Ourense.

Tendo en conta a adhesión das novas entidades locais ao convenio subscrito e a exixencia do artigo 2.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, esta orde ten por obxecto dar publicidade ao comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades locais referidas no punto anterior.

Por todo iso, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6.º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Dar publicidade á adhesión dos concellos da Coruña, Lugo, As Nogais, Larouco, Marín e da Deputación de Ourense ao convenio do 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp.

Artigo 2.

De conformidade co establecido no convenio de colaboración subscrito o 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp, as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos ou comunicacións que os cidadáns dirixan aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos do establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e os asentos realizados terán plena eficacia.

Artigo 3.

As oficinas de rexistro das entidades locais ás cales fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no dito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para aquelas en cada caso e nos locais destinados ao rexistro xeral aberto ao público en cada concello.

Disposición derradeira primeira.

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

Facúltase a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza