Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5265

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se declara de interese galego a Fundación Club Financiero de Santiago e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Financiero de Santiago, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Roberto Pereira Costa, presidente do Padroado, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Club Financiero de Santiago foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 17 de novembro de 2011, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 2.127, por Club Financiero de Santiago, S.A. por medio do seu representante, Roberto Pereira Costa.

3. A Fundación Club Financiero de Santiago ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, o fomento da economía social e produtiva de Galicia.

En particular, a Fundación cumprirá os obxectivos anteriores a base de reunir os empresarios e profesionais de Galicia nun foro representativo e independente, que defenda os intereses de Galicia. Impulsar todas aquelas iniciativas que favorezan os intereses da comarca de Santiago de Compostela, a súa área de influencia e as súas empresas, promovendo a colaboración e a cultura empresarial na zona. Para isto proponse:

a) Reforzar a representatividade dos empresarios e profesionais e ser punto de referencia ante as institucións á hora de favorecer o desenvolvemento do contorno empresarial da comarca.

b) Promover a opinión en todos aqueles temas que afectan a realidade industrial de Santiago de Compostela e a súa contorna.

c) Impulsar unha mellora da competitividade das empresas, así como do tecido empresarial no seu ámbito de actuación, favorecendo a colaboración e o intercambio de experiencias entre empresarios e profesionais, e defendendo todos aqueles investimentos que permitan o desenvolvemento da actividade empresarial.

d) Promover as relacións persoais entre empresarios, profesionais e cargos directivos das empresas e ofrecerlles servizos de información, expansión e descanso.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Roberto Pereira Costa, como presidente; José Ramón García González, como vicepresidente; Ramón Sabín Sabín, como secretario; e como vogais, José María Fernández Fernández e Rosa-Blanca Rodríguez Gutiérrez.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e produtiva de Galicia da Fundación Club Financiero de Santiago dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de decembro de 2011, clasificouse como de interese para o fomento da economía social e produtiva de Galicia a Fundación Club Financiero de Santiago, e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a Consellería de Economía e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Financiero de Santiago, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación Club Financiero de Santiago, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Club Financiero de Santiago.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercicio pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas o do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2012.

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria