Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2012 Páx. 4308

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 53/2012, do 19 de xaneiro, polo que se modifica a ordenación urbanística provisional do termo municipal de Sada (A Coruña) establecida polo Decreto 29/2006, do 16 de febreiro, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Sada, previamente modificada polo Decreto 193/2008, do 28 de agosto.

O Decreto autonómico 29/2006, do 16 de febreiro (DOG n.º 38, do 23 de febreiro) suspendeu, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Sada aprobadas polo Pleno da Corporación Municipal en sesión do 10 de xaneiro de 1997, e de todos os instrumentos de ordenación urbanística aprobados no seu desenvolvemento, de conformidade co disposto polo artigo 96 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e aprobou como anexo a ordenación urbanística provisional aplicable no termo municipal de Sada ata a entrada en vigor do novo planeamento.

Por medio de Decreto 193/2008, do 28 de agosto (DOG n.º 173, do 8 de setembro) modificouse a ordenación urbanística provisional aprobada polo anterior Decreto 29/2006.

O Concello Pleno de Sada na súa sesión do 15.12.2011 acordou por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia a modificación da ordenación urbanística provisional vixente, nos termos do texto refundido e o plano aprobados nese pleno.

A finalidade da modificación é emendar unha serie de disfuncións detectadas pola Área de Urbanismo do Concello de Sada á hora de aplicar o Decreto 29/2006, modificado polo Decreto 193/2008, logo do prolongado período de suspensión das normas subsidiarias municipais. A tramitación complexa do PXOM nun concello das características do de Sada dilatou no tempo a vixencia desta normativa, facendo dificultosa a súa aplicación con respecto ás futuras construcións, ao mantemento do parque inmobiliario actual e ao desenvolvemento sustentable.

A proposta inclúe as modificacións que os técnicos municipais entenderon imprescindibles cara a facilitar a aplicación da ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo PXOM, permitindo unha xestión máis áxil do concello e maior seguridade xurídica.

A ordenación provisional non compromete a futura ordenación urbanística e resulta coherente coa estratexia, as directrices e os obxectivos xerais do Plan Xeral de Ordenación Municipal actualmente en fase de informe previo á aprobación inicial.

Estímase congruente co interese público, e polo tanto xustificado, acoller o interese da Corporación Municipal de modificar a regulación dos seguintes artigos da ordenación urbanística provisional aprobada polo Decreto 29/2006, modificada polo Decreto 193/2008.

Para a aplicación da nova ordenación provisional, apróbase o plano que figura no expediente tramitado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e obxecto de informe favorable pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia en sesión do 21.12.2011.

Na súa virtude, de conformidade co establecido polo artigo 96 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co ditame favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia en sesión do 21 de decembro de 2011, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase a ordenación urbanística provisional no termo municipal de Sada, contida no anexo do Decreto 29/2006, do 16 de febreiro (DOG n.º 38, do 23 de febreiro) polo que se suspenden as normas subsidiarias de planeamento municipal de Sada e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento, modificado polo Decreto 193/2008, do 28 de agosto (DOG n.º 173, do 8 de setembro) nos seguintes termos:

1. O número 1.2.5 queda redactado como segue:

«1.2.5. As aliñacións e rasantes da vía pública serán as establecidas nos planos de ordenación, aliñacións e rasantes, a escala 1/1.000, das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente polo Pleno da Corporación no 10 de xaneiro de 1997, así como as dos instrumentos urbanísticos que se aprobasen en desenvolvemento delas contidas na relación de planeamento subsistente. Naqueles casos en que nou se fixen, manteranse as aliñacións consolidadas e a rasante actualmente existente».

2. O número 1.2.4 queda redactado como segue:

«1.2.4. As cubertas das edificación estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras da súas vertentes e prohíbense as mansardas e outros volumes sobre as vertentes da cuberta, permitíndose chemineas e outras instalacións necesarias para o cumprimento da normativa de seguridade e sustentabilidade enerxética. A pendente máxima permitida será de 45 graos sesaxesimais medidos desde o plano superior do último forxado, cunha altura máxima de cumieira de 4 metros.

Non ten a consideración de ruptura os encontros xerados polas interseccións do plano ou planos da cuberta cos paramentos verticais dos patios da edificación, permitíndose a realización de terrazas e varandas de protección.

Permítese o aproveitamento baixo cuberta para uso residencial sen alterar as condiciós xeométricas establecidas neste número».

3. O número 2.2. queda redactado como segue:

«2.2. Condicións específicas do solo urbano non consolidado.

Nos ámbitos que non teñan planeamento declarado subsistente por esta ordenación urbanística provisional non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e non transcorresen os prazos de caducidade da licenza».

4. O número 3.2. queda redactado como segue:

«3.2. Condicións de edificación no solo de núcleo rural.

Para edificar no ámbito desta ordenanza será de aplicación o establecido nos artigos 24 a 29, 104 e 171 a 173 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción outorgada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coas seguintes particularidades:

a) Parcela mínima edificable:

– No ámbito da ordenanza 9: 300 metros cadrados.

– No ámbito das ordenanzas 10, 11 e 12: 872 metros cadrados.

b) Fronte mínima de parcela: 12 metros.

c) Só serán edificables as parcelas con fronte á vía pública rodada existente.

d) A superficie total ocupada en planta pola edificación non poderá superar o seguinte parámetro de ocupación máxima:

– 40% da parcela edificable, no caso da ordenanza n.º 9.

– 30% da parcela edificable, no caso da ordenanza n.º 10.

– 25% da parcela edificable, no caso das ordenanzas n.º 11 e 12.

Así mesmo, poderán realizarse edificacións auxiliares, tales como hórreos, bodegas, alpendres, pendellos e garaxes. Non se permitirán en fachada e situaranse acaroadas á edificación principal ou aos estremeiros da parcela, neste último caso cunha altura máxima de 3 metros. De superar esta altura máxima terán que manter o recuar ás estremas de 3 metros. Estas construcións computarán ocupación de parcela.

e) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arrinque inferior da vertente da cuberta.

f) Recuamentos mínimos: para as novas construcións, serán obrigatorios, agás en aliñacións estables ou consolidados, os recuamentos mínimos con respecto ás vías de acceso, que en todo caso se deberán separar un mínimo de 4 metros do eixe da vía, sen prexuízo das maiores limitacións establecidas na normativa sectorial de estradas, e 3 metros con respecto ás estremas posterior. No suposto de que se desexe retranquear unha edificación aos lindeiros laterais, este recuamento deberá ser, como mínimo, de 3 metros.

g) Tipoloxía edificatoria: vivenda unifamiliar illada, agás que existan medianeiras preexistentes, caso en que será obrigatorio acaroar a edificación.

h) Só se permitirá unha vivenda en cada parcela».

5. O número 4 queda redactado como segue:

Adición dun novo número 4.2.9. «Solo rústico de protección ordinaria».

«4.2.9. Solo rústico de protección ordinaria: comprenderá unha parte dos terreos rústicos comprendidos no ámbito da ordenanza n.º 13 das NNSSP/1997 identificados no plano n.º 13 de «ordenación, aliñacións e rasantes», escala 1:2000, na delimitación comprendida no plano que se achega, que abrangue os terreos cualificados urbanisticamente como equipamento sociocultural «ES» e os seus terreos inmediatos estremeiros co camiño real que de Sada conduce a Lubre».

6. O número 6.2 queda redactado como segue:

6.2. «Usos de equipamentos e dotacións».

«Serán os determinados nos planos de ordenación das NNSSP/1997 ou dos instrumentos de desenvolvemento declarados subsistentes por esta ordenación urbanística provisional. No suposto de non estar determinados, destinaranse a algúns dos seguintes usos: docente, deportivo, sanitario, asistencial, relixioso, cultural ou administrativo de titularidade pública».

7. O número 6.3 queda redactado como segue:

6.3. «Condicións de edificacións de equipamentos e dotacións».

«Serán de aplicación as seguintes condicións de edificación:

a) Altura máxima:

– En solo de núcleo rural: planta baixa e unha planta alta, cunha altura máxima de 7 metros.

– En solo urbano: planta baixa e dúas plantas altas, cunha altura máxima de 10 metros.

b) Ocupación máxima: 50% en solo urbano e en solo de núcleo rural.

c) O volume construtivo proxectado será adecuado ao contorno e á paisaxe en que se implante.

d) En solo rústico serán de aplicación as condicións de uso e edificación establecidas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Excepcionalmente, permítese dotar dunha cuberta os equipamentos públicos deportivos, coas obras e instalacións necesarias para a práctica da correspondente actividade deportiva, podendo realizarse proteccións laterais que non sexan opacas. Os materiais empregados adaptaranse á paisaxe en que se implanten, consonte o previsto no artigo 104 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Nos equipamentos existentes no solo rústico serán de aplicación as condicións edificatorias establecidas o artigo 42 da Lei 9/2002».

8. O número 7.2.2. queda redactado como segue:

«En todo caso, prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, agás que en solo urbano por razóns xustificadas de interese público e mediante un plan especial de infraestruturas e dotacións sexa necesaria a realización de actuacións deste tipo co fin de resolver problemas de circulación, accesibilidade e funcionalidade; poderán executarse prolongacións e conexións do sistema viario existente.

Non ten a condición de sistema viario a realización de accesos interiores de natureza privada ás edificacións.

Permítese a substitución de transformadores e tendidos eléctricos aéreos preexistentes sobre o sistema viario que poderán soterrarse baixo a rasante do dito sistema».

9. O número 8.2. queda redactado como segue:

«A ordenación do ámbito portuario realizarase mediante o correspondente plan especial de ordenación formulado pola autoridade portuaria, segundo o establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e na lexislación de portos.

Mentres non sexa aprobado o plan especial poderán realizarse as construcións e instalacións relativas aos usos e actividades sinalados no vixente artigo 72 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que foi aprobado o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, de acordo co plan de utilización dos espazos portuarios, consonte as determinacións das normas de aplicación directa establecidas nos artigos 104 e 105 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia».

10. Ao número 9 «Planeamento subsistente» engádeselle o seguinte:

Plan Parcial de Ordenación do SAU-2, do sector residencial de alta densidade en contacto coas Brañas, aprobado pola Comisión Provincial de Urbanismo o 7 de abril de 1994, coa modificación de uso da parcela Z4 de «equipamento deportivo» aprobada polo Concello Pleno de Sada o 19 de decembro de 2003, publicada no BOP n.º 59, do 12 de marzo de 2004. Remitida á Xunta de Galicia mediante oficio do 2.3.2004 (n.º 977). Exclusivamente no que atinxe á fase A xa executada completamente. Non se inclúe no planeamento subsistente o ámbito das unidades de execución B e C que quedan sometidas ao réxime do solo rústico.

Estudo de detalle da UEI-7, publicado no BOP n.º 230, do 4 de outubro de 2004. Anuncio no DOG n.º 192, do 1 de outubro de 2004. Remitido á Xunta de Galicia mediante oficio do 21.2.2008 (n.º 823).

Estudio de detalle da UEI-17 publicado no BOP nº 270, do 23 de novembro de 2004. Anuncio no DOG nº 228, do 23 de novembro de 2004. Remitido á Xunta de Galicia mediante oficio do 30.10.2007 (n.º 4955).

Estudo de detalle da UEI-20, publicado no BOP n.º 288, do 16 de decembro de 2004. Anuncio no DOG n.º 241, do 14 de decembro de 2004. Remitido á Xunta de Galicia o 30 de outubro de 2007 (n.º 4956).

Estudo de detalle para reaxuste das aliñacións na avda. de Sada e os seus Contornos, publicado no BOP n.º 164, do 19 de xullo de 2004. Anuncio no DOG n.º 153, do 9 de agosto de 2004. Remitido á Xunta de Galicia mediante oficio do 6 de xullo de 2004 (n.º 2773).

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas