Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2012 Páx. 4213

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012 de delegación de facultades no director xeral do Igape para modificar en determinadas bases reguladoras o prazo de presentación da solicitude de cobramento.

Determinadas bases reguladoras das liñas de axuda do Igape establecen un prazo certo para que os beneficiarios presenten a solicitude de cobramento da subvención.

Nos casos en que o beneficiario recorre contra a resolución de concesión pode vencer este prazo sen que o recurso estea resolto e notificado, co cal se presenta o problema de se o importe da solicitude de cobramento debe ser o inicialmente concedido ou o importe que estima o beneficiario segundo o seu recurso.

Polo que antecede, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a seguinte delegación de facultades acordada polo Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica na súa xuntanza do 19 de decembro de 2011:

– Delégase no director xeral do Igape a competencia para resolver a modificación do prazo certo de presentación da solicitude de cobramento establecido en determinadas bases reguladoras do Igape, naqueles casos en que a estimación dun recurso administrativo contra unha resolución de concesión incremente o importe da axuda concedida inicialmente.

O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento respecto dos gastos e da porcentaxe de subvención definitivamente concedidos, así como a documentación xustificativa da execución do proxecto, no prazo dun mes desde a recepción da notificación do recurso.

A presentación do recurso non modificará o prazo de execución do proxecto polo que as facturas e os medios de pagamento deberán estar comprendidos nese prazo, agás que as bases reguladoras en concreto permitan modificar ese prazo e así o solicitase o beneficiario no seu recurso.

Este acordo aféctalles ás seguintes bases reguladoras:

a) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG núm. 65, do 8 de abril de 2010).

b) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas (DOG núm. 76, do 23 de abril de 2010).

c) Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica á internacionalización das empresas galegas (DOG núm. 22, do 2 de febreiro de 2011).

d) Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007/2013 (DOG núm. 75, do 15 de abril de 2011).

Segundo. Esta resolución entrará en vigor desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e tamén afectará aqueles expedientes en vía de recurso pendentes de resolver.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica