Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2012 Páx. 4206

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012 pola que se fai pública a modificación das bases de xestión económico-financeira do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O Consello de Dirección do Igape, por Acordo do 30 de marzo de 2000, aprobou as bases para a xestión económico-financeira do Instituto, como instrumento delimitador dun marco estable de regulación da totalidade dos procesos de xestión económico-financeira e dun ámbito competencial definido no ámbito orzamentario.

A referida regulación, modificada en varias ocasións, mantén a súa idoneidade, pero debido ao tempo transcorrido e a que a distribución de competencias precisaba dunha actualización debido á nova estrutura do Igape aprobada polo Consello de Dirección do Igape nas súas xuntanzas do día 2 de decembro de 2010 e do 1 de abril de 2011, é polo que o Consello de Dirección do Instituto acordou a súa modificación na xuntanza que tivo lugar o 19 de decembro de 2011.

Por outra banda, faise preciso anular a delegación de facultades que foi aprobada con carácter transitorio polo Consello de Dirección na súa xuntanza do 1 de xuño de 2011.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Derrógase a delegación de facultades aprobada polo Consello de Dirección do Igape do 1 de xuño de 2011 e publicada mediante Resolución do 3 de xuño de 2001 (DOG n.º 113, do 14 de xuño).

Segundo. Modifícanse os puntos das bases de xestión económico-financeira do Igape que se indican e que quedan redactados do seguinte xeito:

– Base II, parágrafo sexto:

Con carácter xeral, o director xeral do Igape poderá acordar reaxustes internos entre programacións, por proposta da Secretaría Xeral, por iniciativa propia ou do correspondente responsable de área, coa finalidade de adecualas ás necesidades reais, en cada momento.

– Elimínase a alínea c) da base III, a), 2.7.

– Base III, b) Órganos competentes:

1. O Consello de Dirección do Igape, sen prexuízo das facultades establecidas no artigo 9 da Lei 5/1992, do 10 de xuño.

a) Terá que ser informado previamente á resolución de concesión das subvencións e axudas a fondo perdido cun volume de investimentos subvencionable superior a 3 millóns de euros.

b) Reserva para si a competencia para resolver os procedementos de concesión e incumprimento das subvencións ao tipo de xuro cun volume máximo de préstamo subsidiable a 3 millóns de euros.

2. Acórdanse delegacións específicas de competencias, respecto dos órganos e materias que se detallan:

2.1. Na persoa titular da Presidencia do Igape:

– Acordar a contratación de persoal de alta dirección.

– Resolver os procedementos de concesión de subvencións e axudas, agás aquelas especificamente delegadas no/a director/a xeral, e cos seguintes límites cuantitativos:

– Subvención ao tipo de xuro: ata un volume máximo de préstamo subsidiable de 3 millóns de euros.

– Resolver os procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas das cales as facultades de concesión están atribuídas ao presidente do Igape.

– Acordar e formalizar convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, sen prexuízo de que o Consello de Dirección do Igape poida autorizar especificamente o/a director/a xeral para a subscrición de convenios concretos.

– Acordar a contratación de obras que impliquen a construción de bens inmobles ou a realización de traballos que modifiquen a forma ou substancia do terreo ou subsolo, así como a realización de todo tipo de negocios xurídicos de disposición sobre bens inmobles titularidade do Igape.

2.2. Na persoa titular da Dirección Xeral:

– Acordar a contratación de persoal, agás contratos de alta dirección.

– Acordar a subscrición de contratos sobre bens mobles ou servizos que o Instituto precise para o desempeño das súas funcións.

– Acordar a subscrición de cantos contratos de arrendamento de bens sexan precisos para o funcionamento do Instituto.

– Acordar a contratación das obras de reforma, reparación e conservación de bens que sexan precisadas polo Instituto.

– Formalizar contratos de apertura de contas correntes en entidades financeiras, logo de autorización da Consellería de Economía e Facenda.

– Acordar, de xeito mancomunado con calquera das persoas titulares dunha dirección de área ou da Secretaría Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes abertas, autorizándoo para o establecemento de sinaturas suplentes.

– Resolver os procedementos de concesión de subvencións e axudas públicas, nos casos en que así delegue o Consello de Dirección do Igape. Nos procedementos tramitados en concorrencia competitiva, resolver os arquivos dos expedientes polas causas previstas na lexislación vixente, na fase de resolución do procedemento.

– Resolver os procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas das cales ten atribuídas as facultades de concesión por delegación a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

– Designar os membros das comisións de valoración previstas nas bases reguladoras e convocatorias das axudas e subvencións do Instituto.

– Acordar e formalizar aqueles convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, nos que o Consello de Dirección do Igape teña acordado especificamente tal delegación.

Nos casos de ausencia da persoa titular da Dirección Xeral deberá habilitar expresamente a persoa titular da Secretaría Xeral ou a calquera dos titulares das direccións de área do Igape para que o substitúan nas súas facultades.

2.3. Na persoa titular da Dirección da Área de Financiamento:

– Instruír os procedementos de axudas e subvencións dentro do ámbito competencial da área, elevando proposta aos órganos competentes para a resolución.

– Resolver o arquivo dos expedientes tramitados na área, nos casos previstos pola lexislación vixente.

– Resolver a desistencia e a renuncia de dereitos, nos expedientes tramitados na área nos casos previstos na lexislación vixente.

– Acordar, de xeito mancomunado coa persoa titular da Dirección Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes abertas polo Igape.

2.4. Na persoa titular da Área de Internacionalización, Galicia World:

– Instruír os procedementos de axudas e subvencións dentro do ámbito competencial da área, elevando proposta aos órganos competentes para a resolución.

– Resolver o arquivo dos expedientes tramitados na área, nos casos previstos pola lexislación vixente.

– Resolver a desistencia e a renuncia de dereitos, nos expedientes tramitados na área nos casos previstos na lexislación vixente.

– Acordar, de xeito mancomunado coa persoa titular da Dirección Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes abertas polo Igape.

2.5. Na persoa titular da Área de Competitividade:

– Instruír os procedementos de axudas e subvencións dentro do ámbito competencial da área, elevando proposta aos órganos competentes para a resolución.

– Resolver o arquivo dos expedientes tramitados na área, nos casos previstos pola lexislación vixente.

– Resolver a desistencia e a renuncia de dereitos, nos expedientes tramitados na área, nos casos previstos na lexislación vixente.

– Acordar, de xeito mancomunado coa persoa titular da Dirección Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes abertas polo Igape.

2.6. Na persoa titular da Secretaría Xeral:

– Instruír os procedementos de axudas e subvencións dentro do ámbito competencial da área, elevando proposta aos órganos competentes para a resolución.

– Resolver o arquivo dos expedientes tramitados na área, nos casos previstos pola lexislación vixente.

– Resolver a desistencia e a renuncia de dereitos, nos expedientes tramitados na área, nos casos previstos na lexislación vixente.

– Acordar, de xeito mancomunado coa persoa titular da Dirección Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes abertas polo Igape.

3. Requirirán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia os seguintes acordos:

3.1. A resolución das solicitudes de axudas cando o importe da subvención supere os 4 millóns de euros.

3.2. Os convenios a que se refire o parágrafo 3 do artigo 11 da Lei 4/2006, do 30 de xuño (DOG n.º 136, do 14 de xullo).

4. Requirirán informe favorable previo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos os seguintes acordos:

4.1. A declaración de interese estratéxico de proxectos empresariais.

4.2. A resolución das solicitudes de axudas cando o importe do investimento subvencionable supere os 30 millóns de euros.

5. Será necesaria a comunicación preceptiva previa á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de todas aquelas decisións que supoñan a realización dun gasto superior aos considerados como gastos menores na normativa reguladora da contratación administrativa, nas seguintes materias:

5.1. Contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais.

5.2. Contratos de persoal.

5.3. Contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participación doutras empresas.

6. Así mesmo, precisarase informe conxunto, favorable e previo das direccións xerais de Orzamentos e de Función Pública (Consellería de Facenda) nos seguintes expedientes en materia de persoal:

6.1. Modificacións da estrutura e cadro de persoal.

6.2. Contratación de persoal temporal non previsto no cadro de persoal orgánico do Instituto.

7. A Consellería de Facenda autorizará a programación de compromisos plurianuais que se conteña no plan de actividades do Instituto.

– Base III, c) Documentos contables:

Por proposta do órgano xestor, entendido como aquel que organicamente ten asignadas as dotacións orzamentarias, a persoa titular da Dirección de Área ou da Secretaría Xeral executará as programacións e autorizará os documentos contables, ata a fase de proposta de pagamento incluída, nos soportes documentais e informáticos que se establezan. A Secretaría Xeral, de ordinario por medio da Subdirección de Xestión Económico-Financeira, validará as operacións, logo de comprobación da adopción do acordo polo órgano competente e do soporte documental correspondente a cada fase. Na fase K teranse en conta os límites que se establezan no orzamento de tesouraría do Instituto. A fase P disporase en función das dispoñibilidades de tesouraría e a fase S de acordo coa conciliación bancaria.

– Base IV, alínea a), penúltimo parágrafo:

Os documentos contables correspondentes a estas fases serán autorizados, por proposta da Secretaría Xeral, pola Dirección Xeral do Instituto.

– Elimínase o último parágrafo da base IV, a).

– Base V, a) Órgano de ordenación de pagamentos:

De acordo coa delegación de competencias establecida nestas bases, a persoa titular da Dirección Xeral é o tesoureiro e ordenador de pagamentos. Nos casos de ausencia, a persoa titular da Dirección Xeral deberá habilitar expresamente a persoa titular da Secretaria Xeral ou a calquera das titulares das direccións de área para que o substitúan nas súas facultades.

Na totalidade dos supostos de ordenación de pagamentos, tanto orzamentarias como extraorzamentarias, que corresponda ordenar á persoa titular da Dirección Xeral, formulará a proposta contida no correspondente documento contable a persoa titular da Secretaría Xeral. Nos casos de substitución polo titular da Secretaria Xeral na ordenación de pagamentos formulará a proposta contida no correspondente documento contable a persoa titular da Subdirección de Xestión Económico-Financeira.

– Base VI, operacións de peche contable do exercicio, liquidación e formulación do balance e das contas anuais:

A persoa titular da Dirección Xeral do Instituto formulará as contas anuais do Instituto previstas no Plan Xeral de Contabilidade público dentro do primeiro trimestre do ano seguinte. Dentro do primeiro semestre do ano seguinte procederase a someter á aprobación do Consello de Dirección do Instituto as contas anuais, xunto co informe elaborado por auditor externo independente.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica