Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2012 Páx. 3863

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Creares.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Creares, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Carlos Iglesias Agra, presidente do Padroado, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Creares foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o once de maio de dous mil once, ante o notario Juan Cora Guerreiro, co número de protocolo novecentos trinta e tres, por Carlos Iglesias Agra, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Creares ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos: a promoción da innovación e do desenvolvemento tecnolóxico, promovendo actitudes innovadoras en todos os eidos: empresariais, investigadores, educativos e sociais.

A fundación aspira a consolidar a innovación como valor cultural e como norma de conduta empresarial que propicie o desenvolvemento tecnolóxico e o progreso en todos os eidos. Por iso poden definirse como fins específicos da fundación os seguintes:

a) Promover e incentivar o coñecemento, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

b) Sensibilizar, promover e difundir na sociedade a cultura científica, a innovación, o avance tecnolóxico e o espírito de emprender.

c) Detectar e captar o talento investigador e científico na sociedade e fomentar a investigación científica e técnica aplicada a todos os aspectos económicos e sociais que poidan contribuír ao crecemento, benestar e calidade de vida da sociedade no seu conxunto.

d) Servir de instrumento de conexión entre a Administración, a universidade, as empresas e a sociedade galega, establecendo ou facilitando medios de colaboración e intercambio de ideas e coñecementos entre elas, que contribúan á excelencia na investigación, á mellora da competitividade do tecido empresarial, á creación de riqueza e ao desenvolvemento integral.

e) Servir de instrumento de mediación para o financiamento de novas empresas innovadoras.

f) Ser un foro de participación da sociedade e de todos os axentes do sistema de innovación.

g) Difundir amplamente, incluso a través da cooperación ao desenvolvemento, os avances experimentados en materia de innovación.

h) Realizar estudos técnicos, memorias, xornadas, foros e congresos.

i) Deseñar, organizar, promover e celebrar premios e recoñecementos á investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i).

j) Desenvolver programas formativos en materia de innovación e bolsas.

k) Colaborar coas administracións públicas, establecendo marcos e convenios de colaboración adecuados para a consecución dos seus fins.

l) Contribuír a que se defina unha estratexia de innovación capaz de provocar o crecemento explosivo do noso sistema de innovación.

m) Contribuír a que existan empresas que exerzan o papel de motores tecnolóxicos en todos os sectores relevantes do tecido produtivo. Estas empresas impulsarán a capacidade tecnolóxica dos seus subministradores y clientes, presentarán programas tecnolóxicos que impliquen o sistema público de I+D+i e fomentarán a aparición de spin-offestart-up nos seus sectores.

n) Impulsar a colaboración entre as pemes como vía de modernización da súa tecnoloxía. Esta colaboración inducirá á aparición dunha oferta tecnolóxica adecuada ás súas necesidades.

o) Contribuír a que as empresas se impliquen en conseguir a maior eficiencia das políticas públicas de fomento da innovación. As empresas e as súas asociacións empresariais deberán estar abertas a experimentar os instrumentos de política tecnolóxica con obxecto de proporcionar información, que conduza a deseños mellor adaptados ás súas necesidades.

p) Estimular a modernización do sistema publico de I+D+i e a transformación das súas estruturas para que sexa un soporte eficiente da competitividade do país. A dimensión dos grupos de investigación e a capacidade de enfrontarse aos problemas tecnolóxicos das empresas debe ser un obxectivo fundamental da evolución do sistema público de I+D+i.

q) Promover todo tipo de accións para que a ciencia, a tecnoloxía, a innovación e o espírito emprendedor sexan valores relevantes para a sociedade. Fomentar especialmente a iniciativa para a creación de novas empresas de base tecnolóxica.

r) Promover a aparición de proxectos de colaboración entre as empresas, favorecendo a transferencia de innovación entre elas.

s) Promover a difusión do coñecemento innovador en todos os seus ámbitos.

Ademais, a fundación debe contribuír ao coñecemento das consecuencias que o cambio tecnolóxico ten para as empresas e para a sociedade en xeral.

4. Na escritura de constitución constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza; o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Carlos Iglesias Agra, como presidente; Óscar Rama Penas, como secretario; e vogais, Cristina Seco López e Alejandro Álvarez Cotelo.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese tecnolóxico da Fundación Creares dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de novembro de 2011, clasificouse como de interese tecnolóxico a Fundación Creares, e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26.º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Economía e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Creares, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación Creares, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Creares.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como da presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución pode interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012.

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria