Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2012 Páx. 3850

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2012 as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE).

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 10 de maio de 2011 aprobáronse as bases reguladoras das axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. A través destas axudas a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar o desenvolvemento de programas específicos para as mulleres que se atopan en situacións de especial vulnerabilidade así como tamén o desenvolvemento de recursos especializados e programas de apoio a mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos/as menores de tres anos, todo iso co obxectivo prioritario da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

En consecuencia, mediante esta resolución procédese a convocar para o ano 2012 as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro), no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2011, e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), e na Resolución do 10 de maio de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes (Diario Oficial de Galicia número 96, do 19 de maio de 2011).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto ao abeiro do disposto no artigo 1.1.º da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, polo que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG número 34, do 19 de febreiro) modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG número 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG número 209, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2011.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas e subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes, a través dos seguintes tipos de programas:

a) Mantemento de centros de atención especializada a mulleres (centros de acollida, centros de día) nos que se ofrece asistencia básica (aloxamento, manutención) e programas de apoio ás mulleres en situación de exclusión especial.

b) Recursos integrais específicos para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos e/ou fillas menores de tres anos que conteñan actuacións dos tipos que se indican e semellantes:

– De información sobre recursos existentes para elas e os seus fillos e fillas.

– De acompañamento social con medidas de apoio psicolóxico para superación de cargas emocionais provocadas pola situación de embarazo ou maternidade.

– De orientación, asesoramento e busca de emprego.

– De adquisición de competencias persoais e sociais adaptadas para a inserción laboral e para afrontar a nova situación persoal.

– De medidas de apoio urxente.

c) Recursos integrais de axuda para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social (reclusas, ex-reclusas, drogodependentes).

d) Recursos integrais de apoio a mulleres en situación de especial protección (anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, pertencentes a minorías étnicas).

e) Recursos integrais de apoio e acompañamento dirixidos a vítimas de violencia de xénero.

f) Aqueles outros que se definan para mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade susceptibles de inclusión no ámbito desta resolución.

2. As bases reguladoras polas que se rexerán estas axudas foron aprobadas por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 10 de maio de 2011 (Diario Oficial de Galicia número 96, do 19 de maio).

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos e compromisos establecidos nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 10 de maio de 2011 e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Financiamento.

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un orzamento total de 889.777,00 euros que se imputará á aplicacións orzamentaria que se indica, podendo estar cofinanciadas ao 80% con fondos FSE no Programa Operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 71.

Aplicación

Código proxecto

Importe

04.40.313B.481.2

2012 00093

889.777,00 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 4. Prazo e presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

3. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo, para fins tributarios.

4. As entidades presentarán unha única solicitude acompañada da documentación establecida no artigo 5 das bases reguladoras. Aos formularios normalizados de solicitude, que se publican como anexos desta resolución, xuntarase o documento referido na letra h) e, de ser o caso, os indicados nas letras e), f), g), l) do número 2 do artigo 5 das bases reguladoras.

Cando se presente a través do rexistro electrónico estes documentos achegaranse en copias dixitalizadas anexados á solicitude.

Artigo 5. Instrución, avaliación e resolución do procedemento.

A instrución, avaliación e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Lugar e prazos de presentación da xustificación.

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán, con data límite do 30 de novembro de 2012 e nos lugares indicados no artigo 4 desta convocatoria, a documentación que sinala o artigo 16 das bases reguladoras.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas.

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI427A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 881 99 92 33 así como no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira.

Para os efectos desta convocatoria substitúense os formularios normalizados de solicitude publicados como anexos II, III, IV, V, VI, VII e VIII da Resolución do 10 de maio de 2011, polos que se publican con esta resolución, mantendo a súa vixencia os anexos IX e X.

Disposición derradeira segunda.

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2012.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file