Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2012 Páx. 3278

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xaneiro de 2012 pola que se establece o procedemento de recoñecemento de especialidades do persoal funcionario de carreira do corpo de mestres.

O Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro, establece as especialidades docentes do corpo de mestres que desempeñen as súas funcións nas etapas de educación infantil e de educación primaria reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O artigo 4.2.b) do citado real decreto establece a posibilidade de adquirir novas especialidades cando se estea en posesión das titulacións ou requisitos que figuran no seu anexo. Así mesmo, a disposición transitoria segunda prevé un prazo extraordinario de tres meses de recoñecemento de especialidades para o persoal funcionario do corpo de mestres que no momento da entrada en vigor do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes, reunía os requisitos exixidos para habilitarse para algunha das especialidades.

Procede regular o procedemento de recoñecemento de especialidades do corpo de mestres, polo que esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Prazo da solicitude de recoñecemento de especialidade.

O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que reúna os requisitos para a adquisición de novas especialidades establecidos no anexo do Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro, polo que se establecen as especialidades docentes do corpo de mestres que desempeñen as súas funcións nas etapas de educación infantil e de educación primaria reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá solicitar o recoñecemento de novas especialidades durante os meses de xuño e setembro de cada ano.

Segundo. Forma de realizar a solicitude.

A solicitude formularase a través da páxina web, en datos persoais no seguinte enderezo de correo electrónico: www.edu.xunta.es/datospersoais

A solicitude, xunto coa documentación xustificativa correspondente, poderase presentar nos rexistros das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia, na secretaría do centro educativo onde presta servizos o concursante ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se opte por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo persoal funcionario de Correos antes de ser certificada.

Terceiro. Resolución.

A solicitude de recoñecemento de habilitación será resolta polo subdirector xeral de Recursos Humanos.

Cuarto. Recurso.

Contra a resolución do subdirector xeral de Recursos Humanos poderá interpoñerse recurso de alzada perante o director xeral de Centros e Recursos Humanos.

Quinto. Recoñecemento de oficio.

A especialidade de educación primaria será recoñecida de oficio pola Administración educativa ao persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que estea en posesión dunha das titulacións que para esta especialidade se determinan no anexo do Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro.

Disposición transitoria. Prazo extraordinario de recoñecemento de especialidades.

O persoal funcionario do corpo de mestres, que no momento da entrada en vigor do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes, reunía os requisitos exixidos para habilitarse para algunha especialidade das reguladas no Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro, disporá dun prazo desde a publicación desta orde ata o 10 de febreiro de 2012 para solicitar o recoñecemento da dita especialidade, polo procedemento establecido nesta orde, quedando exceptuadas aquelas persoas que xa fixeron a solicitude coa participación no concurso de traslados en fase de resolución.

Disposición derradeira primeira. Habilitación.

Autorízase ao director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria