Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2012 Páx. 3281

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de xaneiro de 2012 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga na contrata dos servizos de limpeza no Hospital Virxe da Xunqueira.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada polas organizacións sindicais CIG e UGT, desde ás 00.00 horas do día 23 con carácter indefinido, levarase a cabo de luns a domingo en todas as quendas (mañá, tarde, noite e partida) afectará o persoal que presta servizos de limpeza no Hospital Virxe da Xunqueira.

Logo da audiencia ao comité de folga, a conselleira de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1.

A folga convocada desde as 00.00 horas do 23 de xaneiro será de carácter indefinido e afecta a todos os traballadores e traballadoras que prestan servizos de limpeza no Hospital Virxe da Xunqueira. A dita folga levarase a cabo de luns a domingo en todas as quendas (mañá, tarde, noite e partida), e deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Para a determinación dos servizos esenciais tivéronse en conta os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación coa hixiene do ambiente sanitario: o risco para os pacientes e traballadores derivado da realización de actividades e uso de materiais que sexan potencialmente contaminantes, a imposibilidade de demorar a prestación de asistencia e o volume de pacientes atendidos.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria no centro sanitario, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Entrando na análise dos servizos mínimos, establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

– Días laborais:

I. Urxencias e laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica e reaminación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o 100% do persoal.

II. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: 70% do persoal.

III. Restantes áreas: 50% do persoal.

– Días festivos e domingos:

En todas as áreas: 100% dos efectivos de domingos e festivos.

Artigo 2.

A determinación dos profesionais necesarios con base nos criterios anteriores, faraa a empresa contratista coordinadamente coa xerencia do centro e deberá estar adecuadamente motivada, mediante a designación nominal e individual, que deberá recaer nos profesionais designados de xeito rotatorio.

Os/as profesionais necesarios/as para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

O/a profesional designado/a como servizo mínimo, que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de forma expresa.

A xustificación debe obrar no expediente de determinación de mínimos do centro e exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios, cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Con tales premisas, no anexo desta resolución, recóllese o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Centro: Hospital Virxe da Xunqueira. Cee.

De luns a sábado:

Categoría

Servizo

Número de efectivos de servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Limpador/a

Urxencias

1

1

1

Limpador/a

Área cirúrxica

1

1

Limpador/a

Hospitalización

1

1

Limpador/a

Hospital de día

1

Festivos e domingos:

Categoría

Servizo

Número de efectivos de servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Limpador/a

Xeral

3

2

1