Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2012 Páx. 2410

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan as subvencións do Programa Reencontros na Casa para residentes no exterior para o ano 2012.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxes a Galicia Reencontros na Casa, que lles permite a emigrantes galegos e fillos/as de emigrantes galegos maiores de 55 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos cos seus familiares residentes aquí.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas en especie correspondentes ao Programa Reencontros na Casa para o ano 2012, que ten por finalidade promover, facilitando os traslados, o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

A dita resolución de convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no anexo I da Resolución Secretaría Xeral da Emigración de 28 de decembro de 2010, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das subvencións do Programa Reencontros na Casa para residentes no exterior e se convocan as correspondentes axudas para o ano 2011 (DOG núm. 3, do 5 de xaneiro).

Artigo 2. Prazas convocadas, achegas económicas e datas de realización.

2.1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2012 do seguinte xeito:

Países N.º de prazas

Arxentina 108

Brasil 23

Cuba 14

Uruguai 85

Venezuela 7

Outros países 4

Total 241

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 241 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

O 90% das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados na base reguladora primeira, números 1 e 2, e o 10% restante ás persoas que cumpran os requisitos da base reguladora primeira, número 3. Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que non se cubrisen algunha das cotas anteriores.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2.2. Axudas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60% do custo da viaxe a Galicia dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida, fixados pola Secretaría Xeral da Emigración, en América, ata o lugar de destino designado en Galicia. Farase cargo do 80% naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade en 2011 non superou os 2.600 € anuais. Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias debido a controis cambiarios poderá sufragarse o 80% da pasaxe, aínda que a dita base de cálculo supere a cantidade indicada de 2.600 euros anuais.

2.3. Datas de realización.

As datas de realización serán a finais do mes de xuño.

Artigo 3. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para este programa será de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e consecuentemente non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 5. Desenvolvemento.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 6. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file