Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2279

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 26 de decembro de 2011 pola que se declara deserta a adxudicación do procedemento de venda dunha embarcación tipo pontón.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 9 de xuño de 2011, acordou a tramitación dun expediente de venda, mediante poxa pública, dunha embarcación tipo pontón para a ensinanza do mergullo profesional.

Logo de publicarse no Diario Oficial de Galicia do 30 de novembro de 2011 a Orde da Consellería de Facenda do 16 de novembro de 2011, a poxa pública anunciada tivo lugar o 15 de decembro de 2011, co cal, á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar deserta en terceira poxa a adxudicación do seguinte ben:

Buque tipo pontón sen propulsión nin posicionamento dinámico, proxectado para a operación dunha campá de mergullo e destinada a ensino de mergullo, de 20 metros de eslora total, 12 metros de manga e 2,5 metros de puntal, con dous flotadores laterais de 20 metros de eslora cada un, 3 metros de manga e 2,5 metros de puntal, cunha cuberta dotada dun pórtico con altura libre de 5 metros e luz de 4 metros. Coas seguintes capacidades: combustible 1,5 m3, auga doce 30 m3 e aceite 1 m3.

Distribución xeral:

Casco 1: pañol a, local de botellas, cámara de máquinas, tanque de lastre, pañol b.

Casco 2: tanque de lastre, sala de xuntas, vestiarios, aseos, tanque de lastre.

Sobre cuberta principal: pórtico bípode con pau de luces, abertura (moonpool) para acceso á campá e espazos para contedor da cámara hiperbárica, contedor de sistema de control da campá, ancoraxe para guindastre guerra e guinches de fondeadura.

Segundo. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2011.

P.D. (Orde 27.4.2009)
Rosa M.ª Pedrosa Pedrosa
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda