Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2012 Páx. 1906

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establece e se regula o programa de Escolas abertas presenciais 2012 destinadas ás comunidades galegas no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu título preliminar recoñécelles ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade determina que as comunidades galegas son entidades asociativas sen ánimo de lucro que teñen personalidade xurídica e o seu obxecto é o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, a súa xente, a súa historia, a súa lingua e a súa cultura.

A Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e a confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

Para avanzar no fomento da cultura galega nas súas diferentes manifestacións artísticas e co fin de promover a participación dos cidadáns galegos e galegas e das comunidades nas que se integran na nosa vida cultural e social, faise necesario o deseño e implantación dunha programación formativa de carácter presencial que se desenvolverá durante o vindeiro mes de xullo nunha cidade de Galicia.

A especialización e a adquisición de novos coñecementos e ferramentas nas distintas materias formativas impartidas posibilitará unha maior implicación e colaboración da xuventude no seo das entidades galegas do exterior, favorecendo deste xeito a súa dinamización.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a realización dos distintos obradoiros de especialización de carácter presencial previstos dentro do programa Escolas Abertas 2012 e dirixidos ás comunidades galegas no exterior e aos cidadáns galegos residentes fóra de Galicia.

Estas bases, que se aproban expresamente nesta resolución, son as establecidas no seu anexo I.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria dos obradoiros de especialización para o ano 2012.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e as súas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e consecuentemente non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 5. Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a realización dos obradoiros programados
dentro das Escolas Abertas de especialización

Artigo 1. Obxecto.

Os distintos programas que se desenvolverán dentro das Escolas Abertas 2012 realizaranse nunha cidade de Galicia e consistirán en obradoiros de especialización:

1. Especialización.

1.1. Gaita tradicional galega.

1.2. Baile tradicional galego.

1.3. Percusión tradicional galega.

1.4. Canto popular e pandeireta.

O contido de cada un dos obradoiros programados será o que se recolle no anexo II desta convocatoria.

Os obradoiros convocados dentro das Escolas Abertas presenciais terán as seguintes características comúns:

I. Formación intensiva e duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas. Carácter participativo.

II. Os obradoiros desenvolveranse no mes de xullo do ano 2012.

III. A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades que se van impartir.

IV. Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

V. O número de participantes non será superior a 30 alumnos en cada unha das modalidades, sen que poida exceder o número de prazas establecidas por países que se recollen no punto VI deste artigo, coa salvidade establecida no seu último parágrafo.

VI. En todo caso, o número final de prazas de cada obradoiro e o desenvolvemento de cada unha das modalidades establecerase por resolución do secretario xeral da Emigración, en función das solicitudes presentadas, e poderase determinar a non realización dos obradoiros de non alcanzar un número suficiente de solicitudes.

O número de prazas ofertadas ascende a un total de 80 distribuídas por países do seguinte xeito:

a) Arxentina: 26 prazas.

b) Uruguai: 10 prazas.

c) Venezuela: 8 prazas.

d) Brasil: 5 prazas.

e) Cuba: 6 prazas.

f) Outros países americanos: 10 prazas.

g) Europa: 10 prazas.

h) España: 5 prazas.

As prazas que queden vacantes distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que, dentro do mesmo continente, teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas, ata un máximo dun 25% do total das prazas.

Artigo 2. Financiamento.

I. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo directamente dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros programados dentro das Escolas Abertas 2012.

II. Os gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria e polo importe que se determine na correspondente resolución de convocatoria.

III. Ademais dos gastos derivados da organización e desenvolvemento dos obradoiros, a Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do custo da estadía e da viaxe de todos os participantes desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral ata os aeroportos de Galicia e ao lugar de impartición dos obradoiros.

Non serán beneficiarios do programa aqueles participantes nos obradoiros que xestionen directamente a súa estadía e o desprazamento.

Artigo 3. Solicitantes.

Persoas xurídicas.

Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a condición de centro colaborador, así como aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas radicadas fóra de Galicia, inscritas no Directorio de centros galegos no mundo da Secretaría Xeral da Emigración, que contribúan a favorecer a difusión e a preservación do patrimonio cultural galego no exterior.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e responsables de impartir a docencia na modalidade solicitada dentro da entidade solicitante. En todo caso, os candidatos propostos pola entidade como titulares e suplentes deberán posuír coñecementos e capacidades similares en relación con aqueles obradoiros para os que son propostos.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes de prazas para estes obradoiros incluirán na súa solicitude unha proposta coa persoa que designen para participar nas Escolas Abertas 2012.

Non poderán participar en cada modalidade de obradoiro máis dunha persoa por entidade galega.

Persoas físicas.

Reservaranse un total de 4 prazas para a participación a nivel individual daqueles cidadáns galegos e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade maiores de 18 anos, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten, así como un nivel suficiente de coñecemento para participar neles, segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución.

Non poderán ser beneficiarias as persoas nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar.

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran as delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo). Poderán obterse os modelos normalizados de solicitude ou información adicional na paxina web www.galiciaaberta.com. As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa, segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades deles dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, establecerase na correspondente resolución de convocatoria.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. No suposto de que a solicitude de iniciación non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que, no prazo de 10 días, corrixan a falta na que incorran ou acheguen os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixesen, se lles terá por desistido das súas peticións de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 5. Resolución e prazo de duración do procedemento de concesión.

A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral da Emigración e será publicada na páxina web www.galiciaaberta.com.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que empezará a contar a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Obrigas.

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría modificar a resolución de concesión.

3. O falseamento de datos ou da documentación presentada polas persoas ou entidades beneficiarias dalgúns destes programas así como o incumprimento das súas obrigas comportará a súa exclusión en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas as que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. Os beneficiarios destes programas estarán obrigados a participar e asistir ás actividades para as que foron seleccionados.

6. A presentación da solicitude implica o consentimento do solicitante para o tratamento dos seus datos de carácter persoal, segundo o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Estes datos integraranse nun ficheiro responsabilidade da Secretaría Xeral da Emigración e ante quen os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Así mesmo, o interesado manifesta que presenta a autorización das persoas propostas para participar nas Escolas Abertas 2012, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria.

7. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. Agás nos casos indicados no artigo 9.4.º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios, polo que, a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina www.galiciaaberta.com.

Artigo 7. Documentación.

1. Persoas xurídicas.

A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas Abertas 2012 será:

a) Solicitude, segundo o modelo normalizado (anexo III), na que deberán indicarse os obradoiros nos que se quere participar.

b) Fotocopia do CIF ou equivalente. Así mesmo, deberá presentar fotocopia do documento que acredite a identidade e datos persoais dos candidatos propostos.

c) Breve currículo de cada aspirante con especial referencia aos coñecementos, títulos, experiencia, etc. na materia obxecto do obradoiro.

d) No caso do obradoiro de gaita tradicional galega deberase enviar, unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando a gaita solista.

e) No caso do obradoiro de percusión tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado cun instrumento de percusión galega, sen ningún outro instrumento acompañando o instrumento de percusión solista.

f) No caso do obradoiro de canto popular e pandeireta deberase enviar, unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos. A gravación remitida deberá ser solista.

g) No caso do obradoiro de baile tradicional galego deberase enviar, unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos, na que o alumno interprete varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, meneo, danza, etc.).

h) Unha fotografía tamaño carné de cada aspirante.

i) Unha declaración do aspirante comprometéndose a investir os coñecementos adquiridos no seo da entidade.

j) Certificación da entidade que acredite que as persoas propostas son as responsables de impartir docencia na entidade solicitante.

k) Certificación da entidade que acredite que a entidade ten grupo de baile ou música debidamente constituído.

l) Declaración de axudas obtidas para a mesma actividade doutras administracións ou entes públicos ou privados (anexo V). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que, en ningún caso, a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

m) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VI).

n) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os solicitantes non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes ou documentación acreditativa que xustifique a súa residencia fiscal fóra de España, así como declaración de que o solicitante se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Persoas físicas.

A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas Abertas 2012 será:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo IV), na que deberán indicarse os obradoiros nos que se quere participar.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade ou equivalente. Aqueles solicitantes con DNI español quedarán exentos de achegar a fotocopia no caso de que autoricen a Secretaría Xeral da Emigración a consultar os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Administracións Públicas, tal como se recolle no anexo IV.

c) Breve currículo artístico de cada aspirante: nivel de estudos musicais realizados, actuacións, número de alumnos aos que imparte clases, gravacións.

d) No caso do obradoiro de gaita tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando a gaita solista.

e) No caso do obradoiro de percusión tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado cun instrumento de percusión galega, sen ningún outro instrumento acompañando ao instrumento de percusión solista.

f) No caso do obradoiro de canto popular e pandeireta deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos. A gravación remitida deberá ser solista.

g) No caso do obradoiro de baile tradicional galego deberase enviar, unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos, na que o alumno interprete varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, meneo, danza, etc.).

h) Unha fotografía tamaño carné.

i) Documentación acreditativa de que a persoa solicitante imparte docencia na modalidade de obradoiro solicitado.

j) Declaración de axudas obtidas para a mesma actividade doutras administracións ou entes públicos ou privados (anexo V). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

k) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VI).

l) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os solicitantes non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes ou documentación acreditativa que xustifique a súa residencia fiscal fóra de España, así como declaración de que o solicitante se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma.

m) Documentación xustificativa que acredite a súa condición de galego ou descendente de galego ata o segundo grao de consanguinidade.

n) Documentación que acredite a súa residencia fóra de Galicia. Aqueles solicitantes con residencia en España quedarán exentos de achegar a documentación acreditativa da súa residencia fóra de Galicia no caso de que autoricen a Secretaría Xeral da Emigración a consultar os seus datos de residencia no Sistema de Verificación de Datos de Residencia do Ministerio de Administracións Públicas, tal como se recolle no anexo IV.

Artigo 8. Procedemento e criterios de selección.

A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ao programa de Escolas Abertas establecidos nesta resolución corresponderá á Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas, pola xefa de servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas e polo xefe de servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas ou persoas en quen deleguen.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución, podendo establecerse unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

Os criterios de valoración serán os seguintes:

I) En relación coa calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

I.1. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto e pandeireta e percusión tradicional galega.

a) Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

b) Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

c) Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

d) Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

I.2. No caso do obradoiro de baile tradicional galego.

a) Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

b) Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

c) Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

II. Alumnos solicitantes que non teñan participado nas catro últimas edicións destes programas: 20 puntos.

III. Segundo o número de socios da entidade solicitante, se é o caso: ata un máximo de 10 puntos.

– Ata 400 socios: 4 puntos.

– De 401 a 1.000 socios: 6 puntos.

– De 1.001 a 2.000: 8 puntos.

– Máis de 2.000 socios: 10 puntos.

IV. Entidades galegas solicitantes que teñan grupo de música ou baile constituído: 10 puntos.

No caso de empate, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra L, segundo o sorteo que tivo lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo resultado foi feito público por Resolución do 1 de febreiro de 2011 (DOG n.º 25 do luns 7 de febreiro).

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, da persoa proposta como titular pola entidade solicitante, procederase á valoración da persoa proposta como suplente. Neste caso a persoa proposta como suplente deberá achegar a documentación necesaria recollida no artigo 7.1 e deberá acreditar coñecementos adecuados para o aproveitamento do curso e, no caso de non reunir os requisitos para participar no obradoiro, quedará excluída a entidade solicitante co procedemento previsto e adxudicarase a praza vacante á seguinte entidade, segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración.

No caso de renuncia de solicitantes que sexan persoas físicas, procederase a adxudicar a praza vacante ao seguinte candidato, segundo a puntuación obtida con base nos criterios de valoración indicados anteriormente e no caso de non existir candidato que reúna os coñecementos axeitados para participar acumularase a praza vacante ás prazas ofertadas para as entidades galegas.

Artigo 9. Recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación, no caso de resolucións expresas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II
Programas dos obradoiros das Escolas Abertas 2012

I. Gaita tradicional galega.

I.1. Módulo 1: breve apartado teórico.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía.

d) Sistema da notación na gaita.

I.2. Módulo 2: praxe instrumental.

a) Afinación e son.

b) Articulación.

c) Ornamentación.

d) Interválica.

e) Repertorio.

f) Pedagoxía do instrumento.

I.3 Módulo 3: rrecursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, software musical.

II. Baile tradicional galego.

a) Especialización nas técnicas base do baile tradicional galego.

b) Aprendizaxe de novas técnicas e diferentes bailes.

c) Didáctica do baile tradicional galego (técnicas de ensino).

d) Formación complementaria en forma de charlas e análise de material audiovisual.

III. Percusión tradicional galega.

I.1. Módulo 1: breve introdución teórica.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía dos instrumentos de percusión (bombo, tamboril).

d) Sistema de notación para a percusión tradicional galega.

I.2. Módulo 2: praxe instrumental.

a) Afinación (bombo e tamboril).

b) Mantemento do instrumento.

c) Técnica.

d) Outros instrumentos de percusión (pandeiro, pandeira e tarrañolas).

e) Improvisación e acompañamento sobre melodía de gaita.

f) Pedagoxía do instrumento.

I.3. Módulo 3: recursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, software musical.

IV. Canto popular e pandeireta.

a) Visión do canto e da percusión en Galicia a través da historia.

b) Clasificación funcional dos distintos cantares e a súa relación co ciclo anual (cantos de entroido, os maios, o Nadal …).

c) Os distintos xeitos de tocar e cantar os ritmos da nosa música tradicional (xotas, muiñeiras, agarrados, etc.).

d) Presentación doutros tipos de percusión que tamén acompañan aos cantares (culleres, pandeiro, pandeira, botella de anís, cunchas, lata, sachos, tixolas, etc.).

e) Formación vogal e auditiva, respiración e vocalización.

f) Montaxe de repertorio.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file