Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2012 Páx. 1891

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta orde estará sometida ao regulado no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2011 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición no rexistro; caso en que quedará condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia do seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos, xustificado a través de certificación emitida polo concello onde teña o domicilio a entidade.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e concordantes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Expresar o seu consentimento á Administración concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas, que de principio se incorpora xa ao modelo de solicitude de subvención e se describe no artigo 9 desta orde.

e) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 3. Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 400.000 €, con cargo á partida orzamentaria 05.05.212A.481.1, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 18 de outubro do presente ano, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

As dotacións orzamentarias indicadas poderán incrementarse, se fose procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da comunidade autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes ou anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 7 desta orde. Tamén poderán aplicarse para as aprobacións derivadas da resolución de recursos do mesmo ou anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán empregarse para incrementar as contías das subvencións concedidas ou o número das subvencións aprobadas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións.

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou doutro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2 que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da xefatura territorial, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2011, relacionando o número de intervencións e número de voluntarios participantes en cada unha (en soporte informático).

b) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación, en caso de non ter solicitado a subvención no ano 2011 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Fotocopia compulsada do NIF da AVPC, no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2011 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

d) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios asegurados. No caso de que o sexan todos de forma non nominativa, deberá indicarse esta circunstancia na correspondente póliza, aínda que tamén poderá xustificarse cun certificado da compañía aseguradora.

e) Certificado do presidente de cada agrupación en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III, coa mesma data da solicitude de subvención.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, así como a especificada no artigo 7, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 9 desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e concederáselles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas xefaturas territoriais, os titulares destas remitirana á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue e formada polos cinco titulares das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; actuará como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7. Criterios de avaliación.

A concesión realizarase por concorrencia competitiva, segundo a cantidade dispoñible, entre todas as solicitudes seguindo os criterios técnicos que serán valorados tendo en conta a graduación que en cada caso se indica:

1. Número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias:

1.a) Mobilizacións realizadas polas AVPC a petición do CAE 112 Galicia. De acordo coa información recollida polo CAE 112 Galicia outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña maior número de mobilizacións no ano 2011, e ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 32 puntos. Poderase limitar o número máximo e mínimo de mobilizacións en función do abano de posibilidades existentes.

1.b) Mobilizacións realizadas pola AVPC por petición da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou dos servizos provinciais de emerxencias. De acordo coa información recollida e certificada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, por petición das AVPC participantes, outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña maior número de mobilizacións no ano 2011 e, ao resto, a que lle corresponda en proporción, ata un máximo de 12 puntos. Poderase limitar o número máximo e mínimo de mobilizacións en función do abano de posibilidades existentes.

2. Maior número de voluntarios asegurados. Outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña o maior número de voluntarios asegurados e ao resto, a que lle corresponda en proporción, ata un máximo de 12 puntos.

3. A existencia de riscos no concello, de acordo cos mapas e coa análise de riscos establecidos no Platerga e demais plans de protección civil, ata un máximo de 15 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto (15 puntos), risco alto (13 puntos), risco moderado (11 puntos), risco baixo (9 puntos) e risco moi baixo (7 puntos).

4. Atendendo ao número de núcleos de poboación (parroquias) do concello, outorgarase a maior puntuación á AVPC do concello con máis núcleos e, ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 12 puntos.

5. Atendendo á extensión territorial do concello, segundo os últimos datos publicados do Instituto Galego de Estatística, outorgarase a maior puntuación á AVPC do concello con máis extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 12 puntos.

6. O compromiso de utilización da lingua galega en todas as actividades educativas de prevención e nas publicacións e información sobre a temática de protección civil e medidas de autoprotección, dirixidas á poboación en xeral, ata un máximo de 5 puntos. Este compromiso acreditarase mediante a declaración-compromiso incluída na solicitude.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación acadada segundo os criterios indicados nos parágrafos anteriores. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 18.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde segundo a listaxe que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Artigo 8. Resolución.

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución do órgano concedente poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9. Publicación e rexistro.

De conformidade co disposto nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas ao amparo desta orde e incluirá igualmente as referidas subvencións e as sancións que como consecuencia delas se puideran impoñer, nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10. Deberes dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito, ás xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que puideran realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará calquera información que lle sexa requirida no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicar ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 12.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 11. Anticipos.

Para as subvencións solicitadas, poderá aboarse un anticipo de ata 80% da subvención, nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario, no propio impreso de solicitude da axuda.

Indicarase na solicitude a cantidade de anticipo solicitada. Unha vez aprobada a axuda, se a cantidade solicitada como anticipo é superior ao 80%, concederase, de ser o caso, o máximo do 80% da cantidade aprobada. En caso contrario, poderase conceder a cantidade solicitada como anticipo.

No trámite indicado no artigo 5.1, a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza fará a proposta de concesión ou denegación do devandito anticipo á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá de maneira motivada.

Artigo 12. Xustificación e pagamento.

As agrupacións ás que se lles aprobaran as subvencións segundo o artigo 8 desta orde disporán ata o 15 de setembro de 2012 para achegar as facturas e xustificantes de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo presidente da agrupación.

Ademais dos documentos anteriores deberán achegar, coa mesma data de presentación da xustificación, un certificado do presidente de cada agrupación en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III.

Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente de que solicitasen anticipos ou non, e para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentada, a xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza correspondente requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Poderán admitirse os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 15 de setembro de 2012.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

– Extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados.

– Para aquelas compras realizadas en metálico, de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada na cal figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de DNI da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, conformadas e asinadas polo/a presidente/a da agrupación.

– Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, en que figure tanto a conformidade do presidente da agrupación como o «recibín» do voluntario perceptor desta compensación.

Artigo 13. Compatibilidade.

Estas subvenciones son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade. Sen embargo, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvenciones, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14. Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Reintegro das subvencións.

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, seguíndose para isto o procedemento establecido no artigo 77 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Disposición adicional única.

Esta orde estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das axudas está condicionada á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 e ao disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file