Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2012 Páx. 1708

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2012 as axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE).

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 5 de abril de 2011, aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2011 das axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade. A través destas axudas a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade, conciliación e de prevención e eliminación da violencia de xénero, actuacións que pola proximidade á cidadanía e o coñecemento da situación específica da súa poboación resultan particularmente axeitadas para o desenvolvemento de accións dirixidas á transmisión dos valores da igualdade e da corresponsabilidade, do respecto e da eliminación da violencia nas relacións persoais, e así mesmo, na promoción de actuacións destinadas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, todo elo no conxunto de accións positivas dedicadas á consecución da eliminación das desigualdades entre mulleres e homes.

En consecuencia, mediante esta resolución, procédese a convocar para o ano 2012 as axudas e subvencións a entidades locais para promoción da igualdade. Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2011, e no que resulte de aplicación na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo) e na Resolución do 5 de abril de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade (Diario Oficial de Galicia núm. 71, do 11 de abril).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto ao abeiro do disposto no artigo 1.1.º da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2011.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas e subvencións ás entidades locais de Galicia, destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á erradicación da violencia de xénero, a través dos seguintes programas:

a) Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

b) Programa de fomento da conciliación.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

2. As bases reguladoras polas que se rexerán estas axudas foron aprobadas por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 5 de abril de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 71, do 11 de abril).

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades que cumpran os requisitos e compromisos establecidos nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 5 de abril de 2011.

Artigo 3. Financiamento.

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un orzamento total de 3.633.900,00 euros que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican, podendo estar cofinanciadas ao 80% con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69 e, no caso da partida orzamentaria 04.40.313B.460.2, destinada especificamente ao financiamento das accións de fomento e dinamización da cooperación entre os CIM, eixo 4, tema prioritario 80.

Aplicación

Código proxecto

Importe

04.40.312G.460.1

2012 00098

217.563 euros

04.40.313B.460.0

2012 00095

278.445 euros

04.40.313B.460.0

2012 00096

2.636.751 euros

04.40.313B.460.2

2012 00099

501.141 euros

TOTAL                                                               3.633.900 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O eixo 4, tema prioritario 80, financiará exclusivamente as funcións de fomento e dinamización da cooperación entre os CIM. Estas funcións serán desenvolvidas, preferentemente, por persoal contratado especificamente para iso. No caso de que as funcións de fomento e dinamización da cooperación se asignen a algún posto xa existente no CIM, a entidade solicitante indicará na ficha técnica (anexo VIII) a porcentaxe de horas imputadas ás ditas funcións e que en ningún caso poderá ser superior ao 20% da xornada laboral do dito posto.

4. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 4. Prazo e presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es.

3. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo, para fins tributarios.

4. Segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras, as entidades presentarán unha solicitude, por cada programa ao que concorran. Aos formularios normalizados de solicitude de cada procedemento, que se publican como anexos desta resolución, xuntarase copia dos seguintes documentos:

– Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero (procedemento SI435A): documentos referidos nas letras b), j) do punto 3.1 do artigo 5 das bases reguladoras.

– Programa de fomento da conciliación (procedemento SI435B): documentos referidos nas letras b), j), k) do punto 3.2 do artigo 5 das bases reguladoras.

Cando se presente a través do rexistro electrónico estes documentos achegaranse en copias dixitalizadas anexados á solicitude. A solicitude do programa de apoio aos centros de información ás mulleres (procedemento SI427B) non require a achega de documentos dixitalizados.

Artigo 5. Instrución, avaliación e resolución do procedemento.

A instrución, avaliación e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Lugar e prazos de presentación da xustificación.

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades locais presentarán, con data límite do 30 de novembro de 2012 e nos lugares indicados no artigo 4 desta convocatoria, a documentación que sinala o artigo 16 das bases reguladoras.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas.

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta resolución, que teñen os códigos SI435A para as axudas correspondentes ao programa 1 do artigo 1 das bases reguladoras, SI435B para as axudas correspondentes ao programa 2, e SI427B para as axudas correspondentes ao programa 3 do devandito artigo, poderase obter información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de igualdade das delegacións territoriais da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 881 99 92 33 así como no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira.

Para os efectos desta convocatoria substitúense os formularios normalizados de solicitude publicados como anexos II, III, IV, V, VI, VII, VIII e IX da Resolución do 5 de abril de 2011, polos que se publican con esta resolución, mantendo a súa vixencia os anexos X e XI.

Disposición derradeira segunda.

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2012.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file