Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2011 Páx. 41023

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Pazos de Borbén (expediente IN407A 2010/349-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita:

Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Domicilio social: avda. do Concello, 21, 36830 A Lama.

Denominación: L.M.T., C.T. de Gorgoreiro.

Situación: Pazos de Borbén.

Características técnicas: L.M.T. subterránea a 20 kV con condutor R.H.Z.1 de 680 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación existente Fraga do Rei e final no C.T. proxectado. Centro de transformación, prefabricado en caseta de formigón, de 400 kVA, R.T. 20 kV/420 V, situado en Gorgoreiro, Pazos de Borbén.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 3 de xaneiro de 2011, no BOP do 24 de xaneiro de 2011, no xornal Faro de Vigo do 22 de decembro de 2010 e no taboleiro de anuncios do concello de Pazos de Borbén. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Consuelo Blanco González oponse á declaración de utilidade pública, alegando o seguinte:

Que, de conformidade co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, a autorización administrativa solicitada por Eléctrica de Moscoso, S.L., afecta unha servidume sobre a casa, o patio, o xardín e horta que mide 92 m2 e, por conseguinte, prohibido no dito artigo.

Con respecto á alegación de Consuelo Blanco González, a distribuidora Eléctrica de Moscoso, S.L. entende que a interpretación que fai Consuelo do artigo 161 do Real decreto 1955/2000 é errónea xa que as limitacións á expropiación do dito artigo se refiren exclusivamente ás liñas eléctricas de alta tensión e non aos centros de transformación, que é o seu caso, nin a redes de baixa tensión, sabendo ademais que cada unha destas instalacións teñen o seu correspondente regulamento de aplicación.

Vistas as alegacións e a contestación dada por Eléctrica de Moscoso, S.L., e o informe emitido polo subdirector xeral de Enerxía o 21 de novembro de 2011, en canto á expropiación conclúese o seguinte:

Que os transformadores son instalacións eléctricas que a Lei do sector eléctrico considera de utilidade pública e, polo tanto, susceptibles de seren expropiados os bens necesarios para a instalación súa.

Que o alcance do artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000 debe ser determinado dun xeito restritivo, polo que se entenderá prohibido o establecemento dunha servidume de paso, definida nos artigos 157 e 158 do citado real decreto, pero non a expropiación dos bens necesarios para a instalación dun centro de transformación.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997 do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 24 de novembro de 2011.

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra