Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 20 de decembro de 2011 Páx. 37384

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da ampliación da subestación de Atios-novas posicións de 220 kV, liña Pazos de Borbén 2 e autotransformador ATP-7, promovido por Red Eléctrica de España, S.A.U., no termo municipal do Porriño (expediente IN407A 2009/635-4).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación en Paseo Conde de los Gaitanes, n.º 177, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 30.1.2009 a citada empresa solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da citada instalación, e presentou a documentación preceptiva a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

– Ampliación da subestación de Atios, con catro novas posicións no parque de 220 kV: para a liña Pazos de Borbén 2 e para os autotransformadores ATP-5, ATP-6 e ATP-7.

– Concello: O Porriño (Pontevedra).

Terceiro. O 7.4.2009, para os efectos previstos no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, emitiu informe favorable sobre a devandita solicitude.

Cuarto. O 6.7.2009 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu informe sobre a cualificación ambiental do proxecto obxecto da presente resolución, no cal considera que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais. Non obstante o anterior, e co fin de mellorar a integración ambiental do proxecto, o informe establece que se deberán cumprir as especificacións técnicas de carácter ambiental que figuran no documento n.º 6 do proxecto presentado polo promotor.

Quinto. Por Resolución do 16.9.2009, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra (en diante, departamento territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa das instalacións eléctricas do devandito proxecto de execución.

Sexto. Por Acordo do 27.1.2010 do departamento territorial anulouse a Resolución do 16.9.2009 e someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas do devandito proxecto. Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.2.2010, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 26.3.2010 e no xornal Faro de Vigo do 23.3.2010, e tamén estivo exposto nos taboleiros de anuncios do departamento territorial e do Concello do Porriño.

Sétimo. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

Manuel Fernández Pellicer, no nome e representación da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., presentou escrito de alegacións, en que manifesta o seguinte:

– Que Unión Fenosa Distribución, S.A. é titular da autorización do proxecto denominado «Subestación Atios 220/132/15 kV, ampliación e reforma», concedida mediante Resolución do 7.11.2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (expte.: IN407A 2007/126-4), que inclúe a ampliación do parque de 220 kV mediante as posicións asociadas a dous novos transformadores de potencia 220/15/15 kV de 60/30/30 MVA cada un (T-V e T-VI), que se atopan en fase de construción por parte de Unión Fenosa Distribución, S.A., polo que a sociedade alegante considera que se cometeu un erro na redacción do proxecto ao incluír as posicións dos transformadores T-V e T-VI, que se atopan en construción e cuxa autorización suporía unha duplicidade de instalacións eléctricas, non dándose tampouco as razóns para a declaración de utilidade pública das referidas instalacións.

– Que o 25.11.2008 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou ante esta consellería o proxecto denominado «Subestación Atios 220 kV, posición transformador T-VII 220 kV e ampliación parque 15 kV», sometido a información pública mediante Resolución do 21.7.2009 do departamento territorial (expte.: IN407A 2009/625-4).

– Que Unión Fenosa Distribución, S.A. considera que non existe razón para acudir ao trámite de expropiación forzosa no caso do presente expediente, xa que existe un acordo entre Unión Fenosa Distribución, S.A. e Red Eléctrica de España, S.A.U., asinado o 28.9.2005 e do que achegan copia, en relación aos terreos en que se asentan os activos de transporte, segundo o cal se transmite a Red Eléctrica de España, S.A.U. unha cota do predio pro indiviso, establecéndose unhas porcentaxes de participación para ambas sociedades. Unión Fenosa Distribución, S.A. considera que Red Eléctrica de España, S.A.U. dispón de espazo para a instalación proxectada ou, en calquera caso, se o espazo atribuído na mencionada repartición non fose suficiente, sería necesaria só unha modificación do acordo asinado, ao que a sociedade alegante está disposta, polo que non sería necesaria a declaración de utilidade pública en concreto.

Oitavo. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se for o caso, establecesen o condicionado procedente.

Noveno. O 27.9.2010 o departamento territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente.

Décimo. Por Resolución do 18.11.2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, validouse a Resolución do 27.10.2009 do departamento territorial (expte.: IN407A 2009/625-4), de autorización e aprobación do proxecto de execución, a nome de Unión Fenosa Distribución, S.A., da «Subestación Atios 220 kV posición transformador T-VII e ampliación parque 15 kV», na parte correspondente ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica, e declarouse nula de pleno de dereito a devandita resolución na parte correspondente ás instalacións de transporte de enerxía eléctrica.

Décimo primeiro. Por Resolución do 22.11.2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no marco do expediente IN407A 2007/126-4, para as instalacións eléctricas denominadas «Posicións de transformación a 220 kV denominadas T-V e T-VI da subestación de Atios» de Unión Fenosa Distribución, S.A., a favor da Red Eléctrica de España, S.A.U.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 79/2009, do 19 de abril, e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos, no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., da contestación que lles deu a empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– Canto ás alegacións relativas ás posicións de transformación ATP-5 e ATP-6, cabe dicir que por Resolución do 22.11.2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, foi autorizado o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no marco do expediente IN407A 2007/126-4, para as instalacións eléctricas denominadas «Posicións de transformación a 220 kV denominadas T-V e T-VI da subestación de Atios» de Unión Fenosa Distribución S.A., a favor da Red Eléctrica de España, S.A.U. Ambas as empresas presentaron ante esta dirección xeral un escrito de formalización da devandita transmisión de titularidade asinado o 13.12.2010, e os servizos técnicos do departamento territorial emitiron a correspondente acta de posta en servizo destas instalacións a nome da Red Eléctrica de España, S.A.U. Por último, a Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou o 27.1.2011 un escrito ante esta consellería en que solicita a desistencia da súa solicitude no presente expediente en referencia ás posicións de transformación ATP-5 e ATP-6.

– Canto ás alegacións relativas á posición de transformación ATP-7, cabe dicir que, aínda que o 27.10.2009 o departamento territorial autorizou e aprobou o proxecto de execución desta posición a nome de Unión Fenosa Distribución, S.A., esta dirección xeral declarou nula de pleno dereito a devandita autorización, xa que, ao tratarse dunha instalación de transporte secundario e non contar coa autorización expresa e individualizada do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a que se fai referencia no artigo 35.2 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, o titular dela debe ser Red Eléctrica de España, S.A.U., transportista único.

– Canto ás alegacións relativas á solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública do devandito proxecto, cabe dicir que Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou o 13.10.2011 un escrito ante esta consellería en que solicita a desistencia da devandita solicitude de declaración de utilidade pública no presente expediente.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a «Ampliación da subestación de Atios; novas posicións de 220 kV: liña Pazos de Borbén 2 e autotransformador ATP-7», promovida por Red Eléctrica de España, S.A.U., no termo municipal do Porriño (Pontevedra).

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita, coas seguintes características técnicas:

– Posición da liña de Pazos de Borbén 2.

– Posición do autotransformador ATP-7.

3. Aceptar as dúas desistencias de Red Eléctrica de España, S.A.U. citadas no fundamento de dereito terceiro, e declarar concluído o procedemento canto ás dúas solicitudes seguintes:

– A autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, a respecto das dúas posicións para os autotransformadores ATP-5 e ATP-6.

– A declaración, en concreto, da utilidade pública do proxecto «Ampliación da subestación de Atios; novas posicións de 220 kV: liña Pazos de Borbén 2 e autotransformadores ATP-5, ATP-6 e ATP-7».

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. Esta autorización non inclúe as instalacións correspondentes ás posicións de transformación ATP-5 e ATP-6, das cales a empresa promotora presentou escrito de desistencia o 27.1.2011. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial Julio Alguacil Prieto e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia na súa Delegación da Coruña, con visado dixital n.º CO084712 e data 19.12.2008.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o departamento territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. De acordo co disposto no informe de cualificación ambiental, emitido o 6.7.2009 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura, o promotor deberá cumprir as especificacións técnicas de carácter ambiental que figuran no documento n.º 6 do proxecto presentado.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34, número 1.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas