Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 30 de decembro de 2003 Páx. 16.376

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CONSELLO GALEGO DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS INDUSTRIAIS DE GALICIA

HONORARIOS orientativos para os traballos realizados polos enxeñeiros técnicos industriais de Galicia (aprobados por acordo da Xunta Executiva, na data 8-11-2003).

Estas normas de honorarios orientativos redáctanse respondendo á necesidade de darlle cumprimento á Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberizadoras en materia de solo e de colexios profesionais, a cal na súa exposición de motivos indica:

«...Finalmente, elimínase a potestade dos colexios profesionais para fixar honorarios mínimos, se ben poderán establecer baremos de honorarios orientativos».

De igual xeito no artigo 5, parágrafo 5, da mencionada lei, facúltanse os colexios profesionais, dentro das súas funcións, para:

«Establecer baremos de honorarios, que terán carácter simplemente orientativo».

Pola outra parte, os estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, aprobados mediante o Decreto 202/1995, do 16 de xuño, da Xunta de Galicia, establece entre as súas finalidades e funcións:

«Aprobar normas de honorarios profesionais aplicables por tódolos colexios de Galicia».

O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, co fin de, por unha parte: unifica-los criterios que deben rexer na Comunidade Autónoma, e por outra parte: definir un documento que sirva como orientativo, non só para os profesionais que agrupa, senón tamén para a Administración e a propia sociedade, decidiu -trala longa experiencia acumulada e un profundo estudioa publicación deste documento, que ten como único destino, como xa se indicou, orientar sobre os honorarios dos enxeñeiros técnicos industriais de Galicia polos traballos que realizan.

Dada a gran profusión de traballos que realizan os enxeñeiros técnicos industriais, neste documento unicamente se regularán os máis usuais.

Os traballos que maioritariamente realizan os enxeñeiros técnicos industriais adoitan ser dos seguintes tipos:

-Proxecto (documentos que o forman: memoria, planos, prego de condicións e orzamento).

-Dirección de obra ou inspección técnica e os seus correspondentes certificados.

-Estudio de seguridade e saúde ou estudio básico de seguridade e saúde.

Primeira parte

1. Obxecto e ámbito.

Serán de aplicación, con carácter simplemente orientativo, as tarifas de honorarios que se describen a continuación ós traballos subscritos por enxeñeiros técnicos industriais de Galicia, e presentados para o seu visado ante os colexios da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

2. Competencias e interpretación.

A xunta executiva do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e as xuntas de goberno dos colexios serán competentes para realiza-la interpretación destas normas orientativas, así como para informar sobre estas as distintas administracións públicas, entidades e particulares.

3. Aplicación analóxica e supletoria.

Se un determinado traballo non se corresponde directamente cos comprendidos na segunda parte destas normas, os seus honorarios poderanse determinar por aplicación daqueles correspondentes a traballos cos que garden maior analoxía.

Con carácter supletorio, en canto non se opoñan a este acordo, serán de aplicación as normas recollidas nas tarifas de honorarios recollidas no Decreto 1998/1961, do 19 de outubro, e Orde do 9 de decembro de 1961 (BOE do 25 de outubro e 14 de decembro); así como aquelas normas que co mesmo fin dicte o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Segunda parte

4. Honorarios.

4.1. Honorarios orientativos mínimos.

Os honorarios orientativos mínimos establécense en 210 A. Para todo tipo de traballos, coa excepción dos informes periciais simples (ata 5 páxinas, sen documento fotográfico e valores de taxacións inferiores a 30.000 A; así como ás fichas reducidas de vehículos, para os cales se fixan en 90 A.

4.2. Proxectos.

4.2.1. Proxectos en xeral.

Os honorarios orientativos calcularanse como unha porcentaxe do orzamento de execución material do propio proxecto. (O orzamento de execución material

supón o custo de realización del sen incluír nin beneficio industrial, nin os impostos que lle poidan afectar). Esta porcentaxe, como norma xeral será do 5% (cinco por cen), salvo nos casos que se citan a continuación.

Segundo o tipo de proxecto, e tendo en conta a maior ou menor complexidade da súa realización, definíronse dous grupos (A e B), correspondendo ós incluídos no grupo A o 4% e ós incluídos no grupo B o 6%. Os tipos de traballos recollidos en ambos grupos, relaciónanse no anexo deste documento.

4.2.2. Documentos por separado.

Se houbese necesidade de redactar soamente un dos documentos que forma o proxecto, os honorarios orientativos correspondentes a este traballo calcularanse da seguinte forma:

-Memoria: 50%.

-Planos: 70%.

-Prego de condicións: 30%.

-Orzamento: 40%.

-Estudio básico de seg. e saúde: 30%.

4.2.3. Proxectos de reforma.

Son aqueles proxectos que se efectúan sobre unha actividade existente e nos que se pretende aproveitar parte das instalacións que están funcionando, incluíndo estas nos novos cálculos e xustificando a súa validez no bo funcionamento da actividade, unha vez reformada.

Os honorarios serán un 20% superiores ós que corresponderían ó proxecto de novo deseño.

4.3. Dirección de obra.

4.3.1. Dirección de obra.

A dirección de obra terá uns honorarios equivalentes ós do proxecto.

4.3.2. Inspección técnica.

O importante dos honorarios de inspección técnica será do 50% dos honorarios do proxecto correspondente.

4.3.3. Aceptación de dirección ou coordinación de obra.

Os compromisos de aceptación ou de coordinación de seguridade e saúde en fase de execución de obra serán do 30% dos honorarios orientativos, por conta dela.

4.4. Seguridade e saúde.

4.4.1. Estudio de seguridade e saúde.

Para a obtención dos honorarios do estudio de seguridade e saúde aplicaríase o 3% do orzamento de execución material do proxecto.

Os honorarios do coordinador en fase de execución, como mínimo, deberán ser iguais ós do director ou conxunto de directores da obra.

5. Coeficientes reductores.

Os honorarios orientativos correspondentes ós traballos, unha vez aplicadas para o seu cálculo as normas referidas anteriormente, reduciranse a medida que aumente o importe do orzamento de execución material, para o seu efecto serán multiplicados por coeficientes reductores de acordo coa seguinte escala:

Valor en euros do orzamentoCoeficientes

Ata35.000 A1,00
Exceso de35.000 Aata70.000 A0,90
Exceso de70.000 Aata100.000 A0,80
Exceso de100.000 Aata150.000 A0,70
Exceso de150.000 Aata200.000 A0,65
Exceso de200.000 Aata400.000 A0,60
Exceso de400.000 Aata600.000 A0,55
Exceso de600.000 Aata800.000 A0,50
Exceso de800.000 Aata1.200.000 A0,45
Exceso de1.200.000 Aata1.600.000 A0,40
Exceso de1.600.000 Aata2.400.000 A0,35
Exceso de2.400.000 Aata3.200.000 A0,30
Exceso de3.200.000 Aata3.600.000 A0,25
Exceso de3.600.000 Aata7.200.000 A0,20
Exceso de7.200.000 Aata14.400.000 A0,15
Exceso de14.400.000 Aata28.800.000 A0,10
Exceso de28.800.000 A0,05

6. Outros gastos.

Estes honorarios orientativos non comprenden os gastos necesarios para as tomas de datos, levantamentos topográficos, sondaxes, estudios xeolóxicos, etc. Nin os gastos de desprazamento cando o domicilio do enxeñeiro e a localización da obra se atopan en localidades distintas.

7. Disposición adicional.

Estas normas orientativas poderán, nun futuro, ser modificadas total ou parcialmente polo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais por razóns que así o aconselle a conxuntura lexislativa, social ou económica, ou ben que considere razoable que se impoña a súa actualización por calquera outra cousa.

8. Disposición derradeira.

Estas normas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación ós vinte días da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2003.

Edmundo Varela Lema

Presidente do Consello Galego de Enxeñeiros

Técnicos Industriais

ANEXO

-Grupo A (relación de traballos ós que se vai aplica-lo 4%)

Redes de sumidoiros.

Canles e túneles para usos industriais.

Depuración de augas potables e residuais.

Pavimentacións.

Abastecemento de augas.

Centrais de producción de enerxía.

Cimentacións e pilotaxes.

Estructuras e cubertas.

Fundicións, siderurxia, metalurxia e ferroaliaxes.

Instalacións eléctricas para usos domésticos e industriais, forza motriz.

Transporte de enerxía e similares.

Garaxes, cocheiras para equipos móbiles e de tracción.

Edificios para usos industriais, agrícolas, forestais e pecuarios.

Industrias da madeira e derivados.

Industrias da cortiza, os seus derivados, resinas e análogas.

Industrias da pedra e derivados.

Industrias do cemento, derivados e afíns.

Industrias de cerámicas.

Industrias de carbón.

Industrias do calzado e análogas.

Industrias téxtiles, confección e complementarias.

Industrias de curtidos e análogas.

Industrias do azucre, amidóns e derivados.

Industrias alimentarias.

Instalacións sanitarias.

Industrias de aceites, graxas e xabóns.

Industrias vitivinícolas e derivados.

Redes urbanas de distribución de auga, gas electricidade e similares.

Vivendas para empregados e obreiros, oficinas, escolas de capacitación, piscinas, casas de baños, frontóns e similares, afectos á obra de enxeñería dentro do estricto recinto da súa explotación.

-Grupo B (relación de traballos ós que se vai aplica-lo 6%)

Instalacións de gas.

Calefacción, refrixeración, frío artificial e acondicionamento de aire.

Caucho e as súas aplicacións.

Cervexería e industrias similares.

Industrias de vidro.

Aplicacións especiais da electrónica, raios X, electro medicina e industriais.

Aproveitamento de lixo.

Sistemas de sinalización e instrumentación electrónica, automatización, telemando, telemedia, reloxería de rexistro eléctrico e magnético.

Instalación de protección contra incendios.

Xestións de residuos.

Xestión e proxectos ambientais.