Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 30 de decembro de 2003 Páx. 16.251

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do Instituto Municipal de Facenda do Concello de Ferrol.

Visto o expediente do convenio colectivo do Instituto Municipal de Facenda do Concello de Ferrol

(código convenio 1504092), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-11-2003, e subscrito en representación da parte económica polo Imfacofe, e da parte social, pola delegada de persoal o día 9-10-2003 e ratificado polo pleno do concello de Ferrol do 30-10-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 20 de novembro de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do Instituto

Municipal de Facenda do Concello de Ferrol

Exposición de motivos

Por acordo plenario do 30 de novembro de 2000 aprobáronse os estatutos do organismo autónomo denominado Instituto Municipal de Facenda do Concello de Ferrol, publicados no BOP da Coruña do 7 de decembro de 2000. Nos ditos estatutos recollíase que o persoal do antigo recadador executivo se integraría no devandito instituto coas mesmas condicións e cos mesmos dereitos e obrigas que tiñan no momento de se extingui-lo contrato do recadador externo no concello.

Despois dun lapso de tempo sen convenio colectivo (dous anos e dez meses) cómpre senta-las bases do marco xurídico polo que se rexerán as relacións entre os traballadores e a empresa, convenio que é froito do consenso e o entendemento, na procura dun mellor funcionamento do servicio público de xestión e recadación dos ingresos do Concello de Ferrol, co fin de obte-los recursos suficientes cos que afronta-la atención ás demandas dos veciños e realizar novos investimentos que contribúan a mellora-la súa calidade de vida.

Así mesmo, o convenio trata de dota-los traballadores de seguridade xurídica na súa relación coa

empresa, sendo coñecedores en todo momento dos dereitos e obrigas que atinxen a ámbolos dous.

Este convenio xorde como un primeiro paso cara a posteriores negociacións, que servirán nun futuro para profundar na mellora dos dereitos económicos e sociais do persoal do organismo, sempre na procura dunha maior eficacia na prestación do servicio, e dado que non foi posible plasmar totalmente o principio de igual traballo, igual salario.

Polo anteriormente exposto, as partes asinantes, manifestan a súa intención de seguir profundando no diálogo social, como o instrumento que mellor garante o cumprimento do obxectivos básicos do organismo: a mellora na xestión e na recadación dos ingresos públicos e nas condicións sociolaborais dos traballadores, como garantía de que aquela sexa eficaz.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación persoal.

Rexeranse por este convenio os traballadores e as traballadoras que presten os seus servicios no Imfacofe coas categorías que se relacionan no corpo deste convenio e nas súas táboas salariais.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor, para tódolos efectos, desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2004, e enténdese prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 3º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia ante a outra parte e a autoridade laboral competente. Esta denuncia deberá efectuarse, como mínimo, con dous meses de antelación á data de expiración da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria, encargada de realiza-las funcións de conciliación, interpretación e vixilancia do pactado neste convenio colectivo.

A comisión estará formada polas representacións empresarial e social asinantes.

Pola parte social os representantes serán o/a delegado/a de persoal e un traballador ou traballadora, elixido/a este/a pola asemblea de persoal.

Pola parte empresarial, estará formada por dous concelleiros designados polo Consello de Administración por proposta do presidente do Imfacofe.

A comisión constituirase dentro dos tres meses seguintes á publicación deste convenio.

Artigo 5º.-Xornada.

1.O horario de traballo será durante todo o ano, agás o período que se dirá a continuación, entre as 7.50 h e as 15.00 horas. Para o período que

vai entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, o horario de traballo será entre as 8.00 h e as 14.30 horas.

2. As traballadoras e os traballadores disporán dun descanso de vinte minutos diarios retribuídos e non recuperables, na súa xornada laboral sempre que sexa unha xornada continuada de seis ou máis horas. Durante o gozo deste período de descanso, deberán estar garantidas suficientemente as necesidades do servicio.

3. Ademais dos festivos a que se refire a lei, non serán laborables os seguintes:

Día 24 de decembro.

Día 31 de decembro.

4. Horas extraordinarias:

As horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria serán consideradas como extraordinarias.

O pagamento das horas extraordinarias poderase substituír pola compensación en tempo cando non supoña un prexuízo para o normal funcionamento do servicio. A compensación en horas laborables libres será na proporción dunha hora e corenta e cinco minutos (1 h: 45") por cada hora extraordinaria traballada.

O gozo das horas libres de compensación pola realización de horas extraordinarias terá lugar preferentemente no día laborable inmediatamente posterior á data da súa realización sempre que o servicio o permita. Sen embargo, por acordo entre o traballador/a e a xerencia, as horas de compensación poderanse acumular ata chegar a completar unha ou máis xornadas de traballo.

A empresa queda obrigada a dar publicidade entregando, anualmente, un balance no que consten as horas extraordinarias realizadas por cada traballador, agrupadas por áreas ou servicios nos que foron aplicadas.

5. Permisos retribuídos: as traballadoras e os traballadores, co previo aviso e xustificación, terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos seguintes:

-Por matrimonio propio, terá dereito a unha licencia retribuída de quince días naturais ininterrompidos.

-Por enfermidade grave o morte do cónxuxe, fillos/as ou persoas que convivan co traballador: cinco días naturais, o de oito se a morte sucedese fóra do ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma.

-En caso de enviuvar tendo fillos menores de seis anos ou diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais ó seu cargo: un máximo de dez días naturais desde o falecemento do cónxuxe.

-Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade: dous días cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días cando se produza en localidade distinta.

-Por intervención cirúrxica de familiares ata o segundo grao de familiaridade e consanguinidade: dous días naturais (ampliables, a estudiar en cada caso concreto).

-Por paternidade: cinco días.

-Por traslado de domicilio habitual: dous días.

-Para concorrer a exames e demais probas de aptitude ou avaliación en centros oficiais: os días da súa celebración.

-Licencia ás persoas representantes sindicais: observarase o lexislado na materia.

-Permisos de lactación: observarase a lexislación vixente na materia.

-Por asuntos propios, e sen necesidade de xustificación, nove días. A concesión destes días por asuntos propios estará sempre condicionada ás posibilidades do servicio.

A denegación do permiso por parte da empresa deberá ser motivada.

6. Vacacións.

O persoal do Imfacofe terán dereito ó gozo dun período de vacacións anuais que non serán renunciables nin substituíbles por compensación económica. Terán a duración dun mes ou parte proporcional correspondente se o tempo de servicios prestados fose inferior a un ano, agás no caso dos/as xubilados/as que collerán o mes completo de vacacións antes da data da súa xubilación.

Gozaranse preferentemente nos meses de xullo e agosto a mes natural e completo agás petición expresa do/a interesado/a de gozalas fóra dese período, petición que en todo caso estará condicionada ás necesidades do servicio. A quenda de vacacións será rotatoria en cada servicio agás acordo expreso das persoas interesadas.

As vacacións anuais, sempre que o servicio o permita, poderanse fraccionar tamén en dous períodos non inferiores ós 15 días a petición do/a interesado/a sen que o cómputo de ámbalas dúas fraccións poida supera-los 31 días, e tendo que mediar entre as dúas metades como mínimo un mes.

O período de vacacións quedará suspendido cando se presente unha situación de baixa médica, antes ou durante o seu gozo. No momento de producirse a alta do traballador/a a empresa asignará un novo período de vacacións que será, preferentemente, trala súa reincorporación, sempre que o permitan as necesidades do servicio.

O calendario de vacacións anuais expoñerase no taboleiro de anuncios antes do 31 de marzo de cada ano e deberá ser negociado coa representación sindical, respectándose en todo caso o recollido nos parágrafos anteriores.

Artigo 6º.-Salario.

1. Retribucións básicas. A retribución básica constitúea o salario base; a contía mensual deste aparece na táboa salarial do anexo I.

2. Complementos salariais. Veñen constituídos polo complemento de antigüidade e polo de productividade:

a) Complemento de antigüidade. Con carácter xeral establécese un complemento de antigüidade, constituído por unha cantidade fixa mensual; o importe desta determínase no anexo II para cada categoría profesional, e percibirase a partir do día primeiro do mes en que se cumpran tres, ou múltiplos de tres, anos de servicios efectivos.

Respectarase a antigüidade consolidada antes de que se producise a subrogación do persoal do Imfacofe. Os trienios que se consoliden a partir da data da publicación deste convenio aboaranse cos importes establecidos na táboa que aparece no anexo II.

b) Complemento de productividade. Establécese este complemento para premia-lo rendemento no desempeño dos postos de traballo ou a consecución de certos obxectivos ou resultados. Para iso, no prazo de tres meses desde a publicación deste convenio, a empresa, oída a parte social, fixará os criterios para percibir este complemento en función do posto de traballo, así como a súa contía. A partir da publicación do convenio, no mes de xaneiro de cada ano seguirase o mesmo procedemento para fixa-los criterios e contía para cada anualidade.

A empresa queda obrigada a dar publicidade entregando, anualmente, un balance no que consten as cantidades efectivamente pagadas por este concepto agrupadas por áreas ou servicios nas que foron aplicadas así coma os obxectivos conseguidos.

3. Horas extraordinarias. En caso de non seren compensadas por tempo de descanso serán aboadas da seguinte forma: unha hora extraordinaria será aboada como un incremento do setenta e cinco por cento sobre a hora ordinaria.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As traballadoras e os traballadores percibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano. Unha no mes de xuño e outra no mes de novembro. O importe de cada unha delas será unha mensualidade do salario base máis a antigüidade.

Artigo 8º.-Anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade terá dereito a solicitar da empresa un anticipo reintegrable de dúas mensualidades íntegras, sen ningún tipo de xuro.

A devolución de anticipos efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina, ata un máximo de vintecatro meses, ata amortiza-la cantidade solicitada, sen prexuízo da amortización en prazos inferiores por petición da persoa interesada.

Respecto dos anticipos da mensualidade a que se ten dereito, atenderase ó disposto na normativa vixente.

Artigo 9º.-Réxime disciplinario.

As traballadoras e os traballadores poderán ser sancionados pola empresa, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa gradación de faltas e sancións seguintes:

A) Faltas leves:

1. A neglixencia e o descoido no cumprimento do traballo.

2. A presentación extemporánea de partes de baixa ou de confirmación, en tempo superior a dous días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que por causa de forza maior se probe a imposibilidade de facelo.

3. De dúas a catro faltas de puntualidade ó mes.

4. A incorrección cos superiores xerárquicos, cos compañeiros e co público en xeral.

5. A neglixencia no coidado e na conservación dos materiais e utensilios de traballo, do mobiliario e dos locais nos que se presten os servicios.

6. A falta de asistencia non xustificada durante un día nun mes, a no ser que se probe a imposibilidade de o facer por causa de forza maior.

7. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada, agás que se causase un serio prexuízo, ou reclamación de terceiro, neste último caso será considerado como falta grave.

8. O incumprimento dos deberes e obrigas de traballador/a, sempre que non deban ser cualificados como falta grave o moi grave.

B) Faltas graves:

1. A indisciplina e a desobediencia relacionada co seu traballo, e o incumprimento dos deberes previstos nos puntos a), b) e c) da Lei do estatuto dos traballadores.

2. A desconsideración co público, compañeiros/as e persoal subordinado no desempeño das tarefas encomendadas, sempre que non sexa falta leve.

3. A falta de asistencia ó posto de traballo sen xustificar de dous a catro días nun mes, a non ser que se probe a imposibilidade de o facer por causa de forza maior.

4. As faltas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de catro días e menos de oito nun mes.

5. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por tempo superior a dous días nun mes.

6. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan a incapacidade laboral transitoria por tempo inferior a tres días. Entenderase, en todo caso, que existe falta cando o traballador ou a traballadora

declarado/a de baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión da traballadora ou traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

7. A colaboración ou encubrimento de faltas doutros/as traballadores/as, en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e utilización dos mecanismos de control.

8. Máis de catro faltas de puntualidade nun mes.

9. A reincidencia en tres ou máis faltas leves, excepto as de puntualidade, nun prazo de seis meses.

10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado.

11. A grave perturbación do servicio.

12. Actos que atenten contra a dignidade dos traballadores e das traballadoras, do instituto ou da Administración.

13. As accións ou omisións dirixidas a evadi-los sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados da xornada de traballo.

C) Faltas moi graves:

1. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas e calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

2. A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante máis de catro días nun mes.

3. As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas durante máis de oito días nun mes.

4. Os malos tratos de palabra ou de obra, psíquicos ou morais, tanto ó público coma ós compañeiros e ás compañeiras de traballo.

5. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos usuarios do instituto.

6. Apropiarse de obxectos, documentos, material e información confidencial do instituto ou do seu persoal.

7. A neglixencia grave na prestación do servicio.

8. Os incumprimentos das obrigas de atende-los servicios esenciais en caso de folga.

9. A indisciplina e a desobediencia de carácter grave.

10. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións e no desempeño das funcións encomendadas.

11. O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo, cando deles deriven graves riscos ou danos para o propio traballador ou terceiros.

12. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan unha incapacidade ou baixa por un tempo de tres ou máis días. Entenderase, en todo caso,

que existe falta moi grave cando o/a traballador/a declarado/a de baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do/a traballador/a realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

13. A reiteración na comisión de faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, excepto as de puntualidade.

D) Sancións. As sancións imporanse en función da cualificación das faltas, da forma seguinte:

Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo ata dous días.

Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de 3 a 15 días.

Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de 16 días a tres meses.

Despedimento.

E) Prescrición. As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte e as moi graves ós sesenta, a partir da data na que se ten coñecemento do feito e, en todo caso, ós seis meses de se cometer.

Artigo 10º.-Grupos e categorías profesionais.

A través da relación de postos de traballo do Imfacofe, que será aprobada polo Concello Pleno por proposta do Consello de Administración, definiranse con precisión os postos de traballo do organismo, determinando os requisitos necesarios para ocupalos, así como as funcións que se lles asignen especificamente.

Mentres tanto non sexa aprobada a devandita RPT, o/a tesoureiro/a como responsable e xefe do servicio de recadación, consonte o disposto no artigo 5.1º b) do R.D. 1174/1987, do 18 de setembro, regulador do réxime xurídico dos funcionarios con habilitación de carácter nacional, poderá dictar cantas instruccións considere oportunas para o mellor funcionamento do servicio.

O Concello Pleno aprobará a correspondente relación de postos de traballo, nun prazo máximo de tres meses, contados a partir do día seguinte á publicación deste convenio colectivo nalgún dos diarios oficiais.

En calquera caso, non se considerarán como mérito de cara a unha futura reclasificación profesional os distintos traballos que a dirección do Imfacofe encargue ó seu persoal no período comprendido entre a subrogación dos traballadores por parte do concello e a adscrición dos traballadores/as ós postos definidos na devandita relación.

Artigo 11º.-Vacantes e ascensos.

As vacantes e ascensos cubriranse por procedementos obxectivos que se determinen na correspondente oferta de emprego o de promoción interna, debéndose respectar en todo caso os principios de igualdade, concorrencia, mérito e capacidade. Por conseguinte, o simple exercicio de funcións de categoría diferente á propia no lle dá dereito ó traballador ou á traballadora á consolidación da categoría, ou grupo, correspondente a aquelas.

O Imfacofe comprométese a convoca-las prazas vacantes que puidesen existir, de forma preferente a través de promoción interna. Soamente no suposto de que non concorra ninguén ás probas de promoción interna, ou no caso de que non sexan superadas estas polo persoal, convocarase a praza a través da correspondente oferta pública de emprego.

Disposición adicional

As partes asinantes deste convenio comprométense a negociar nun futuro a creación dun fondo de axuda social, que se poderá nutrir coas economías correspondentes á masa salarial.

ANEXO I

Posto de traballoSalario anual (A)

Auxiliar maior15.233,58

Encargada13.664,50

Aux. oficina 1ª12.849,28

Aux. oficina 1ª13.232,04

Aux. infor 1ª13.232,18

Aux. inform. 1ª13.232,18

Aux. oficina 2ª12.486,54

Aux. recad. 1ª12.849,28

Aux. recad. 2ª12.486,40

Aux. recad. 2ª12.486,40

Aux. recad. 2ª12.486,40

Aux. recad. 2ª12.486,40

Aux. recad. 2ª12.486,40

Aux. recad. 3ª11.906,24

Aux. recad. 3ª11.906,24

Aux. recad. 3ª11.906,24

Aux. recad. 3ª11.906,24

Aux. recad. 3ª11.906,24

ANEXO II

Posto de traballoAntigüidade

mensual A

Antigüidade

anual A

Auxiliar maior23322

Encargada23322

Aux. oficina 1ª15210

Aux. oficina 1ª15210

Aux. inform. 1ª15210

Aux. inform. 1ª15210

Aux. oficina 2ª15210

Posto de traballoAntigüidade

mensual A

Antigüidade

anual A

Aux. recad. 1ª15210

Aux. recad. 2ª15210

Aux. recad. 2ª15210

Aux. recad. 2ª15210

Aux. recad. 2ª15210

Aux. recad. 2ª15210

Aux. recad. 3ª15210

Aux. recad. 3ª15210

Aux. recad. 3ª15210

Aux. recad. 3ª15210

Aux. recad. 3ª15210

E como proba de conformidade con todo o anteriormente exposto, na cidade de Ferrol, o día 14 de outubro de 2003, os representantes de ámbalas dúas partes asinan por duplicado este convenio en tódalas súas follas, actuando como fedatario público o secretario da Corporación Municipal.

Juan Manuel Jucal RodríguezHortensia Freire Blanco

Presidente do ImfacofeRepresentante sindical

Leopoldo Moure García

Secretario

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA