A Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros prevé que as convocatorias anuais se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde.
A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003 prevé que o prazo de presentación de solicitudes de axudas non será inferior ó de corenta días hábiles.
Por outra banda, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos xerais para o ano 2004 polo Consello da Xunta, cabe esta convocatoria axustada ó previsto para a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Para tal obxecto, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.
Convócanse axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base en Galicia, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 28 de novembro de 2000 (DOG do 20 de decembro); o prazo de presentación de solicitudes, de acordo co artigo 43 da vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, será o de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.
Artigo 2º.-Crédito orzamentario.
As subvencións concederanse con cargo ó próximo exercicio, de acordo coa normativa reguladora da tramitación anticipada de gasto, e condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axustado e suficiente unha vez aprobado o orzamento.
As axudas serán con cargo á aplicación 2004.
12.03.614B.770.1 e cun importe de 2.963.088 euros, sen prexuízo de que se lle adicionen os remanentes que puideran existir de convocatorias anteriores.
Disposicións transitorias
Primeira.-Con efectos nesta convocatoria, exímese do requisito de presenta-los documentos de autorización a que se refire o artigo 14º A) letra d) da Orde do 28-11-2000, conxuntamente coa solicitude, debendo facelo coa documentación para o pagamento.
Segunda.-Para os buques de menos de doce metros de eslora total, e nesta convocatoria, o prazo para a materialización establecido no parágrafo primeiro do artigo 22º da orde reguladora redúcese a tres meses.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2003.
Enrique César López Veiga
Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos