Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 29 de decembro de 2003 Páx. 16.233

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da ampliación da subestación de Sidegasa 220/66 kV no termo municipal de Curtis (A Coruña). (Expediente 31667, ampliación 2003).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A. con enderezo para efectos de notificacións na avda. de Arteixo 171, 15007 A Coruña; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 23 de xaneiro de 2003 a citada empresa solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 122 y 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Ampliación de potencia da subestación de Sidegasa, no concello de Curtis, consistente en:

-Instalación dun segundo transformador de 75 MVA coas súas correspondentes posicións de 220/66 kV, montaxe de barras xerais de 220 kV, nova posición para o transformador existente, así como de dous novos módulos de posición de liña de 66 kV para a evacuación da energía xerada no parque eólico de Pena Feixa de Moncoso e a central hidroeléctrica de Gomil.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, a trámite de información pública mediante Resolución do 3 de febreiro de 2003, publicada no DOG do 26 de marzo, no BOP da Coruña do 26 de febreiro, e na Delegación Provincial da Coruña.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, de 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.- O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 y 6.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la ampliación da subestación de Sidegasa 220/66 kV no termo municipal de Curtis (A Coruña).

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas