Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 29 de decembro de 2003 Páx. 16.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se procede á convocatoria para o ano 2004 das axudas para o fomento da innovación empresarial e prestación de servicios no sector da minería na Comunidade Autónoma galega, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases regulamentadoras establecidas no anexo I da Orde do 11 de marzo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

Como consecuencia da evolución tecnolóxica, e para poder seguir competindo, as empresas deben adapta-los seus productos, as súas instalacións e

a propia organización empresarial, ós continuos cambios do mercado. Por isto deben realizar permanentemente investimentos para a adquisición de novos equipos tecnoloxicamente avanzados.

A competitividade das empresas é fundamental para a creación e mantemento do emprego. A única garantía dun crecemento sostido e dun emprego máis estable e de calidade, é o reforzo da base productiva da nosa economía, xunto co aproveitamento máis eficaz do seu potencial de desenvolvemento.

Como resultado da análise das liñas estratéxicas de actuación sobre os sectores da nosa economía, establecéronse catro complexos básicos, entre os que figura o das actividades prioritarias do sector industrial nas que se inscriben as relacionadas co sector de minerais non metálicos.

Como medio de favorece-las ditas actividades, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio considerou necesario establecer un programa de axudas encamiñado ó fomento da innovación empresarial e prestación de servicios no sector da minería.

O dito programa recóllese no anexo I da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, beneficiarios e requisitos.

O obxecto desta orde é convocar e regula-las axudas establecidas no Programa de axudas destinadas ó fomento da innovación empresarial e prestación de servicio no sector da minería, recollidas no anexo I da Orde do 11 de marzo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Tal como establece o artigo 3.2º da antedita orde, o obxecto, requisitos dos beneficiarios e criterios obxectivos de adxudicación son os establecidos para cada programa de incentivos no anexo dela, aténdose no non previsto nela ó que se estableza nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Créditos orzamentarios e contía máxima das axudas.

1. Estas axudas outorgaranse con cargo ós créditos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2004, destinándose para o seu financiamento ata un máximo de 1.092.800 euros para a devandita anualidade, e 218.560 euros para a anualidade de 2005, que se imputan ás seguintes aplicacións orzamentarias:

AplicaciónDenominaciónImporte en euros

orzamentariaAno 2004Ano 2005

08.02.641-A.770.0Empresas. Fomento da minería. Seguridade192.80038.560

08.02.641-A.780.2Asociacións. Fomento de actividades de minerais non metálicos900.000180.000

Total1.092.800218.560

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio para o ano 2004, de acordo co disposto no punto 3 da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Poderanse establece-los correspondentes compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Excepcionalmente, nos supostos en que existise compatibilidade entre as accións correspondentes ás aplicacións orzamentarias citadas e crédito suficiente, poderá destinarse parte do crédito dunha das aplicacións que non fose esgotada para cubrir actuacións da outra aplicación que quedaran excluídos por falta de crédito.

2. Con carácter xeral e para calquera tipo de actuación, as axudas non poderán supera-lo 35% do custo da actuación subvencionable para o primeiro ano e o 20% do custo das actuacións que se realicen no ano seguinte. Para tódalas actuacións que poidan realiza-las asociacións ás que fai referencia no punto 1 do artigo 4, a subvención poderá acadar un límite máximo do 55%.

Establécese un límite máximo no importe da subvención para as empresas de 100.000 euros por anualidade, independentemente do número de proxectos presentados. Establécese un límite máximo no importe da subvención para as asociacións de 300.000 euros por anualidade, independentemente do número de proxectos presentados.

Artigo 3º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles, para un mesmo proxecto, con calquera outra das reguladas por esta consellería.

O importe da subvención neta equivalente ás empresas, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, non poderá supera-lo máximo de intensidade rexional, 40% sobre o investimento subvencionable establecida para cada actividade nesta orde. No caso de axudas a empresas PEME engadirase un 15% adicional ó dito límite, de acordo ás directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional (98/C 74/06) en relación co mapa de axudas de finalidade rexional para o período 2000-2006 en España, aprobado pola comisión/axuda de Estado número 773/99). Os ditos límites máximos aplicaranse tanto se a axuda provén integramente de fontes nacionais como se foi cofinanciada con fondos comunitarios (punto 4.21º directrices comunitarias sobre axudas de Estado ás pequenas e medianas empresas. DOC nº 213, do 23 de xullo de 1996).

Enténdese por mediana empresa, a que cumpre os seguintes requisitos: que empregue menos de 250 persoas, que o volume de negocio non supere os 40 millóns de euros ou que o balance xeral non

exceda dos 27 millóns de euros e que sexa independente, isto é que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenzan a outra empresa, ou conxuntamente a outras empresas que non respondan á definición de PEME. Os ditos criterios aplicaranse á empresa no seu conxunto, incluídas filiais situadas noutros estados membros ou fóra da UE (recomendación da comisión do 3 de abril de 1996, relativa á definición de pequenas e medianas empresas DOL nº 107, do 30 de abril de 1996, p4).

Enténdese por subvención neta equivalente como o beneficio último que a axuda debería proporcionar á empresa unha vez deducido o imposto sobre sociedades aboado en concepto da dita axuda.

Artigo 4º.-Investimento subvencionable.

Terán a consideración de investimento subvencionables as seguintes actuacións:

1. Asociacións: desenvolvemento de proxectos realizados por asociacións sectoriais, as súas federacións ou entidades sen ánimo de lucro, no ámbito dos sectores relacionados coa minería non metálica, orientados á dinamización xeral do sector sempre que non impliquen un beneficio directo para unha empresa en particular.

1.1. Realización de estudios e traballos técnicos con efectos no conxunto do sector.

1.2. Promoción sectorial: edición impresa ou dixital de libros, manuais catálogos e demais materiais gráficos sobre temas do sector. Organización de eventos, conferencias, xornadas técnicas, exposicións, premios e demais actividades tendentes a dar a coñece-lo sector e as súas técnicas ou a mellora-la súa imaxe.

1.3. Análise e implantación de estratexias no sector orientadas ó incremento da exportación.

1.4. Difusión de tecnoloxías propias do sector, así como de métodos e formas de organización innovadoras.

1.5. Actuacións de carácter sectorial para o control e mellora da calidade.

1.6. Prestación de servicios.

1.7. Investimentos en infraestructuras.

2. Actuacións en materia de seguridade e saúde:

Aquelas que contribúan de forma directa á prevención de accidentes de traballo e enfermidades profesionais nas actividades mineiras e, en especial, as que supoñan unha minoración dos índices de po é ruído nas explotacións e naves de elaboración.

En xeral, tódolos investimentos subvencionables deberán manterse en poder da empresa beneficiaria polo menos durante cinco anos.

Tódolos estudios e proxectos de consultoría ós que se fai referencia neste artigo 4º deberán ser realizados por empresas ou entidades externas con experiencia recoñecida na materia de que se trate.

Non se valorará para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamentos de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, ni calquera outro de carácter tributario, fiscal ou sometido a

aranceis, nin os correspondentes a fórmulas de arrendamento financeiro, excepto as actuacións a que se refire o punto 1 deste artigo 4 nas que se poderá considera-lo IVE como subvencionable cando o beneficiario acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollido ó réxime de exención do IVE.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación que debe acompañala.

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2004 e rematará o 28 de febreiro de 2004.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo de solicitude e o resto dos modelos necesarios para solicitar ou xustifica-la axuda, publícanse como anexos I, II, III e IV, desta orde e encóntranse tamén a disposición dos interesados no enderezo da Internet: http://www.xunta.es/conselle/in

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

1. Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico da entidade solicitante, tendo en conta que:

1.1. Se é unha fundación, asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá achegar copia cotexada da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditado, se fora o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

1.2. Se é unha empresa, documentación acreditativa da súa constitución legal, inscrición no correspondente rexistro, domicilio social e dos seus centros de traballo en Galicia, se fora o caso.

2. Copias cotexadas do documento nacional de identidade e do documento público acreditativo do poder con que actúa quen representa á empresa ou entidade solicitante.

3. Copias cotexadas da tarxeta de identificación fiscal NIF/CIF, segundo proceda, e do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

4. Memoria explicativa do proxecto. Para a súa redacción utilizarase o formulario que figura como anexo II, e deberá conter:

4.1. Resumo dos investimentos subvencionables que se realizarán.

4.2. Antecedentes e xustificación do proxecto. Obxectivos que se van acadar. O seu carácter innovador.

4.3. Alcance detallado das diferentes actuacións que o integran. A súa necesidade, cuantificación económica. Contratacións que se deberán realizar con outras empresas.

4.4. Planificación dos traballos no tempo con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes finalización). Distribución das tarefas entre os equipos de traballo ou empresas.

4.5. Relación entre as actuacións e o actual proceso productivo.

4.6. Efectos esperados sobre:

a) Calidade do producto e o seu valor final.

b) Peche do ciclo productivo do seu correspondente sector.

c) Mellora das condicións de seguridade e saúde dos centros productivos ou explotacións.

d) Mellora medio ambiental e aproveitamento de residuos e enerxía.

e) Incremento do emprego estable.

f) Incremento da presencia comercial sobre mercados novos ou tradicionais.

No caso de proxectos realizados por asociacións sectoriais ós que se refire o artigo 4.1º deberase concretar ademais as empresas directamente beneficiarias da acción.

4.7. Orzamento detallado do investimento.

5. Declaración expresa segundo o modelo que figura no anexo III que conteña a relación doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Declaración expresa de estar ó corrente no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

6. No caso de proxectos realizados por asociacións sectoriais ós que se refire o punto 1 do artigo 4 que se encontran acollidas ó réxime de exención no imposto de valor engadido (IVE), certificado acreditativo desa situación.

No caso de que o solicitante o considere oportuno, poderase presentar calquera outro documento que contribúa a aclara-lo contido e alcance das actuacións que se realizarán sen que iso exima da presentación de toda a documentación anteriormente indicada.

De toda a documentación presentarase tres exemplares nos que tódolos documentos que non sexan orixinais estarán cotexados.

Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.

Artigo 6º.-Emenda de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falla ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42º da mencionada lei.

Artigo 7º.-Valoración dos proxectos.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos que establece para as solicitudes o artigo 5 desta orde.

Conforme o establecido no artigo 9º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas a trámite será realizada por unha comisión constituída para o efecto que estará presidida polo director xeral de Industria Enerxía e Minas ou a persoa en que delegue, o subdirector xeral de Recursos Minerais, o xefe de Servicio de Xestión Mineira, que actuará como secretario, e os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou as persoas en que estes últimos poidan delegar.

A mencionada comisión valorará a totalidade dos investimentos subvencionables seguindo os criterios de selección de proxectos establecidos no anexo I da anteriormente indicada Orde do 11 de marzo de 2002, ordenando os investimentos correlativamente en sentido decrecente ó valor asignado.

Á vista da dita valoración proporá a contía das axudas correspondentes ós investimentos subvencionables ata esgota-lo crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producira algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puideran ser atendidas co crédito que quedase libre.

Á vista do informe emitido pola comisión, dictaranse as correspondentes resolucións de acordo co establecido no artigo 4º da mencionada Orde do 11 de marzo de 2002.

Artigo 8º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2004, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Gali

cia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

Nos proxectos plurianuais, entenderanse que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final do ano, corresponden á anualidade seguinte e polo tanto poderanse presentar como xustificantes para o cobramento desta dita anualidade.

Artigo 9º.-Xustificación do investimento.

A data límite para executa-las actuacións que foran obxecto de subvención e para xustifica-la correspondente investimento e pagamento é o 15 de novembro do ano que corresponda, para o que o beneficiario deberá presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por triplicado, a seguinte documentación acreditativa:

1. Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución. Deberá incluír un resumo da execución do orzamento subvencionado segundo o modelo indicado no anexo IV no que figuren os distintos conceptos e o importe do investimento subvencionado, o investimento realizado, coa relación de facturas que a xustifican e os pagamentos realizados como consecuencia das ditas facturas.

2. Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes nas facturas e documentos xustificativos do pagamento realizado, numerados correlativamente. O dito número servirá para identifica-lo documento no resumo da execución do orzamento (modelo anexo IV) no punto referencia xustificante.

3. Para todas aqueles investimentos intanxibles deberá presentarse, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, plans, etc. que se realizaran ou desenvolveran, así como unha copia dos certificados que se obtivesen.

4. Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía.

5. Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

6. Certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó corrente no imposto sobre actividades económicas.

7. O beneficiario de calquera subvención plurianual, que o importe total supere os trinta mil cincuenta euros con sesenta e un céntimos (30.050,61 euros), deberá achegar ademais o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, do seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade que o pagamento se estea tramitando, así como os seus correspondentes xuros, xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que este vixente nese momento, por un prazo que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes ou medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que non foran remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

Conforme o establecido nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio trala inspección realizada, se é o caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o contemplado na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que iso non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto do investimento.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL