Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 29 de decembro de 2003 Páx. 16.198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 446/2003, do 26 de decembro, polo que se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o non exercicio de determinados dereitos de contido económico que lle corresponden como accionista da Sociedade Galega do Medioambiente, S.A.

A Sociedade Galega do Medioambiente, S.A. (Sogama) foi creada polo Decreto 111/1992, do 11 de abril, e constituída mediante escritura pública o 14 de maio de 1992. O seu obxecto social recollido no artigo 2 dos seus estatutos sociais consiste fundamentalmente na construcción e explotación dun complexo ambiental en Cerceda (A Coruña), estacións de transferencia, unha planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, unha planta de coxeneración de enerxía eléctrica e unha planta termoeléctrica.

Para financiar estes investimentos do proxecto, Sogama vén de incrementa-los seus recursos propios

mediante a subscrición dun préstamo subordinado, así como mediante a adxudicación dun contrato de financiamento a longo prazo por un importe máximo de 125 millóns de euros. Esta operación prevé un compromiso de socios de non exercer determinados dereitos económicos coa finalidade de acada-las mellores condicións financeiras, en custo e en prazo para a operación de financiamento.

A Administración autonómica de Galicia, suxeita para a adopción de decisións ós procedementos legalmente establecidos, debe adaptarse no presente caso ó disposto no artigo 22.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que establece que non se poderá transixir sobre os dereitos da Facenda da Comunidade, senón mediante decreto acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

De conformidade co disposto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade autónoma de Galicia, e no artigo 110 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve e, en consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Acórdase acepta-lo compromiso de non exercer determinados dereitos de contido económico, nos termos descritos no pacto de accionistas, que lle corresponden á Comunidade Autónoma como socio na Sociedade Galega do Medioambiente, S.A.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda