Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 26 de decembro de 2003 Páx. 16.065

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa Servicios Sociosanitarios Generales, S.L., concesionaria do servicio de transporte sanitario programado da área sanitaria da Coruña, que se iniciará os días 29 e 30 de decembro de 2003 e que continuará a partir do día 5 de xaneiro de 2004 con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga na empresa Servicios Sociosanitarios Generales, S.L., concesionaria do servicio de transporte sanitario programado na área sanitaria da Coruña, os días 29 e 30 de decembro de 2003 e a partir do día 5 de xaneiro de 2004 con carácter indefinido, logo da audiencia ó comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o persoal que presta servicios na empresa Servicios Sociosanitarios Generales, S.L., concesionaria do servicio de transporte sanitario programado da área sanitaria da Coruña, para os días 29 e 30 de decembro de 2003 e a partir do día 5 de xaneiro de 2004 con carácter indefinido, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen a continuación.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial respecto ó servicio de ambu

lancias, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia ó longo de toda a xornada laboral e carácter indefinido.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrado na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, dado o carácter inaprazable da prestación sanitaria para evitar prexuízos graves irreparables para os usuarios do Sergas, o número de traballadores destinados á cobertura dos servicios mínimos esenciais deberá garanti-las seguintes prestacións:

1. No caso de transporte de pacientes que precisen de tratamento oncolóxico ou de diálise, deberá garantirse o 100% do transporte daqueles pacientes que precisen padiola, soporte terapéutico ou cadeira de rodas.

2. No resto dos casos de transporte programado deberá garantirse o 100% do transporte daqueles pacientes que precisen padiola ou soporte terapéutico e o 70% nos casos que precisen cadeira de rodas naquelas localidades onde exista un servicio público de transporte habilitado para o traslado de persoas en cadeira de rodas. Naquelas localidades onde non exista este servicio, garantirase o 100%.

Co obxecto de respectar estes criterios e facer efectivo o respecto ó lexítimo dereito de folga, a Dirección Provincial do Sergas da Coruña determinará os casos en que pola súa especial gravidade ou dependencia funcional se considere que non poden ser cubertos polos servicios alternativos, debendo necesariamente cubrirse por ambulancia. Para tal efecto comunicaralle á empresa concesionaria coa maior antelación posible, tendo en conta as peculiaridades da demanda asistencial, os servicios que se van cubrir que cumpran os criterios anteriores.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios faraa a dirección da empresa concesionaria, que procederá á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade