Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2003 Páx. 15.925

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se constitúen os servicios comúns de apoio das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O artigo 272 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX) establece a posibilidade de crear, nas poboacións onde existan varios xulgados e o conxunto da actividade xudicial o xustifique, servicios comúns, dependentes dos decanatos dos xulgados, para acadar unha xestión máis eficiente dos órganos xudiciais.

O acordo do pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 14 de abril de 1999, a través da introducción do título VII no Regulamento 1/1995, sobre aspectos accesorios das actuacións xudiciais, define os servicios, as súas clases e establece a normativa relativa á súa dependencia funcional, homoxeneización, coordinación e procedemento de constitución.

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, de conformidade co previsto no artigo 98 do Regulamento 1/1995 antes mencionado, aprobou con data do 28 de maio de 2003 a proposta de creación dos servicios comúns de apoio, dependentes dos maxistrados xuíces decanos das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O dito acordo foi trasladado a esta consellería para os efectos de constitución do servicio.

A constitución destes servicios ten como finalidade dota-los xulgados das cidades de Galicia de equipos integrados con persoal experto que, desde o centro de decisión máis próximo ó problema, poidan colaborar coas oficinas xudiciais afectadas por circunstancias ocasionais (sobrecarga de traballo por causas conxunturais, expedientes complexos, posta en marcha de novos servicios, desenvolvemento de programas concretos de actuación, baixas por enfermidade ou licencias de curta duración, etc.) que requiren unha pronta e eficaz atención.

En virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servicio da Administración de xustiza, no artigo 272 da LOPX e no artigo 7 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, esta dirección xeral

ACORDA:

1. Constituí-los servicios comúns de apoio, dependentes dos decanatos dos xulgados das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, determinando como data de inicio de actividade o día 12 de decembro de 2003.

O cadro de persoal destes servicios, aprobado polo Ministerio de Xustiza a través da Resolución do 25 de xullo de 2003, é o que se publica como anexo desta resolución.

Estes cadros de persoal dotaranse progresivamente a través dos mecanismos de provisión de postos, con funcionarios titulares dos corpos de persoal ó servicio da Administración de xustiza.

2. Os funcionarios dos servicios comúns de apoio, dependentes dos decanatos, poderán desempeña-las súas funcións en tódolos xulgados da respectiva cidade, así como nas unidades, oficinas e servicios comúns que lles prestan servicio a estes, mediante adscrición realizada por resolución da Dirección Xeral de Xustiza, por proposta do xuíz decano respectivo. En defecto de proposta, a Dirección Xeral de Xustiza poderá realiza-la adscrición directamente ou por iniciativa da Comisión Mixta coa Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza.

Mentres non se realice a nova adscrición, o funcionario continuará actuando na unidade na que veña realizando funcións de apoio.

3. A adscrición en apoio a un xulgado, unidade, oficina ou servicio común determina a integración temporal do funcionario na respectiva oficina, na que prestará a súa función baixo a dirección do maxistrado e secretario respectivo.

4. A adscrición realizarase por un período de 3 ou 6 meses para atender situacións de sobrecarga de traballo por causas conxunturais, pendencia de asuntos, existencia de expedientes complexos, posta en marcha de novos servicios, desenvolvemento de programas de actuación ou outras circunstancias que o xustifiquen.

5. En casos de baixas por enfermidade, permisos, licencias e ausencias de curta duración, os funcionarios que integran os servicios comúns de apoio asumirán as substitucións dos funcionarios das unidades indicadas no punto 2 anterior, cando non sexa posible a substitución dentro da propia unidade por un funcionario do corpo inferior.

A substitución acordaraa a Dirección Xeral de Xustiza, segundo a quenda que se estableza.

Finalizada a substitución, o funcionario reintegrarase no xulgado, unidade, oficina ou servicio común a que estivese adscrito.

6. A prestación de servicios dos funcionarios integrados nos servicios comúns de apoio retribuirase con 3,5 puntos en aplicación do establecido no artigo 12 do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino do persoal ó servicio da Administración de xustiza. Esta retribución aplicarase sen prexuízo da participación destes funcionarios nos programas de actuación establecidos en aplicación do acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as organizacións sindicais con representación entre o persoal da Administración de xustiza en Galicia para

a mellora do funcionamento da xustiza, asinado o 28 de xuño de 2001, ou outros programas que se poidan establecer.

7. As solicitudes de adscrición previstas no punto 4º anterior realizaranas os titulares dos órganos, unidades, oficinas ou servicios comúns, achegando unha breve memoria xustificativa da función que vai desempeña-lo funcionario de apoio e os obxectivos que se perseguen coa medida.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2003.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

Servicios comúns de apoio dos decanatos

dos xulgados

CidadeOficiaisAuxiliares

A Coruña57

Ferrol12

Santiago de Compostela23

Lugo41

Ourense14

Pontevedra13

Vigo23