Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2003 Páx. 15.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 18 de novembro de 2003 pola que se dispón a aprobación e a publicación do Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004).

No Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil en Galicia, no seu artigo 76.3º, indícase que os plans específicos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia deben ser aprobados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, por proposta do director xeral de Protección Civil e serán homologados pola Comisión Galega de Protección Civil.

Na redacción e elaboración deste plan tomouse como base a experiencia dos plans de protección civil de atención ó peregrino dos anos 1993 e 1999.

Con data 23 de outubro de 2003 o grupo de traballo da comisión permanente da Comisión Galega de Protección Civil emitiu informe técnico favorable ó plan.

Con data 5 de novembro de 2003 homologouse o plan pola Comisión Galega de Protección Civil.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A aprobación do Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004) que figura no anexo desta orde.

Artigo 2º

A publicación do referido plan no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2003.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

ANEXO

Plan de protección civil de atención

ó peregrino 2004 (PAP 2004)

1. Antecedentes/introducción.

Durante o ano 2004 a Comunidade Autónoma de Galicia vivirá un evento da máxima importancia como é o Xacobeo 2004.

Este plan terá comezo en xaneiro de 2004, rematando o 31 de decembro do mesmo ano.

Como meta de multitude de peregrinos, Santiago de Compostela recibirá a todos eles a través das distintas rutas xacobeas. Aínda que o Camiño Francés é o máis empregado, tamén son percorridos polos

peregrinos os do Norte (ruta da costa e ruta do interior); Vía da Prata; Camiño Portugués; Fisterra; Inglés e, por último, a vía Marítima.

No Ano Santo de 1999 Galicia tivo a fortuna de recibir máis de cinco millóns de peregrinos a través das referidas rutas, que de distintas maneiras, a pé, en bicicleta, en motocicleta, a cabalo, en automóbil, entre outras, acudiron ata a cidade do Apóstolo a gaña-lo xubileo.

No ano 1993 elaborouse o primeiro Plan de protección civil de atención ó peregrino co obxecto de que nas diferentes rutas os peregrinos dispuxeran de atención por parte do persoal de protección civil, o que tivo unha grande acollida e alta valoración por parte das persoas que recibiron este servicio.

Para o ano 2004 espérase un incremento notable da afluencia de peregrinos a Galicia. Por todo isto a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, competente na materia de protección civil, establece para ese ano santo de 2004 o Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004) semellante ó que, con gran éxito, se levou a cabo en 1999.

Este Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004) estará en coordinación:

-Dunha banda, co Plan de seguridade do Ano Santo 2004.

-Doutra, cos diferentes plans sectoriais dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, tales como o de Sanidade, de Atención ó Consumidor, o de Estradas, o de Ambiente, o de Turismo e o de Acollida ó Peregrino, entre outros.

-Coas autoridades eclesiásticas do Arcebispado de Santiago de Compostela en relación ós actos relixiosos para celebrar nas prazas do Obradoiro e A Quintana, así como o acceso á catedral de Santiago de Compostela.

-Finalmente, coas autoridades municipais de Santiago de Compostela e dos distintos concellos de Galicia por onde discorren as diferentes rutas xacobeas, en relación cos programas, actos, aloxamentos e outras actividades.

Como xa ocorreu no Xacobeo 99, disponse dun Centro de Emerxencias co teléfono único de urxencia da Unión Europea Un Un Dous (112) que permitirá que, de maneira gratuíta, os peregrinos poidan demandar calquera servicio de urxencia, as 24 horas do día, en diferentes idiomas de uso máis común da Unión Europea.

2. Marco legal.

En virtude da Norma Básica de Protección Civil (Real decreto 407/1992) e tendo en conta a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, redáctase e apróbase no ano 1994 o Plan territorial de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), como plan director onde se establece o marco organizativo xeral, en relación co seu

correspondente ámbito territorial, local ou provincial.

No Platerga determínase que ó ser este un plan director, tódolos plans de protección civil non previstos na Norma Básica de Protección Civil e de ámbito territorial non superior á Comunidade Autónoma de Galicia, quedarán integrados nel.

Por todo isto a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, tendo como base a experiencia do Plan de atención ó peregrino realizado no ano 1999 (Xacobeo 99), de acordo coas directrices do Platerga, realiza este Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004, denominado en adiante PAP 2004 que se integra no Platerga, como plan específico, de ámbito territorial na totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

O PAP 2004, como Plan específico de protección civil e conforme o previsto no Decreto 56/2000, do 3 de marzo, deberá ser homologado pola Comisión Galega de Protección Civil e aprobado pola consellería con competencias en materia de protección civil.

No PAP 2004 quedarán integrados tódolos plans e programas de ámbito territorial inferior, o mesmo que outros programas sectoriais.

3. Obxectivos.

O obxectivo principal do Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004) é proporcionar ós peregrinos que cheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas, a atención continua in situ que poidan demandar en calquera tipo de situación na que precisen axuda, e preve-los operativos de protección civil necesarios para facer fronte a actos onde se conte con gran número de asistentes.

3.1. Obxectivo xeral.

Dispor dun Plan específico de protección civil de atención ó peregrino durante o ano 2004, de ámbito territorial en toda a Comunidade Autónoma de Galicia (PAP 2004), que quedará encadrado no Platerga, e que terá como ámbito de actuación:

-As diferentes rutas xacobeas.

-As grandes aglomeracións de persoas en diferentes eventos relacionados co Xacobeo en toda Galicia, incluíndo a cidade de Santiago de compostela (e, especialmente, a catedral e prazas anexas).

3.2. Obxectivos específicos.

1º. Establece-la organización e procedemento de actuación, coordinando e xestionando tódolos recursos e medios dos que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Coordina-los medios e recursos que proceden doutras administracións públicas ou entidades públicas e/ou privadas.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, actuará nunha dobre vertente:

-Xestionando os seus propios medios e recursos.

-Coordinando os doutros organismos implicados.

Todo isto, sempre en coordinación con outras administracións e institucións, públicas e privadas, que participan e interveñen no Xacobeo 2004, tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas por onde discorren as diferentes rutas.

4. Ámbito xeográfico.

O PAP 2004 centrarase nas distintas rutas xacobeas que discorren polo territorio de Galicia e, polas súas especiais características, tamén na cidade de Santiago de Compostela.

A implantación do PAP 2004 xeograficamente afectará a máis de cen concellos, repartidos polas catro provincias galegas por onde discorren as distintas rutas xacobeas. Estes son:

A) Camiño Francés:

Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela.

B) Camiño do Norte (Ruta do Interior):

A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela.

C) Camiño do Norte (Ruta da Costa):

Ribadeo, Trabada, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol, Sobrado dos Monxes, Boimorto, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela.

D) Camiño do Inglés:

Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo, Ordes, Mesía, Oroso, Santiago de Compostela.

E) Camiño de Fisterra:

Muxía, Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Mazaricos, Santa Comba, Negreira, Ames, Santiago de Compostela.

F) Camiño Portugués:

Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Rois, Teo, Santiago de Compostela.

G) Ruta da Prata:

A Mezquita, A Gudiña, Riós, Vilardevós, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, Castrelo de Val, Cualedro, Trasmiras, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Xinzo da Limia, Vilar de Santos, Sandiás, Allariz, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Ourense, Coles, Amoeiro, Vilamarín, San Cristovo de Cea, Piñor, Dozón, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago de Compostela.

H) Vía Marítima:

Sanxenxo, O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Pontecesures, Dodro, Rianxo, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal.

O ámbito xeográfico ampliarase ás comunidades autónomas veciñas de Galicia por onde teñen entrada as diferentes rutas, así como no norte de Portugal, no eido das comunicacións e do intercambio de información.

5. Estructura e organización.

5.1. Dirección.

Dado que o PAP 2004 inclúese como plan específico no Platerga, a súa estructura organizativa correspóndese coa deste, polo que a dirección correspóndelle ó director xeral de Interior e Protección Civil, ou persoa en quen delegue.

Serán funcións do director do PAP 2004:

-Adopta-las decisións que aseguren o bo funcionamento do plan.

-Coordinar tódolos medios e recursos dispoñibles.

-Seguimento e avaliación de tódalas actuacións do plan.

-Garanti-lo enlace cos plans municipais e os plans sectoriais.

5.2. Comité asesor.

Actuarán como membros do comité asesor os directores xerais, ou persoal en que deleguen, con competencia na materia dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia que participan no Xacobeo 2004, a través dos plans sectoriais respectivos das consellerías de:

-Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Sanidade.

-Medio Ambiente.

-Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Innovación, Industria e Comercio.

Así mesmo, tamén poderán formar parte do comité asesor representantes doutras administracións, organismos e institucións que estean directamente relacionadas co plan, destacando entre elas:

-Subdelegación do Goberno da Coruña.

-Arcebispado de Santiago de Compostela.

-Concello de Santiago de Compostela.

-Concellos por onde discorren as diferentes rutas.

Este comité asesor terá como funcións:

-Asesorar e informa-lo director do PAP 2004.

-Avalia-lo seguimento do PAP 2004, e dos programas previstos nel, relativos a grandes eventos e aglomeracións humanas nos diferentes concellos por onde discorren as rutas xacobeas e, moi espe

cialmente, nos arredores da catedral de Santiago de Compostela.

5.3. Comité de seguimento e avaliación.

Tomando como experiencia o Plan do ano 1999, créase un comité de seguimento e avaliación do PAP 2004, constituído por:

-Responsables técnicos dos diferentes plans sectoriais do Xacobeo 2004.

-Responsable técnico da xerencia do Xacobeo 2004.

-Representante do Concello de Santiago de Compostela (policía local, protección civil e outros servicios que se consideren de interese).

-Representante do Arcebispado de Santiago de Compostela.

-Representantes de seguridade das diferentes administracións públicas.

-Forzas e corpos de seguridade (policía autonómica, garda civil, policía nacional, policías locais).

-Outras institucións, organismos, asociacións de carácter público e privado que así o considere o director do plan.

-E, se é o caso, representantes dos concellos por onde transcorren as diferentes rutas (en determinadas zonas e pola súa singularidade).

Baixo a coordinación de protección civil da Xunta de Galicia o comité de seguimento e avaliación do PAP 2004 terá como funcións o seguimento cotián das actuacións dos intervenientes no Plan Xacobeo 2004, avaliación dos diferentes operativos e accións, fundamentalmente, coordinación e intercambio de información entre tódolos departamentos responsables de plans sectoriais.

Operativamente, na época de maior chegada de peregrinos, as reunións do comité serán semanais, e no resto do ano serán de carácter quincenal ou mensual.

5.4. Gabinete de información.

Dependendo directamente do director do Plan de atención ó peregrino, existirá un gabinete de información, integrado polo xefe de prensa da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, que será o responsable de informa-lo director así como demandar, elaborar e transmiti-la información que xere o plan, e estará en coordinación cos diferentes gabinetes de prensa dos responsables dos plans sectoriais do Xacobeo 2004, e doutras administracións públicas e organizacións que participan no mesmo.

5.5. Centro de Coordinación de Operacións (Cecop).

O Centro de Coordinación de Operacións (Cecop) do PAP 2004 será o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia da Xunta de Galicia, situado en San Marcos (Santiago de Compostela) que depende da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, en colaboración cos catro centros de coor

dinación de operacións (Cecop) provinciais de protección civil das catro provincias galegas, e os Cecopal municipais por onde transcorren as diferentes rutas xacobeas.

Desde o Cecop realizaranse as tarefas encamiñadas fundamentalmente á atención das demandas efectuadas polos peregrinos cando o soliciten a través do número único europeo 112, así como a coordinación e, se é o caso, a mobilización dos medios e recursos en situacións de emerxencia.

Tamén actuará como centro de referencia doutras centrais de atención ou xestión de chamadas establecidas nos diferentes plans sectoriais.

Ademais cumprirá as seguintes funcións:

-Centro permanente de atención de chamadas.

-Recepción de todo tipo de chamadas, desviándoas cara ós organismos competentes en cada materia que teñan capacidade de xestión e mobilización de medios e recursos ou, se é o caso, de información e atención ó peregrino.

-Centro encargado, ante calquera emerxencia, de solicitar e, se é o caso, mobilizar medios e recursos.

-Información puntual e atención ó peregrino de todas aquelas necesidades que este demande, xa sexa a través da oficina do Xacobeo, como daquelas oficinas ou unidades administrativas específicas na materia que demandaren.

Dependendo e en continua coordinación co Cecop (112 SOS-Galicia), despréganse nas diferentes rutas xacobeas os grupos de protección civil de atención ó peregrino, constituídos polos voluntarios das diferentes agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia por onde discorren as diferentes rutas.

5.6. Comisións de seguimento dos grupos de protección civil de atención ó peregrino.

En cada provincia, baixo a dirección do xefe da Xefatura Provincial de Protección Civil, e de acordo co delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, constituírase unha Comisión Provincial de Seguimento da que formarán parte un representante por cada grupo de protección civil de atención ó peregrino.

Poderá tamén formar parte desta comisión, se se considera necesario, outro persoal da dirección xeral ou algún representante do comité técnico previsto no punto 5.3.

Esta comisión, se o considera necesario ou se houbese algún tema ou incidente extraordinario, poderá reunirse unicamente por cada unha das rutas ou camiños que pasan pola provincia.

As funcións desta comisión serán a coordinación e desenvolvemento das indicadas no punto 7.

7. Grupos de protección civil de atención ó peregrino.

7.1. Antecedentes.

Durante o tempo que permaneceu activado o PAP do ano 1999 estableceuse un servicio de apoio ó peregrino nas rutas xacobeas.

Este servicio foi prestado, prioritariamente, polo voluntariado de protección civil.

Á vista dos óptimos resultados daquela experiencia considérase axeitado mante-lo mesmo servicio que atenda ó peregrino in situ; este servicio no ano 2004 potenciarase gracias ó maior número de voluntarios existentes na actualidade, a mellor formación destes, e ó maior número de medios materiais de que dispoñen as agrupacións de voluntarios de Galicia.

7.2. Composición.

Os grupos de protección civil de atención ó peregrino estarán constituídos polos voluntarios das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia situados nos concellos por onde discorren as distintas rutas xacobeas.

7.3. Operatividade.

Os grupos de protección civil de atención ó peregrino executarán as accións necesarias para dar unha resposta inmediata e continua ós usuarios das distintas rutas xacobeas.

Isto acadarase coa súa presencia no camiño, de xeito habitual e, principalmente, naqueles puntos que requiran unha maior atención para o apoio e protección dos peregrinos.

O labor diario destes grupos estará apoiado co despregamento que con semellantes fins leve a cabo a policía autonómica, a garda civil e as policías locais para o que se establecerán os correspondentes mecanismos de coordinación.

7.4. Misións.

As misións son:

-Informa-lo Centro de Coordinación de Emerxencias 112 SOS-Galicia a tempo real, das situacións e incidencias nas diferentes rutas e, se é o caso, das solicitudes de axuda que demanda o peregrino.

-Dar resposta inmediata onde se requira a súa intervención, para controlar ou neutraliza-la situación adversa que se lle presente ó usuario das distintas rutas xacobeas.

7.5. Medios humanos.

a) Os compoñentes dos grupos de protección civil de atención ó peregrino son voluntarios de protección civil pertencentes a máis de setenta agrupacións de voluntarios de protección civil dos concellos por onde pasan as diferentes rutas, que estarán compostos por un número mínimo de dous voluntarios por grupo e quenda. Cada agrupación de voluntarios establecerá as correspondentes quendas, para cubri-lo servicio no seu propio concello e nalgún caso en concellos limítrofes.

b) Os grupos de protección civil de atención ó peregrino, de acordo cos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, estarán coordinados directamente polas xefaturas provinciais de protección civil e o persoal técnico de protección civil, que tamén participarán no Plan de protección civil de atención ó peregrino 2004 (PAP 2004).

c) O persoal do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, que actuará como CECOP (Centro de Coordinación Operativa), estará en permanente coordinación cos grupos de atención ó peregrino das catro provincias.

d) En determinadas situacións e, en todo caso, cando así o soliciten as autoridades competentes, os grupos de atención ó peregrino colaborarán ou apoiarán ás forzas de seguridade (garda civil, policía nacional, policía autonómica ou local), naqueles cometidos que son da súa competencia.

Neste tipo de cooperacións xa dispoñen de experiencia.

7.6. Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

É fundamental que os grupos de protección civil de atención ó peregrino estean dotados dos medios suficientes para que a súa misión se poida cumprir coas máximas garantías de éxito.

Os grupos de protección civil de atención ó peregrino estarán en contacto co Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia (teléfono único de emerxencias para a Unión Europea). Desde o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia coordinaríanse outras chamadas dos centros de xestión específicos tales como: Urxencias Sanitarias (061); Incendios Forestais (085); Garda Civil (062); Policía Autonómica; Policía Nacional (091); Policía Local (092); Bombeiros (080), entre outros.

O Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia tamén lles proporciona ós grupos de atención ó peregrino o soporte de comunicacións, mediante a rede de radio trunking oficial da Xunta de Galicia da que son usuarios.

Para determinadas emerxencias cóntase, por parte da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, con outro tipo de medios técnicos propios, algúns cedidos ós concellos, pero en todo caso mobilizables inmediatamente:

-Dous helicópteros polivalentes con base en Santiago de Compostela e Ourense.

-Equipos de excarceración para accidentes en estrada.

-Material quitaneves.

-Vehículos todoterreo de protección civil cedidos ós concellos con destino ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

-Material de intervención rápida.

-Material de comunicacións.

7.7. Funcións que se van realizar.

Para a consecución das misións que se lles encomendan ós grupos de protección civil de atención ó peregrino, estes deberán realizar unha serie de funcións, que fundamentalmente se centrarán en:

7.7.1. Patrulla nas distintas rutas xacobeas.

Isto implica a presencia física dos grupos de protección civil de atención ó peregrino patrullando polos diferentes itinerarios e en contacto cos peregrinos.

Cada grupo estará integrado por dous voluntarios (conductor e acompañante), de tal maneira que quede libre o asento traseiro, para posibles traslados de peregrinos accidentados ou do seu equipamento.

As sedes dos grupos de protección civil de atención ó peregrino son as mesmas que as das agrupacións de voluntarios de protección civil, que tamén se poden ofertar como centros de información ó peregrino, se se lles dota á súa vez da información para difundir.

Os grupos de protección civil de atención ó peregrino pasarán información ó Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, daquelas circunstancias que afecten os camiños e que sexan de interese para un mellor desenvolvemento do PAP 2004, tales como información do propio estado do camiño, incidencias nas rutas, fluxo de peregrinos, medios de desprazamento empregados por estes, climatoloxía a tempo real, determinadas estatísticas, e estado da sinalización, entre outras.

7.7.2. Atención ós peregrinos dos distintos camiños xacobeos.

Tódolos camiños xacobeos son de grande importancia para proceder á súa atención xa que todos son empregados polos peregrinos, pero darase máis atención ós camiños Francés, Portugués, da Prata e as dúas rutas do Norte, xa que teñen máis afluencia de peregrinos que os demais.

Tamén se levarán a cabo, pero con menor intensidade, nos outros camiños: Inglés, Fisterra e a ruta do Mar de Arousa e río Ulla.

A atención ós peregrinos por parte dos grupos de protección civil dedicados a esta tarefa estará baseada en cuestións como: axuda personalizada, traslado por necesidade manifesta, feridos ou enfermos, asistencia de primeiros auxilios cando non sexa necesaria a presencia dun facultativo, busca de peregrinos ou obxectos extraviados ou esquecidos; protección fronte a fenómenos meteorolóxicos adversos e axuda puntual na resolución dunha situación anormal.

7.7.3. Atención ó peregrino en grandes concentracións.

Durante o ano 2004 celebraranse acontecementos de distinta índole que afectarán a actividades relixiosas, deportivas, culturais, musicais e outras que con

vocarán a gran número de participantes, peregrinos e/ou simples cidadáns que asistirán ós mencionados eventos.

Tamén acontecerán, como xa ocorreu durante o Xacobeo 99, peregrinacións masivas, máis ou menos organizadas e que necesitan un tratamento especial.

En todos estes casos é fundamental a figura do grupo de protección civil de atención ó peregrino, pois colaborará en todos aqueles acontecementos mencionados para a protección dos peregrinos, logo da demanda do grupo organizador.

7.7.4. Informar ó peregrino.

Os grupos de protección civil de atención ó peregrino colaborarán na transmisión de información que se xere durante o Xacobeo do 2004.

Para isto actuarán como unha oficina de información ambulante, que atende as demandas dos peregrinos alí onde estean.

Aínda que eles mesmos non dispoñan dalgunha información específica de calquera dos plans sectoriais, os membros de cada grupo de protección civil de atención ó peregrino poderán consultar co Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia para que lles sexa facilitada nese intre.

A información que poderán facilitar será sobre:

-Albergues.

-Centros atención sanitaria.

-Concellos.

-Rutas.

-Distancias entre vilas e cidades.

-Estado de estradas.

-Hostalería.

-Información relixiosa.

-Rutas de interese turístico.

-Seguridade vial.

-Meteoroloxía.

-Teléfonos de organismos.

-Riscos (de tráfico, incendios, etc.).

-Outras de interese para o peregrino.

7.8. Ámbito de actuación dos grupos de protección civil de atención ó peregrino.

Os distintos grupos de protección civil de atención ó peregrino actuarán polo xeral no camiño ou camiños que discorren polo territorio do seu concello, sendo desta maneira máis operativo o servicio, xa que coñecen perfectamente o seu percorrido.

Nembargantes, en determinados casos este ámbito de actuación podería ampliarse a concellos limítrofes.

O número de quilómetros para percorrer por cada grupo de atención ó peregrino vai en función da importancia da ruta que se vai cubrir.

Establécese como recomendable que se percorra a ruta dúas veces ó día (ida e volta), facendo coincidir este percorrido coas horas de máxima actividade dos peregrinos que, segundo a experiencia, son a mañá e as primeiras horas do serán. Só se percorrerá o Camiño Francés máis veces ó día, pola masiva afluencia de camiñantes por esta ruta xacobea.

Os grupos de atención ó peregrino estarán operativos durante o ano 2004. Prevese que a maior concorrencia coincidirá co mes de abril, os meses de verán (xuño, xullo e agosto), con datas concretas como son ás vésperas do 25 de xullo, día do Santiago Apóstolo, e no mes de decembro.

Antes da entrada en funcionamento dos grupos de protección civil de atención ó peregrino, levaranse a cabo reunións de coordinación de protección civil coas xefaturas provinciais de protección civil, de acordo cos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, daráselle a información necesaria, medios de comunicación precisos, así como a formación necesaria que se levará a cabo a través da Academia Galega de Seguridade.

8. Programas especiais.

Recóllense seguidamente os programas especiais de protección civil que terán lugar durante o Ano Santo 2004 e que, pola súa singularidade e especificidade, merecen un capítulo especial e unha atención particular, sempre tendo en conta a experiencia do Ano Santo 1999 e os dispositivos despregados naquel momento.

Son tres programas específicos:

-O relativo a actos cunha afluencia masiva de gran número de persoas.

-Acceso peonil á Catedral de Santiago de Compostela.

-Accesos e actos na cidade de Santiago de Compostela.

8.1. Actos cunha afluencia masiva de gran número de persoas.

Neste punto recóllense actos culturais, relixiosos, deportivos, folclóricos ou doutro tipo, relacionados directa ou indirectamente co Xacobeo 2004.

Por petición dos responsables organizadores do acto levarase a cabo un dispositivo de protección civil en coordinación coas institucións e administracións públicas que participen no evento.

A preparación, deseño, organización e seguimento do dispositivo de protección civil que se realice, levarao a cabo a xefatura provincial de protección civil respectiva, de acordo co delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo coa estructura preestablecida para este tipo de operativos.

8.2. Acceso peonil á Catedral de Santiago de Compostela.

A experiencia obtida no ano 1999, e ante as previsións dunha maior afluencia de visitantes á Cate

dral de Santiago de Compostela no Xacobeo do ano 2004, en colaboración e coordinación co Cabildo e o Arcebispado da Catedral de Santiago de Compostela, aconsella que se dispoña un dispositivo específico de protección ó peregrino para:

-Sinalización de entradas e saídas nas diferentes portas da Catedral.

-Limitación de acceso de persoas, en función do máximo aforo da Catedral en horas punta e datas sinaladas.

-Establecemento de rutas de movemento dentro do interior da basílica con zonas de evacuación e de emerxencia.

-Presencia de persoal voluntario nas entradas e saídas, así como no interior da basílica, facilitando o movemento do persoal.

8.3. Accesos e actos na cidade de Santiago de Compostela.

Tal como se indica no punto anterior e tendo en conta os precedentes e experiencia do último Ano Santo 1999, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, precísase dispoñer dun operativo permanente que permita:

-Aparcamento de autobuses e vehículos particulares.

-Accesos peonís desde os aparcamentos á Catedral.

-Accesos para persoas diminuídas físicas e psíquicas.

-Accesos para medios extraordinarios: motos, bicicletas, cabalos, caravanas, etc.

-Preparación de actos multitudinarios:

* Monte do Gozo.

* Praza do Obradoiro.

* Praza da Quintana.

* Alameda, entre outros.

É probable que para estas actuacións e actos deba contarse coa axuda de medios e recursos externos ó propio concello (fundamentalmente voluntarios de protección civil de agrupacións limítrofes).

9. Información relativa ó Xacobeo 2004.

A información necesaria para poder planifica-los diferentes operativos que deban realizarse durante o ano 2004, e que permitirá coñecer con antelación suficiente a casuística e singularidade no acceso de peregrinos a Santiago de Compostela polas diferentes rutas xacobeas, así como dos diferentes actos programados será facilitada por:

-Xerencia do Xacobeo.

-Arcebispado de Santiago de Compostela.

-Concellos das diferentes rutas.

-Outras institucións e asociacións públicas e privadas.

O fluxo de información será o seguinte:

Coordinación con outras institucións públicas.

A coordinación con outros plans sectoriais relacionados co Xacobeo 2004, levarase a cabo por dúas vías:

I) Organizativa e funcional: será definida pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil con:

I.1) Administración autonómica:

* Seguridade da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Interior e Protección Civil).

* Sanitaria (Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061).

* Ambiente (Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais).

* Turismo (Dirección Xeral de Turismo).

* Consumo (Dirección Xeral de Comercio e Consumo).

* Atención ó Peregrino (Xerencia do Xacobeo).

* Estradas (Dirección Xeral de Obras Públicas).

I.2) Outras administracións:

Subdelegación do Goberno da Coruña.

Forzas e corpos de seguridade do estado: garda civil e policía nacional.

Responsables das deputacións provinciais.

Responsables dos concellos das diferentes rutas de Galicia.

Responsables do Concello de Santiago de Compostela.

I.3) Administración relixiosa:

Responsables do Arcebispado de Santiago de Compostela.

II) Operatividade:

A través do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, as xefaturas provinciais de protección civil,

de acordo cos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

ANEXO I

Percorridos para realizar polas agrupacións

de voluntarios de protección civil a través

das diferentes rutas do Xacobeo

Camiños da provincia de Lugo:

1. Camiño Francés.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 1.1: Sarria-BecerreáPedrafita do Cebreiro-Triacastela, Samos, Sarria e Paradela

Equipo 1.2: MonterrosoPortomarín e Monterroso

1. Camiño Norte (Ruta do Interior).

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 2.1: A FonsagradaA Fonsagrada

Equipo 2.2: BaleiraBaleira e Castroverde

Equipo 2.3: LugoLugo e Guntín

3. Camiño do Norte (Ruta da Costa).

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 3.1: RibadeoRibadeo

Equipo 3.2: BarreirosBarreiros

Equipo 3.3: MondoñedoMondoñedo, Abadín

Equipo 3.4: LourenzáLourenzá

Equipo 3.5: VilalbaVilalba, Begonte, Guitiriz

Equipo 3.6: Sobrado dos MonxesFriol e Sobrado dos Monxes

Camiños da provincia da Coruña:

1. Camiño Francés.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 1.3: MelidePalas de Rei, Melide

Equipo 1.4: ArzúaArzúa

Equipo 1.5: O PinoO Pino

Equipo 1.6: Santiago de CompostelaSantiago de Compostela

2. Camiño Norte (Ruta do Interior).

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 2.4: MelideToques e Melide

3. Camiño Norte (Ruta da Costa).

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 3.7: MelideBoimorto e Melide

4. Camiño Inglés.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 4.1: FerrolFerrol

Equipo 4.2: NarónNarón

Equipo 4.3: NedaNeda

Equipo 4.4: FeneFene

Equipo 4.5: PontedeumeCabanas e Pontedeume

Equipo 4.6: PadernePaderne

Equipo 4.7: MiñoMiño

Equipo 4.8: BetanzosBetanzos

Equipo 4.9: A CoruñaA Coruña

Equipo 4.10: CulleredoCulleredo

Equipo 4.11: CambreCambre

Equipo 4.12: CarralCarral

Equipo 4.13: AbegondoAbegondo

Equipo 4.14: OrdesOrdes

Equipo 4.15: OrosoOroso

Equipo 4.16: Santiago de CompostelaSantiago de Compostela

5. Camiño de Fisterra.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 5.1: MuxíaMuxía

Equipo 5.2: FisterraFisterra

Equipo 5.3: CorcubiónCorcubión

Equipo 5.4: CeeCee

Equipo 5.5: DumbríaDumbría

Equipo 5.6: OutesMazaricos

Equipo 5.7: Santa CombaSanta Comba

Equipo 5.8: NegreiraNegreira, Ames

Equipo 5.9: Santiago de CompostelaSantiago de Compostela

6. Camiño Portugués.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 6.1: PadrónPadrón, Rois

Equipo 6.2: TeoTeo

Equipo 6.3: Santiago de CompostelaSantiago de Compostela

7. Ruta da Prata.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 7.1: Santiago de CompostelaSantiago de Compostela

Equipo 7.2: BoqueixónBoqueixón

Equipo 7.3: VedraVedra

8. Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 8.1: RianxoDodro, Rianxo

Equipo 8.2: BoiroBoiro

Equipo 8.3: RibeiraRibeira

Equipo 8.4: A Pobra do CaramiñalA Pobra do Caramiñal

Camiños da provincia de Ourense:

7. Ruta da Prata.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 7.3: A MezquitaA Mezquita

Equipo 7.4: A GudiñaA Gudiña

Equipo 7.5: Vilariño de ConsoVilariño de Conso

Equipo 7.6: LazaLaza, Castrelo de Val

Equipo 7.7: RiósRiós

Equipo 7.8: Vilar de BarrioVilar de Barrio, Sarreaus

Equipo 7.9: Xunqueira de AmbíaXunqueira de Ambía, Paderne

de Allariz

Equipo 7.10: VerínVerín, Vilardevós, Monterrei, Oímbra

Equipo 7.11: Xinzo da LimiaXinzo da Limia, Trasmiras, Cualedro

Equipo 7.12: Baños de MolgasBaños de Molgas

Equipo 7.13: Vilar de SantosVilar de Santos

Equipo 7.14: SandiásSandiás

Equipo 7.15: AllarizAllariz, Taboadela

Equipo 7.16: San Cibrán das ViñasSan Cibrao das Viñas

Equipo 7.17: OurenseOurense

Equipo 7.18: ColesColes

Equipo 7.19: VilamarínVilamarín

Equipo 7.20: AmoeiroAmoeiro

Equipo 7.21: Piñor San Cristovo de Cea, Piñor

Camiños da provincia de Pontevedra:

6. Camiño Portugués.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 6.4: TuiTui

Equipo 6.5: O PorriñoO Porriño

Equipo 6.6: MosMos

Equipo 6.7: RedondelaRedondela

Equipo 6.7.1: SoutomaiorSoutomaior

Equipo 6.8: VilaboaVilaboa

Equipo 6.9: PontevedraPontevedra

Equipo 6.10: BarroBarro

Equipo 6.11: PortasPortas

Equipo 6.12: Caldas de ReisCaldas de Reis

Equipo 6.13: ValgaValga

Equipo 6.14: PontecesuresPontecesures

7. Ruta da Prata.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 7.22: LalínLalín, Dozón

Equipo 7.23: SilledaSilleda

Equipo 7.24: A EstradaA Estrada

8. Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 8.5: SanxenxoSanxenxo

Equipo 8.6: O GroveO Grove

Agrupación de voluntarios

de protección civil

Concellos do percorrido

Equipo 8.7: CambadosCambados

Equipo 8.8: RibadumiaRibadumia

Equipo 8.9: A Illa de ArousaA Illa de Arousa

Equipo 8.10: Vilanova de ArousaVilanova de Arousa

Equipo 8.11: Vilagarcía de ArousaVilagarcía de Arousa

Equipo 8.12: CatoiraCatoira

Equipo 8.13: PontecesuresPontecesures

ANEXO II

Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia

1. Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia: é onde se atenderán tódalas chamadas efectuadas pola poboación no teléfono gratuíto único 112 da UE.

2. Coordinación do Centro 112 SOS-Galicia con outros centros de xestión específicos de emerxencias de Galicia:

-061 Urxencias Sanitarias.

-080 Incendios Urbanos.

-085 Incendios Forestais.

-062 Garda Civil.

-091 Policía Nacional.

-981 54 64 74 Policía Autonómica.

-092 Policía Local.

-Salvamento Marítimo: Centro Zonal de Fisterra e locais da Coruña e Vigo.

-Aeroportos de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

-Postos de mando ferroviarios: RENFE, FEVE.

-Postos de mando de servicios públicos esenciais: teléfono, luz, auga, gas, etc.

-Servicios de protección civil municipais e agrupacións de voluntarios de protección civil.

3. Tecnoloxía avanzada do 112 SOS-Galicia: os sistemas telefónicos de radio e informáticos están integrados nos sistemas oficiais da Xunta de Galicia.

3.1. Sistema telefónico:

-Altas prestacións tecnolóxicas.

-Redundancia e seguridade dos sistemas de telefonía.

-Transferencia de chamada a outro centro.

-Conferencia multipartita (ata 8 persoas).

-ACD: distribución automática de chamadas.

-Localización e situación xeográfica do solicitante.

-Rede privada da Xunta en tódolos centros asociados ó 112.

3.2. Sistema radio-trunking:

-Sistema oficial da Xunta de Galicia.

-A flota de protección civil distribuída por toda Galicia.

-Está formada por máis de 400 terminais de radio.

-Equipos de radio móbiles equipados con GPS.

3.3. Sistema informático:

-Interconexión dos centros asociados 112 SOS-Galicia.

-Aplicación de protocolos de actuación.

-Dispoñibilidade de catálogo de medios e recursos.

3.4. Sistemas especiais:

-GIS. Sistema de información xeográfico.

-GPS. Posicionamento de vehículos vía radio trunking.

-Gravadora de chamadas de radio e teléfono.

-SAI Sistema de alimentación ininterrompida.

-CAD Control de chamadas entrantes e saíntes.

4. Recursos humanos do 112 SOS-Galicia:

-Persoal técnico de protección civil. Un técnico de garda permanente 24 horas/365 días ó ano.

-Xefe de servicio 112 SOS-Galicia e xefes de sala do 112 SOS-Galicia.

-Operadores/as 112 SOS-Galicia: recibi-las chamadas, clasificalas e transferilas a outros centros ou en determinados casos xestiona-la emerxencia.

-Traductores Servicio 112 SOS-Galicia: idiomas: francés, inglés, alemán e portugués.

-Técnicos especialistas informáticos e de comunicacións.

ANEXO III

Catálogo de medios e recursos

Os medios e recursos que se van empregar neste plan son os recollidos no catálogo de medios e recursos do Platerga (Plan territorial de protección civil de Galicia), dos que se dispón en soporte informático no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

ANEXO IV

Servicios engadidos. Previsións meteorolóxicas

para os camiños

Durante a duración deste plan, a través da oportuna colaboración entre a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil e o Centro Meteorolóxico Territorial de Galicia (CMT-Galicia), dependente do Instituto Nacional de Meteoroloxía, preténdese realizar unha previsión meteorolóxica nas diferentes rutas xacobeas (por tramos) sobre nevaradas, frío, néboas, raios, precipitacións e outros meteoros, e no verán índices de ultravioleta.

A predicción meteorolóxica permitirá ós peregrinos dispoñer desta información nos albergues, nos puntos de información das rutas ou chamando ó teléfono de emerxencias 112, ou nas páxinas web dos organismos anteriormente indicados.

Esta información tamén se pretende ampliar ós albergues de turismo rural ós parques naturais.

ANEXO V

Previsións de protección civil

sobre as épocas de maior afluencia

Experiencias de anos anteriores e as previsións das distintas autoridades con competencias neste tema definen os períodos de maior afluencia conforme a táboa seguinte:

Media afluenciaAlta afluenciaMaior afluencia

* Febreiro

* Marzo

* Abril

* Novembro

* 15-31 de xaneiro

* Maio

* Xuño

* Setembro

* Outubro

* 1-15 de xaneiro

* Semana Santa

* Xullo

* Agosto

* 15-31 decembro

ANEXO VI

Información das páxinas web relacionadas

http://www.xunta.es/

http://www.xacobeo.es

http://www.turgalicia.es/

http://www.eidolocal.es

http://www.crtvg.es/

http://www.xunta.es/conselle/xi/proteccivil/sdpc.htm

http://www.112sosgalicia.org

http://www.imm.es