Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 19 de decembro de 2003 Páx. 15.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de decembro de 2003 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2004, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, establece no seu artigo 52.1º que a educación permanente ten como obxectivo ofrecerlles a tódolos cidadáns a posibilidade de formarse ó longo de toda a vida, coa finalidade de adquirir, actualizar, completar e amplia-las súas capacidades e coñecemento para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 52.3º prevé que as administracións públicas atenderán preferentemente a aquelas persoas que, por diferentes razóns, non puidesen completa-lo ensino básico.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 21 que a Administración educativa promoverá a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, entidades e empresas públicas e privadas que leven actividades paralelas ou estean dispostas a emprendelas co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, sobre todo daquelas que por razóns de traballo ou de residencia non poden continuar nos centros ordinarios.

Á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións, así como iniciar novos proxectos que lles proporcionen ós cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou prosegui-los seus estudios.

As accións de formación que teñen por finalidade alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro das accións de formación profesional para o período 2000/2006, susceptibles de seren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Entre as accións que se van desenvolver inclúense as actividades orientadas ós programas de garantía social para alumnos que non conseguisen os obxectivos básicos unha vez rematado o ensino obrigatorio e que lles permitan incorporarse á vida activa, ou outras ofertas educativas para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica e cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do 2004 e que o período no que se desenvolven as actividades non sexa inferior a seis meses e 240 horas. Ademais, a cantidade máxima solicitada por actividade de 360 horas e 9 meses non excederá de 6.000 euros.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 07.04.322S.460.0 e 07.04.322S.480.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ata un total de 472.316 euros. Deste importe un 65% corresponde a fondos da Unión Europea (FSE) e o 35% restante a fondos da Comunidade Autónoma.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2004, en trámite parlamentario.

O importe das axudas concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Cuarto.-Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun mínimo de 15 alumnos por actividade no momento do inicio e da súa realización. Non obstante, cando existan razóns que o xustifiquen, a dirección xeral poderá autorizar excepcionalmente mínimos lixeiramente máis baixos do sinalado anteriormente naquelas localidades con pouca poboación e que non teñan oferta educativa dirixida ás persoas adultas.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de cada actividade, tamén por duplicado, conforme o anexo II.

Así mesmo, xuntarán á documentación sinalada:

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

-Certificación bancaria da conta corrente a nome da entidade local e se é o caso do titular ou representante legal da institución privada solicitante, na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención.

-Lista de alumnos para as entidades que comezasen a actividade e proposta de alumnado os que non a comenzasen.

Sétimo.-Os datos que se presentaran coa solicitude serán tidos en conta para a súa valoración e pagamento das axudas; polo tanto, esixirase o cumprimento sempre e cando non haxa comunicación da súa variación á dirección xeral.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude deberá ser comunicada polo solicitante á devandita dirección xeral para que se resolva o que proceda.

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completa-lo expediente e tamén poderá dispoñer que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Oitavo.-Baixo a presidencia da directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais da Inspección Educativa.

-Dous funcionarios da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais; un deles actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos proxectos presentados.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Noveno.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de catro meses contado desde a publicación da presente orde.

A selección e contía das axudas establecerase de acordo coas seguintes prioridades:

A) Con carácter xeral terán prioridade as actividades que:

* Se realicen en concellos ou comarcas nas que non exista unha oferta formativa de educación de persoas adultas.

* Sexan continuidade de actividades que xa se viñan realizando en cursos pasados, sempre que esta continuidade se xustifique.

B) Con carácter particular:

* Actividades dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais, sendo

o seu obxectivo dotalas dos coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral, así como a continuidade noutros procesos formativos. Estas ensinanzas estructúranse en dous niveis (nivel I e II) en función das características e necesidades das persoas que as cursarán e están reguladas na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo).

* Preparación para a obtención do título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais nos meses de xuño e setembro.

* Programas de iniciación profesional como parte integrante da estructura dun programa de garantía social.

* Preparación de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Décimo.-Unha vez aprobada a axuda, enviarase, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a programación das actividades que se pretenden realizar na que se reflictan: obxectivos, contidos, actividades, metodoloxía, avaliación, etc., para a súa posterior supervisión.

Décimo primeiro.-As axudas concedidas en cada caso, irán destinadas fundamentalmente a sufraga-los gastos de persoal, que como mínimo alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida, e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto, que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento arbitrarase a distribución de gastos de forma que un 20% teña a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos.

As axudas serán aboadas unha vez finalizada a actividade no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para a que foi concedida, de acordo co establecido no artigo 151 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, xuntando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada para o efecto do disposto no artigo 61 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e certificación de que se cumpriron as actividades e se realizaron os investimentos para as que se lles concedeu a axuda. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a súa

concesión. Toda alteración das condicións tidas

en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para aquelas que non superen o importe de 6.000 euros poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo de pagamento de ata un 80%, e aquelas que superen os 6.000 euros poderán percibir ata un 10%, logo da aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezadas tódalas actividades. Así mesmo, xuntarase por parte das entidades solicitantes copia da convocatoria das actividades mediante algún dos seguintes sistemas: a través dos medios de comunicación, folletos informativos, carteis, bandos, etc., e relación nominal dos alumnos matriculados co seu DNI.

O 20 % ou 90% restante, segundo o caso, librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Décimo segundo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-Facer publicidade da convocatoria mediante cartel, bando, medio de comunicación, etc. Nela deberá figura-lo anagrama da Unión Europea e da Xunta de Galicia.

-Gratuidade das actividades.

-Informa-los asistentes ás actividades de que están financiadas nun 65% pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

-Xestión directa do proxecto subvencionado (non se admitirán convenios ou subcontratas do profesorado, nin cesión da xestión a axencias).

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Cesión de cantos documentos e materiais deriven do proxecto para a súa publicación.

-Establecer un rexistro de solicitudes de alumnos que queren face-lo curso.

-Remitir, xunto coa memoria final, unha relación nominal de asistentes onde figure nome e apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo, teléfono e estudios cursados e fotocopia do DNI.

-Establecer un rexistro de asistencia.

-Comunica-lo número real de participantes e as baixas e altas que se produzan.

-Realizar unha ficha de avaliación inicial de cada alumno.

-Abrir un rexistro de avaliación do alumno conservando as probas escritas e os traballos realizados.

-Comunicarlle ó interesado os resultados das avaliacións realizadas mediante un boletín de cuali

ficacións, no que deberá figura-lo anagrama da Unión Europea-Fondo Social Europeo.

-Solicita-la programación de aula do profesor.

-Xuntar copia dos contratos do persoal laboral contratado pola entidade para imparti-las ensinanzas obxecto da subvención. O contrato ha de estar visado pola oficina pública de emprego.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Décimo terceiro.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso deberán organizarse as actividades co obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do 15 de outubro de 2004, a memoria e a xustificación de gastos. A non presentación da memoria no prazo establecido poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Décimo cuarto.-Na publicidade e propaganda de tódalas accións formativas que se soliciten ó amparo desta orde, así como, na súa convocatoria pública e nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos logotipos.

Décimo quinto.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos servicios provinciais da Inspección Educativa. Para face-lo seguimento a Inspección Educativa realizará as visitas que estime necesarias (sendo preceptivo realizar dúas como mínimo). Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e unha vez finalizado o seguimento elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación de todas e cada unha das actividades.

Décimo sexto.-Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos a que fai referencia o artigo 191 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. O procedemento de reintegro farase de acordo co artigo 201 do mencionado decreto.

Décimo sétimo.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo oitavo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria