Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 19 de decembro de 2003 Páx. 15.726

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

DECRETO 436/2003, do 11 de decembro, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración.

A poboación inmigrante está experimentando na actualidade un notable e ininterrompido incremento, sendo Galicia a primeira Comunidade Autónoma receptora de inmigrantes de nacionalidade española.

Dado o seu carácter pluridisciplinar, a política inmigratoria require dunha actuación coordinada de tódolos departamentos da Xunta de Galicia.

Por iso, considérase precisa a creación dunha Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración que, entre outras funcións, estudiará as propostas e actuacións das consellerías que teñan incidencia na política inmigratoria en Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emigración, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración coa composición e funcións que se establecen neste decreto.

Artigo 2º

Son funcións da Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración:

1. Analizar, debater e emitir informe sobre as propostas e actuacións das consellerías que teñan incidencia na política de apoio á inmigración.

2. A elaboración de programas de apoio á inmigración estranxeira así como á nacional procedente do estranxeiro, coa estimación dos gastos correspondentes, se é o caso.

3. A avaliación das medidas adoptadas, o seguimento da súa aplicación e a proposta das modificacións oportunas tendentes á súa mellora ou ó seu perfeccionamento.

4. Tomar coñecemento dos proxectos de disposicións normativas que incidan directamente no colectivo de inmigrantes, co fin de face-las consideracións oportunas sobre o seu contido.

5. Estudia-las propostas de incidencia local ou comarcal que lle poidan formular á Xunta de Galicia as diversas instancias do sistema público de apoio á inmigración ou as asociacións e outras entidades de iniciativa social.

6. Coñece-las actuacións emprendidas por organismos internacionais e outras admimistracións públicas, que teñan incidencia no apoio á inmigración.

7. Estudia-la oportunidade e viabilidade de convenios de cooperación e colaboración con entidades públicas ou privadas respectivamente, que teñan como obxecto materias que afecten directamente o colectivo inmigrante.

8. Elevar, por proposta do conselleiro de Emigración, ó Consello da Xunta de Galicia, todas aquelas propostas relacionadas coas materias anteriormente expostas.

9. Cantas outras de análoga natureza lle poida atribuír o Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

A Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Vicepresidente: o conselleiro de Emigración.

Vocais: os conselleiros das consellerías competentes nas materias de economía, asuntos sociais, emprego, desenvolvemento rural, familia, xuventude, voluntariado, cultura, educación, sanidade, vivenda e xustiza.

O director xeral de Apoio á Inmigración.

Exercerá o cargo de secretario o director xeral de Apoio á Inmigración.

En caso de ausencia ou enfermidade o presidente será substituído polo vicepresidente.

Por cada vocal existirá tamén un suplente, que terá a categoría mínima de subdirector xeral.

Os suplentes, cando ocupen o posto do titular participarán nos debates e nas votacións nas mesmas condicións que os vocais ós que substitúen.

Deberáselle comunicar ó secretario, antes do inicio da reunión da comisión, a substitución de calquera dos membros titulares polo seu suplente.

Ó secretario da comisión corresponderalle desempeña-las funcións previstas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración funcionará:

a) En pleno.

b) En grupos de traballo.

Artigo 5º

O Pleno estará integrado por tódolos membros da Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración. Reunirase, en sesión ordinaria, catro veces ó ano, e con carácter extraordinario, cando sexa convocada polo presidente.

Artigo 6º

O Pleno poderá crear grupos de traballo por áreas, permanentes ou específicas, formadas polos membros que aquel designe para o efecto, e asistidas polos expertos ou asesores que procedan, designados polo presidente.

Artigo 7º

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento da Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración, acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre réxime xurídico dos órganos colexiados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Emigración para dictar conxuntamente as normas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA