Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 18 de decembro de 2003 Páx. 15.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de decembro de 2003 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento para a concesión de axudas á renovación da flota pesqueira costeira artesanal galega, enmarcadas dentro do Plan de dinamización económica de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia conta cun importante censo de buques de pequena envergadura

que se adican á pesca costeira artesanal. Esta flota, que se caracteriza pola súa falla de dimensión, o seu pequeno porte, e o que é máis importante, a súa antigüedade, está a pescar, a meirande parte do tempo, dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro das rías e nas zonas sensibles para o recrutamento e recuperación dos stocks susceptibles de explotación.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, desde o inicio do Programa Operativo do IFOP -os fondos estructurais adicados á pesca desde a Unión Europea- en 1994, priorizou a renovación desta flota, buscándose unha maior seguridade nas embarcacións, mediante a incentivación da construcción de novas unidades, e de unidades de maior porte.

A normativa básica estatal establece un sistema de achega de baixas para a construcción de novos buques de pesca. Esta achega de baixas realizábase obligatoriamente por proxectos individuais, non permitíndose emprega-lo excedente dun proxecto constructivo noutro. As embarcacións, necesarias para poder construír unha nova, son de elevado custo xa que o valor delas está a ser definido polo valor da embarcación para o seu despezamento, ou ben debido ó mantemento de determinados pescadores de máis idade na actividade debido ás baixas prestacións por xubilación que cobrarían estes.

Desde novembro de 1998, e seguindo a petición unánime das diferentes comunidades autónomas, a Administración xeral do Estado modificou esta normativa, permitindo que, nos proxectos constructivos de menos de 10 GTs de arqueo, que engloba toda esta flota de baixura, se poida redistribuí-lo excedente de arqueo entre diferentes armadores.

Coa publicación do Regulamento (CE) nº 2369/2002 do Consello, do 20 de decembro de 2002 que modifica o Regulamento (CE) nº 2792/1999, polo que se definen as condicións das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE nº 358, do 31-12-2002), limitouse o período posible de axudas públicas á renovación dos buques pesqueiros. Cando antes a data tope para a concesión de axudas era o 31-12-2006, pasa a acurtarse dous anos, pasando ó 31 de decembro de 2004. Esta nova situación provoca que se teñan que adianta-los prazos para acadar unha renovación e modernización axeitada da flota pesqueira galega, e en particular, este tipo de flota.

O Plan de Baixura, auspiciado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, inclúe unha serie de axudas -renovación de flota, prexubilacións, acceso á propiedade das embarcacións- que teñen que ser potenciadas, con carácter de urxencia, en tódolos seus aspectos, e en particular, no aspecto investidor. Para paliar esta situación necesítase favorece-lo acceso á propiedade das embarcacións mediante unha mellora das condicións de financiamento.

O Instituto Galego de Promoción Económica ten unha liña específica para o financiamento de microcréditos para empresas con domicilio fiscal en Galicia que teñan

a consideración de microempresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea, e que é o complemento financeiro axeitado para este tipo de axudas á nova construcción de buques pesqueiros.

O Plan de dinamización económica de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, fai fincapé na necesidade de intensifica-la renovación e modernización da flota de baixura.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións para a adopción de medidas específicas para a renovación da flota pesqueira costeira artesanal con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, enmarcada dentro do Plan de dinamización económica de Galicia, e regúlase o procedemento de concesión das axudas coa finalidade de substituír embarcacións xa existentes, por outras con mellores condicións operativas e así incrementa-la competitividade e o desenvolvemento das empresas pesqueiras e das condicións de traballo a bordo.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca coas súas modificacións, e na normativa básica do Estado.

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria do ano 2004, 12.03.721V.770.1, renovación da flota, con base na normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto, e condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente unha vez aprobado o orzamento, e por un importe de 4.703.811 euros.

A dita cantidade poderá incrementarse en caso de existencia de remanentes na aplicación.

As axudas financiaranse con cargo a fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares dunha autorización de construcción en vigor, expedida pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, para a construcción dun buque pesqueiro de más de 5 e menos de 12 metros de eslora total.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios ó formaliza-la súa solicitude sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requerida en relación a aquelas e á súa contabilidade e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 6º.-Incumprimento das obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, co xuro de demora, no caso do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios, e se é o caso, administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Importe das axudas.

A axuda será unha porcentaxe, nunca superior ó corenta por cento, do investimento subvencionable.

O investimento subvencionable será a menor destas tres cantidades: o custo total previsto polo interesado para a obra; o resultado de aplica-lo baremo previsto na normativa comunitaria de aplicación -Regulamento (CE) nº 2792/1999 coas súas modificacións-; o que se obtén ó valora-lo proxecto con criterios técnico-económicos obxectivos e homoxéneos, para o que se poderán pedi-los correspondentes informes.

Manterase a axuda pero minorarase, na fase de pagamento, se o investimento material realizado e/ou pagado é, por causa xustificada, dunha entidade e/ou contía inferior á que se considerou elixible, e na mesma proporción.

A axuda non se modificará aínda que as obras efectivamente realizadas sexan superiores ou dun custo maior que os tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou no de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro segundo o modelo que figura no anexo I desta orde.

Xunto coa solicitude deberán presentarse por cuadruplicado exemplar:

a) Copia cotexada do DNI do solicitante.

b) Proxecto técnico unido ó expediente de construcción con especificacións que detalle as características técnicas de todos e cada un dos equipos instalados a bordo e o orzamento do investimento que se vai realizar, así como a indicación de que o buque será construído de conformidade cos regulamentos e directivas en materia de hixiene, seguridade, sanidade, calidade dos productos, e coas disposicións comunitarias sobre a medición dos buques e o control das actividades pesqueiras.

c) Declaración do anexo II desta orde relativo ó momento da solicitude.

d) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o solicitante, para efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

2. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Substituirase a copia de DNI do solicitante pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e unirase a copia cotexada do DNI do representante.

b) Xuntará certificación rexistral na que figuren a súa constitución e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar no nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

3. Se o solicitante é unha pluralidade de persoas:

a) A copia de DNI achegarase de cada solicitante.

b) Da conta bancaria deberán ser titulares todas elas.

Artigo 9º.-Prazo de presentación.

Establécese un prazo aberto para a presentación das solicitudes que abrangue desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de novembro de 2004.

Artigo 10º.-Concesión da axuda.

Tódolos expedientes presentados dentro de prazo e que teñan completa a súa documentación serán resoltos positivamente tendo en conta a orde de presentación das solicitudes ante a Administración e coa única limitación das dipoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11º.-Realización do investimento.

O investimento deberá ser realizado dentro dos doce meses seguintes á concesión da axuda.

Dentro dese prazo poderá solicitarse unha prórroga e, se é o caso, ser concedida polo director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca só polo tempo imprescindible para o remate das obras.

A acreditación da realización do investimento será efectuada mediante certificación dos servicios da consellería.

Artigo 12º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución dos expedientes correspóndelle ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que a delega no director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

Artigo 13º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis meses contados a partir da presentación de solicitude.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 14º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 15º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se a entidade solicitante non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 17º.-Pagamento da axuda.

En todo caso, para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que as obras obxecto da axuda estean realizadas de conformidade e rematadas.

b) Que os investimentos estean pagados.

c) Que os beneficiarios se encontren ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non teñan pendentes de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Que os barcos achegados como baixa fosen retirados efectivamente da actividade pesqueira.

e) Que o novo buque fora dado de alta no Censo da Flota Pesqueira Operativa, -como rexistro comunitario de buques pesqueiros- e no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez rematadas as obras, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Facturas orixinais do investimento realizado, que poderán ser devoltas por petición do interesado, unha vez tomada razón de que foron usadas para a percepción de axudas do IFOP.

b) Certificación do acredor de que as ditas facturas foron efectivamente pagadas.

c) Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados, correspondentes ás ditas facturas.

d) Declaración do anexo II desta orde relativa ó momento do pagamento.

e) Certificacións acreditativas de que o beneficiario se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que as baixas achegadas foron retiradas da actividade pesqueira mediante a entrega da patente de navegación e do rol, e efectivamente despezadas, o que debe constar na folla de asento e no Censo da Flota Pesqueira Operativa.

Se o procedemento de retirada da actividade pesqueira é distinto do despezamento, acreditarase suficientemente este feito.

g) A acreditación de que o novo buque está dotado do Plan de Prevención de Riscos Laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Estas axudas son compatibles coa liña habilitada actualmente polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o establecemento de microcréditos a pequenas empresas con menos de dez traballadores, ata un total do préstamo de 25.000 euros, sempre que os xuros subvencionados non superen o dez por cento do investimento subvencionable.

Segunda.-As confrarías de pescadores, coa colaboración dos axentes de desenvolvemento do litoral adscrito á consellería, facilitarán, se é o caso, a promoción de proxectos conxuntos de construcción, ós que se refire o artigo 3 c), segundo parágrafo do Real decreto 1048/2003, do 1 de agosto, sobre ordenación do sector pesqueiro e axudas estructurais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos