Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.364

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2003 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo correspondentes ó persoal funcionario de administración e servicios.

Vacantes diversos postos de traballo desta universidade, dotados orzamentariamente, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 65 dos estatutos da universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), en relación co artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e de acordo co disposto no art. 20.10º a) da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, o Decreto 93/1991, da Xunta de Galicia, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo), o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril), polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Resolución do 26 de agosto de 2003 da Universidade da Coruña pola que se actualiza a relación de postos de traballo do persoal de administración e

servicios (DOG do 5 de setembro), e unha vez consultada a Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servicios, resolve convocar concurso para cubri-los postos vacantes que se relacionan no anexo I desta resolución, así como os que resulten vacantes no seu proceso de cobertura, conforme as seguintes

BASES

Primeira.-Requisitos e condicións de participación.

Poderán participar no presente concurso tódolos funcionarios de carreira das escalas de administra

ción e servicios da Universidade da Coruña, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos en firme, así como os pertencentes a corpos ou escalas xerais de calquera das administracións públicas que se encontren na data desta convocatoria prestando os seus servicios nesta universidade, sempre que reúnan as condicións e requisitos esixidos na convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación.

Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

Segunda.-Postos de traballo.

Os postos de traballo son os que se detallan no anexo I, sendo necesario para poder optar a calquera deles pertencer ó grupo e ó corpo ou escala que se sinala no dito anexo, así como reuni-los requisitos específicos que se sinalan nel e na vixente relación de postos de traballo de persoal de administración e servicios da Universidade da Coruña.

Así mesmo, os funcionarios que o desexen poderán solicita-los postos que poidan quedar vacantes durante o proceso de cobertura.

Terceira.-Valoración de méritos.

A valoración dos méritos dos aspirantes para a adxudicación dos postos de traballo solicitados efectuarase na seguinte forma:

A) Primeira fase (máximo 20 puntos):

Consistirá na valoración dos méritos que a continuación se indican, sendo necesario obter un mínimo de 15 puntos para superala ou, se é o caso, para proceder á adxudicación da praza.

1. Antigüidade.

Os servicios prestados na Administración pública, incluíndo os servicios previos recoñecidos que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario de carreira, valoraranse 0,30 puntos por cada ano completo (ou fracción). Ata un máximo de 3 puntos.

2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 16: 1,60 puntos.

Por cada unidade de nivel consolidado que exceda do 16: 0,10 puntos.

3. Grupo do corpo ou escala de pertenza.

Polo grupo ó que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos.

-Por pertencer ó grupo A: 2 puntos.

-Por pertencer ó grupo B: 1 punto.

4. Coñecemento da lingua galega.

CursoPuntuación

De iniciación1 punto

De perfeccionamento2 puntos

Linguaxe administrativa3 puntos

Só se valorará a titulación de maior nivel.

5. Cursos de formación e perfeccionamento.

Neste epígrafe serán valorados os cursos de formación administrativa xeral, así como os cursos de formación e perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias dos postos de traballo solicitados.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Diploma de directivo Xunta de Galicia: 2 puntos.

b) Cursos de formación xeral e específica:

-Por cada curso igual ou superior a 10 horas lectivas e ata 19 horas lectivas: 0,25 puntos.

-Por cada curso de 20 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,50 puntos.

-Por cada curso de 40 horas lectivas ou superior: 1 punto.

-Aqueles cursos inferiores a 10 horas ou aqueloutros nos que non conste o número de horas: 0,10 puntos.

Puntuación máxima do epígrafe 5: 3 puntos.

6. Titulación académica.

-Diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente: 2 puntos.

-Licenciado universitario, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente: 3 puntos.

Só se valorará a titulación de maior nivel.

7. Valoración do traballo desenvolvido.

A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos dous anos como funcionario de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada seis meses ou fracción superior a tres meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado en un nivel: 0,75 puntos.

b) Por cada seis meses ou fracción superior a tres meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel: 0,60 puntos.

c) Por cada seis meses ou fracción superior a tres meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ó desempeñado: 0,45 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

B) Segunda fase (máximo 10 puntos).

Esta fase está dirixida á comprobación e valoración dos méritos específicos adecuados ás características de cada posto de traballo.

Os aspirantes deberán presentar coa súa solicitude unha memoria, de extensión máxima de cinco páxinas, mecanografadas a dobre espacio, na que se analicen as tarefas do posto solicitado e os requisitos, condicións e medios necesarios para o seu desenvolvemento. A memoria valorarase ata un máximo de 6 puntos.

A comisión entrevistará os aspirantes sobre o contido da memoria, así como sobre os méritos específicos do aspirante adecuados ás características do posto e demais condicións que garantan a adecuación para o desempeño do posto. Esta entrevista valorarase cun máximo de 4 puntos.

Para superar esta fase será necesario obter un mínimo de 4 puntos, sumadas as puntuacións obtidas pola memoria e na entrevista.

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes para tomar parte neste concurso e o modelo de currículo axustaranse ó modelo publicado como anexo II desta resolución e deberán presentarse no rexistro xeral da universidade, no prazo de quince días, contados a partir do seguinte ó da data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de que sexan varios os postos solicitados, a preferencia deles virá establecida pola orde en que aparezan consignados na solicitude.

Quinta.-Acreditación de méritos.

Os requisitos, méritos e demais datos deberán ser acreditados polos interesados mediante a presentación dos documentos e títulos orixinais, ou fotocopias, e certificacións das correspondentes unidades de persoal. As certificacións deberán estar referidas á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os servicios prestados na Administración pública serán acreditados polo Servicio de Persoal da universidade. No caso de que estes non consten no expediente do interesado, deberán ser acreditados mediante certificación expedida pola Xefatura de Persoal da Administración onde se prestasen.

Así mesmo, e para aqueles postos desempeñados noutras administracións públicas distintas da universidade, os interesados deberán xuntar coa solicitude certificación ou documentación aclarativa das tarefas e funcións correspondentes ó posto de trabaIlo.

Os méritos non acreditados documentalmente polo interesado non serán tidos en conta pola comisión de valoración.

Non obstante a comisión de valoración poderá, se o estima oportuno, requirir dos concursantes a presentación dos documentos adicionais, aclaracións e probas que consideren necesarios.

Sexta.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará composta polo rector ou persoa en quen delegue que a presidirá, tres vocais nomeados polo rector e dous representantes designados pola xunta de persoal de administración e servicios e un secretario designado polo rector.

Sétima.-Resolución do concurso e toma de posesión.

A orde de prioridade para a adxudicación dos postos virá dada pola puntuación total obtida, sumados os resultados finais das dúas fases. No caso de empate na puntuación acudirase para dirimilo ó disposto no artigo 10.5º do decreto da Xunta de Galicia 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

Rematados os traballos de valoración de méritos, a comisión de valoración fará públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Coruña e Vicerrectorado de Ferrol, as puntuacións obtidas polos aspirantes por cada concepto, así como a proposta pro

visional de adxudicación dos postos, contra a que os interesados poderán formular reclamacións no prazo de dez días contados a partir da súa publicación.

Transcorrido este prazo, a comisión elevará ó rector a proposta definitiva de adxudicación de prazas a favor dos solicitantes que obtivesen a maior puntuación, especificando, se é o caso, as prazas que quedaran desertas.

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días desde a resolución do concurso se non implica cambio de residencia do funcionario, ou dun mes se comporta cambio de residencia. Non obstante, a incorporación poderá demorarse ata seis meses por esixencias do normal funcionamento dos servicios.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á publicación da resolución do concurso no taboleiro de anuncios do rectorado desta universidade.

A presente convocatoria e os actos que dela deriven poderán ser impugnados de acordo co previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de decembro de 2003.

(Resolución 26-9-2003)

Eliseo Alfonso Barca Lozano

Rector da Universidade da Coruña en funcións

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN

DE PADRÓN