Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 10 de decembro de 2003 Páx. 15.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 27 de novembro de 2003 pola que se convocan bolsas para a formación de expertos turísticos en mercados emisores mediante a realización de prácticas profesionais de especialización en oficinas de turismo no estranxeiro durante o ano 2004.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que, por parte das administracións públicas, se destinen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

Entre esas iniciativas, a Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social y Turismo, desde o ano 1999, vén dedicando parte

dos seus recursos en materia turística á convocatoria de bolsas para que, a través da realización de prácticas na rede de oficinas do Instituto de Turismo de España (Turespaña) no estranxeiro, se formen expertos en promoción exterior do turismo e se estableza unha base de apoio á captación de demanda turística a Galicia.

Á vista dos fructíferos resultados obtidos nas anteriores edicións, a consellería considera de interese continuar con esta medida. A conveniencia de que os bolseiros se incorporen ós destinos durante o mes de marzo, marcada en especial polo feito de que o 2004 sexa Ano Xacobeo, fai aconsellable que a tramitación da orde se realice coa maior urxencia posible.

Por iso, con cargo ós créditos asignados a esta finalidade no exercicio de 2004, consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, e tendo en conta

as determinacións establecidas na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, en uso das facultades que teño atribuídas, dispoño a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas enunciadas no epígrafe, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Destino, número, duración e contido das bolsas.

Convócanse catro bolsas para a realización de prácticas profesionais de especialización de expertos turísticos en mercados emisores, que desenvolverán as súas funcións nas seguintes cidades e polos meses que a continuación se indican: Bos Aires (10 meses), Londres (9 meses), Munich (9 meses) e Sao Paulo (8 meses). As prácticas comezarán no mes de marzo. En ningún caso se considerarán períodos de vacacións.

Nas localidades de Londres, Munich e Sao Paulo, os bolseiros traballarán nas oficinas españolas de turismo no país de destino, baixo as ordes e supervisión do director da devandita oficina ou persoa a quen este asigne a titoría do bolseiro, onde se integrará como membro desta, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e de funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan necesarios para a realización das tarefas que se lles encomenden por parte do director, e que serán compatibles co plan de actuación aprobado para cada un deles.

En Bos Aires, o beneficiario situarase no Centro de Galicia desa localidade, sito na rúa Bartolomé Mitre 2538/60, onde desempeñarán as actividades de información e promoción que desde a Dirección Xeral de Turismo lle sexan encomendadas, en coordinación co presidente do devandito centro, quen será o que acredite o cumprimento do traballo por parte do bolseiro.

A Dirección Xeral de Turismo reservase para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen, de adscribi-los bolseiros a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implicara desprazamentos, a dirección xeral faríase cargo deles.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

* Nacionalidade: estar en posesión da nacionalidade española.

* Titulación: licenciado ou diplomado en turismo ou calquera titulado superior.

* Ter finalizada a licenciatura ou diplomatura nos 5 anos inmediatamente anteriores ó momento de remate do prazo de presentación das solicitudes e non máis de 35 anos.

* Idiomas: dominio oral e escrito da lingua do país de destino.

* Non ter obtido con anterioridade ningunha bolsa para a formación de expertos turísticos en mercados emisores.

Terceira.-Dotación das bolsas e determinacións orzamentarias.

A concesión das bolsas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.651A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, tendo en conta que, en todo caso, o gasto proxectado se suxeitará á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O importe total do crédito destinado a esta convocatoria é de setenta e seis mil trescentos setenta e catro (76.374) euros, que se repartirá como segue:

Cidade de destinoNúmero de bolsasDuración da bolsaDotación euros

Bos Aires110 meses21.630

Londres19 meses18.720

Munich19 meses18.720

Sao Paulo18 meses17.304

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino).

Cuarta.-Condicións e incompatibilidades.

1. A condición e o desfrute dunha bolsa non establece relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

2. A percepción da bolsa non será compatible co desfrute doutras axudas.

Quinta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Desenvolve-la actividade obxecto da bolsa, que se detalla no seu plan específico de actuacións, cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios, presentando informes trimestais de actividade á Dirección Xeral de Turismo, e calquera outro que determinen a directora xeral de Turismo ou o director da oficina na que estivesen destinados.

2. Presentar unha memoria final realizada polo bolseiro e visada polo responsable da oficina sobre as tarefas realizadas e os resultados obtidos, con inclusión das propostas de mellora que se consideren oportunas.

3. Comeza-lo desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinale en cada caso e desenvolve-lo seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro impida ou dificulte. O bolseiro comprométese a non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde.

Sexta.-Presentación de solicitudes.

1. Os interesados dirixirán a súa solicitude á Dirección Xeral de Turismo, segundo o modelo normalizado no anexo I. Deberá remitirse en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada, por ámbalas dúas caras, do DNI ou documento análogo e unha fotografía.

b) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, na diplomatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas. No caso de que o expediente académico non sexa español, será preciso que estea debidamente validado pola administración educativa española.

c) Curriculum vitae, cos documentos acreditativos correspondentes. Valorarase con carácter preferente o coñecemento de idiomas estranxeiros, o coñecemento dalgunha versión de Microsoft Word e Power Point, navegador de Internet e correo electrónico e as actividades de formación, investigación e experiencia laboral no ámbito turístico.

d) Declaración sobre bolsas das que estean beneficiándose ou solicitasen.

e) Relación de toda a documentación que se achegue.

2. Os interesados poderán presentar dúas solicitudes como máximo. Nese suposto sinalarán o destino preferente.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo.

Sétima.-Proceso de selección e resolución.

1. A selección das solicitudes será realizada unha comisión que se constituirá para o efecto e que se axustará ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Estará composta polos seguintes membros:

Presidente: a subdirectora xeral de Ordenación do Turismo.

Secretario: un xefe de servicio da Dirección Xeral de Turismo.

Vocais: un funcionario da Dirección Xeral de Turismo e un xefe de área de Turgalicia designados pola presidenta da comisión.

Para as probas de idioma, o conselleiro, por proposta da comisión, poderá designar asesores especialistas, que terán voz pero non voto nas sesións que esta realice.

2. A valoración dos méritos alegados polos candidatos realizarase conforme o seguinte baremo:

A) Curriculum vitae.

FormaciónAta 4 puntos

InformáticaPor cursos relacionados coa informática e/ou Internet, de máis de 20 h: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50.

IdiomasPor coñecemento dun idioma distinto daquel do país para o que se solicita a bolsa: 0,50 puntos ata un máximo de 1,50.

CursosPor cada curso relacionado con turismo de máis de 20 h, 0,10 ata un máximo de 1; e por cursos de posgrao ou masters relacionados: 1 punto.

InvestigaciónPor un traballo de investigación en materia turística ata 1 punto.

ExperienciaAta 2 puntos

Por cada 3 meses de prácticas ou traballo no sector turístico: 0,50.

B) Probas.

Test

Sobre temas do anexo II

Ata 3 puntos

Idioma

Proba oral

Ata 3 puntos

C) Entrevista persoal.

Valorarase ata un máximo de 6 puntos. Coa entrevista preténdese profundizar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o que soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valora-las súas actitudes e aquelas outras circunstancias que se consideren de interese para o seu futuro traballo.

3. Proceso de selección.

3.1. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización de dúas probas: unha tipo test sobre o temario que se inclúe como anexo II desta orde, e outra oral de idioma. A entrevista realizarase a continuación da proba de idioma.

3.2. A comisión de valoración valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo arriba indicado e propoñerá ó conselleiro a adxudicación das bolsas ós candidatos de maior puntuación.

3.3. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, as datas e o lugar da realización das probas e a puntuación obtida faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo, da Secretaría Xeral da Consellería e dos servicios provinciais de Turismo. Entre a exposición da lista de aspirantes admitidos e excluídos e a realización da primeira proba debe mediar, alomenos, un período de dez días.

4. A resolución do conselleiro pon fin á vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou ben interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

Ós adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión ós domicilios que sinalasen nas solicitudes. Eles están obrigados, no prazo de cinco días naturais, a comunicar á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia das bolsas. Se transcorridos os sinalados 5 días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á bolsa e esta concederáselle ó seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron ese destino que non fora beneficiario doutra das bolsas convocadas.

No suposto de que non existira suplente porque non houbera máis candidatos ou estes tamén renunciaran, poderá ofertarse ós seguintes aspirantes por orde de puntuación sexa cal fora o destino solicitado, sempre que acreditaran suficiente coñecemento do idioma do país de destino.

5. Xunto co escrito de aceptación da bolsa, no que debe constar expresamente que o beneficiario coñece e se compromete a cumpri-las bases da convocatoria, o adxudicatario deberá remiti-la seguinte documentación:

a) Unha declaración de renuncia expresa a calquera outra bolsa ou axuda similar da que fora beneficiario ou que solicitara.

b) A certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa.

c) Unha declaración da súa situación familiar para efectos do cálculo das retencións fiscais.

Oitava.-Aboamento das axudas.

1. Realizaranse catro aboamentos, unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación. O primeiro pagamento equivalerá ó 30 por 100 do importe total da bolsa, e realizarase durante os dous primeiros meses; os dous pagamentos seguintes, equivalerán o 25 por 100 por cada un; e o cuarto pagamento, que se elevará ó 20 por 100 da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas.

En tódolos pagamentos efectuará a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviado a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria.

b) Fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria e accidentes, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

c) Fotocopia do billete ata o lugar de destino.

3. Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o aboamento destes será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de levar a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral ó que alude a base quinta desta orde.

4. Pagamento final: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo sentido do punto anterior.

b) Memoria realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable de oficina acerca do labor realizado e cun balance que inclúa os resultados obtidos e as propostas de mellora, se é o caso.

Novena.-Cancelación da bolsa.

En calquera momento, o director da OET correspondente poderá propoñer á Subdirección de Comercialización Exterior de Turismo e OETS -quen decidirá- a cancelación da adscrición do bolseiro por razóns de insuficiencia no seu rendemento, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. Á vista diso, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá revoga-la concesión ou suspende-lo desfrute dunha bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

No suposto de renuncia durante o desfrute da bolsa, o conselleiro, tendo en conta o que manifeste o interesado e unha vez estudiadas as circunstancias concorrentes no caso, resolverá se procede a devolución total ou parcial das cantidades percibidas ou soamente a anulación dos aboamentos pendentes.

Décima.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das axudas reguladas nesta orde quedará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase ó disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo