Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2003 Páx. 15.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2003 pola que se convocan axudas ás organizacións de consumidores e usuarios para o funcionamento e mantemento das súas oficinas de atención ós consumidores para o ano 2004.

A convocatoria destas axudas adecúase ó establecido na Orde do 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XIV (DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002).

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e seguintes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finamento.

O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás organizacións de consumidores e usuarios de Galicia, por un importe total de douscentos corenta mil catrocentos cinco euros (240.405 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.480.0, na que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o 2004, quedando sometida esta resolución á condición suspensiva de existencia de crédito para financia-las obrigas derivadas desta, unha vez aprobado polo Parlamento de Galicia o citado proxecto de orzamentos, de conformidade co artigo 1.3 en relación co 1.1 da Orde do 11 de febreiro

de 1998 da Consellería de Economía e Facenda que regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Artigo 2º.-Contía.

A subvención que, se é o caso, se outorgue non superará, en ningún caso, o 70% do custo total dos gastos obxecto de financiamento.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Para poder ser beneficiario destas axudas deberase cumprir cos requisitos establecidos no anexo XIV da Orde do 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Os requisitos establecidos no antedito anexo XIV, deberán cumprirse no momento da publicación desta resolución e ata a resolución de pagamento da axuda concedida.

Considerarase que non incorren na prohibición establecida no anexo XIV, da Orde do 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, relativa a que non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas organizacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo, as organizacións ás que xa se lles denegara con anterioridade unha axuda con base nesta prohibición do anexo XIV, sempre que non volvan incorrer nela desde a data daquela denegación ata a resolución de pagamento da axuda que, se é o caso, se lle conceda.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas nesta resolución, segundo modelo do anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a, sobre determinados datos da organización, segundo modelo anexo II.

b) Orzamento da organización para o ano 2004, segundo modelo anexo III.

c) Gastos da oficina desagregados segundo anexo IV.

d) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, segundo modelo anexo V.

e) Xustificante de ingresos de cotas de socios da organización durante o ano 2003.

f) Certificación do concello onde se faga consta-la poboación de feito do concello, onde estea instalada a oficina ou oficinas.

Artigo 5º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo, comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos, e no suposto de observancia dalgún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requiriráselle ó interesado para que, nun prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 7º.-Avaliación das solicitudes.

O Servicio de Información e Educación do Instituto Galego de Consumo, será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes de axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 8º.-Pagamento.

De acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar anticipos de pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

1. Para aquelas que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de 6.010 euros, poderá concederse un anticipo de pagamento da axuda, conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de novembro de 2003 , do 50% da totalidade da subvención no momento da concesión, e o 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

Artigo 9º.-Xustificación.

Para a xustificación da subvención, a organización beneficiaria deberá presentar ata o 31 de decembro de 2004:

a) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude de axudas, obxecto de resolución, segundo anexo V.

b) Relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados, obxecto de subvención, segundo modelo anexo VI.

c) Xustificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, sobre o total do gasto realizado, obxecto da subvención, así como o que corresponda achegar á organización, segundo modelo anexo VII.

d) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, no que conste que os gastos subvencionables teñen como único destino o obxecto da axuda concedida.

e) Certificado da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde deba realizarse o pago, expedido pola entidade bancaria.

f) Facturas ou xustificantes de pagamento orixinais, emitidos a nome da organización beneficiaria, e que corresponderán ó ano 2004, e neles quedará reflectido de forma expresa que o seu pagamento foi efectuado.

g) Os xustificantes correspondentes a colaboracións esporádicas figurarán en facturas ou recibos, onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo que se retribúe, así como os datos da organización, o motivo e a duración da colaboración.

h) Para o caso de xustificantes e facturas, non exclusivas da oficina, achegarase certificado do secretario/a, co visto e prace do presidente/a, no que se faga consta-la porcentaxe de gasto, que figura no xustificante ou factura, correspondente á dita oficina.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil tres.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo