Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2003 Páx. 15.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2003 pola que se convocan axudas a organizacións de consumidores e usuarios para proxectos de mellora do mercado en relación cos intereses dos consumidores para o ano 2004.

A convocatoria destas axudas axústase ó establecido na Orde de 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XV (DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002).

En virtude disto, e de conformidade co Decreto 1984/1995, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Financiamento.

O Instituto Galego de Consumo concederalles axudas ás organizacións de consumidores por un importe de douscentos corenta mil catrocentos cinco euros (240.405 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.780.0 na que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo do ano 2004 quedando sometida a presente resolución á condición suspensiva de existencia de crédito para financia-las obrigas derivadas dela, unha vez aprobado polo Parlamento de

Galicia o citado proxecto de orzamento, de conformidade co artigo 1.3 en relación co 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda que regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Artigo 2º.-Contía.

A contía da axuda non poderá supera-lo 70% do custo dos proxectos obxecto da subvención.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Para poder ser beneficiario das presentes axudas deberase cumprir cos requisitos establecidos no anexo XV da Orde do 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Os requisitos establecidos no antedito anexo XV deberán cumprirse no momento da publicación da presente resolución e ata a resolución de pagamento da axuda concedida.

Considerarase que non incorren na prohibición establecida no anexo XV, da Orde do 11 de marzo de 2002, modificada pola Orde do 18 de novembro de 2002, relativa a que non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas organizacións que incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo, as organizacións ás que xa se lles denegara con anterioridade unha axuda en función desta prohibición do anexo XV, sempre que non volvan a incorrer nela desde a data daquela denegación ata a resolución de pagamento da axuda que, se é o caso, se lle conceda.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas na presente resolución, segundo modelo anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Denominación de cada un dos proxectos que se pretenden realizar, segundo modelo anexo II.

b) Declaración das axudas obtidas ou solicitadas, segundo modelo anexo III.

c) Certificado do número de socios da organización. Esta documentación non será necesario aportala se xa consta en poder da Administración sempre e cando non se teñan producido alteracións desde a última data na que foi remitido á Administración.

d) Por cada un dos proxectos presentarase unha memoria descritiva na que como mínimo se relatará o obxecto e necesidade do proxecto, deseño, ambito demográfico e territorial, destinatarios, custo medio por beneficiario do proxecto e ademais incluirase o sistema de indicadores que permita valora-lo grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos previstos (anexo IV).

e) Xustificante de ingreso de cotas dos socios da organización durante o ano 2003.

Artigo 5º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos, e no suposto, de observación dalgún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da dita lei.

Artigo 7º.-Avaliación das solicitudes.

O servicio de Información e Educación do Instituto Galego de Consumo será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes de axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 8º.-Pagamento.

De acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán realizar anticipos de

pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería correspondente ou do órgano superior da entidade concedente, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

Artigo 9º.-Xustificación.

Para a xustificación da subvención, a organización beneficiaria deberá presentar ata o 31 de outubro do 2004:

a) Relación numerada e circustanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados por proxecto, obxecto da subvención, segundo modelo anexo V.

b) Declaración de axudas concedidas e/ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude de axudas, obxecto da subvención, segundo modelo anexo III.

c) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a , sobre o total do gasto realizado e desagregado por proxectos, obxecto da subvención, así como o que lle corresponde achegar á organización segundo modelo anexo VI.

d) Por cada un dos proxectos realizados presentarase unha memoria descritiva na que como mínimo relatarase o obxecto e necesidade do proxecto, deseño, ámbito demográfico e territorial, destinatarios, custo medio por beneficiario do proxecto e ademais incluirase o sistema de indicadores que permite valora-lo grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos previstos (anexo IV).

e) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a, no que conste que os gastos subvencionados teñen como único destino, o obxecto da axuda.

f) Certificado da conta bancaria no que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente, onde debe realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

g) Facturas ou xustificantes de pagamentos orixinais, emitidos a nome da organización beneficiaria e correspondentes ó ano 2004. Neles quedará reflectido de xeito expreso, que o seu pagamento foi efectuado.

h) Unha memoria por cada un dos proxectos subvencionados.

i) No caso de proxectos que inclúan información publicitaria relativa ós proxectos subvencionados, deberase facer consta-lo patrocinio do Instituo Galego de Consumo, de xeito salientable, e enviarán copia do material ou materiais realizados.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2003.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo