Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2003 Páx. 15.044

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 425/2003, do 20 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora da estrada provincial 4202 Rubiós-A Carrasqueira (concello das Neves).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día vintenove de novembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de mellora da estrada provincial 4202 Rubiós-A Carrasqueira (As Neves) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Pontevedra foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de outubro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintesete de febreiro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actuación vén dada pola imperiosa necesidade de corrixi-la excesiva sinuosidade do actual trazado, nunha zona moi poboada e cunha escola de ensino primario nas súas inmediacións, e que xera o desprazamento a pé dos alumnos das zonas limítrofes, co grave risco que implica para os viandantes e o tráfico rodado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora da estrada provincial 4202 Rubiós-A Carrasqueira

(As Neves), debendo, de se-lo caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local