Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2003 Páx. 15.043

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 424/2003, do 20 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora da rúa Manuel Álvarez.

O Concello de Vigo, en sesión do día seis de xuño de dous mil tres, aprobou o proxecto de alargamento e mellora da rúa Manuel Álvarez e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Vigo foi remitida a documentación complementaria para a correcta trami

tación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do día dezaseis de setembro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de outubro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a citada rúa soporta un intenso tráfico rodado, e non dispón sequera das correspondentes beirarrúas, zonas de aparcamento, drenaxe superficial, nin dunha iluminación axeitada, o que reduce tanto a comodidade como a seguridade do peón que utiliza a vía, polo que a actuación é necesaria, tanto para evitar unha degradación do tecido urbano ata extremos dificilmente soportables, como para alivia-las conxestións viarias, o que redundaría directamente na seguridade vial dos cidadáns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora da rúa Manuel Álvarez, debendo, de se-lo caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local