O Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 28 de decembro), e a orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte 1923/2003, do 8 de xullo, pola que se establecen os elementos básicos dos documentos de avaliación, das ensinanzas escolares de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade dos alumnos (BOE do 11 de xullo), determinan que algúns aspectos dos que conformarán a nova ordenación do sis
tema educativo serán de aplicación no actual ano académico 2003-2004.
A Orde do 25 de agosto de 2003 pola que se dictan instruccións para a aplicación na educación secundaria obrigatoria do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (DOG do 15 de setembro), desenvolve eses preceptos na nosa Comunidade Autónoma, establecendo as correspondentes adaptacións da normativa vixente.
O Real decreto 831/2003, do 27 de xuño, polo que se establece a ordenación xeral e as ensinanzas comúns da educación secundaria obrigatoria (BOE do 3 de xullo), determina no punto 1 do seu artigo 18 que os itinerarios formativos e os programas de iniciación profesional conducirán ó título de graduado en educación secundaria obrigatoria, no que constará a nota media da etapa. De acordo co Real decreto 827/2003, este precepto será de aplicación obrigatoria a partir do ano académico 2005-2006.
Tal como se establece no apartado 3º do artigo 3 da Orde ministerial 1923/2003, do 8 de xullo, as cualificacións na educación secundaria obrigatoria deberanse expresar numericamente, o que será de obrigado cumprimento a partir do ano académico 2004-2005.
Non obstante, estímase conveniente a súa anticipación ó presente curso escolar co propósito de facilita-la incorporación da nota media da etapa no correspondente título a partir do ano académico 2005-2006.
En consecuencia, e en virtude do punto 1 da disposición adicional terceira da Orde ministerial 1923/2003, do 8 de xullo, esta consellería
DISPÓN:
Artigo único.-Amplíase a Orde do 25 de agosto de 2003 pola que se dictan instruccións para a aplicación na educación secundaria obrigatoria do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, engadíndose as seguintes disposicións:
«Artigo 6º.-Expresión dos resultados das avaliacións.
1. Os resultados das avaliacións das aprendizaxes do alumnado irán acompañadas dunha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de cero a dez, aplicándose as seguintes correspondencias:
Insuficiente: 0, 1, 2, 3 ou 4.
Suficiente: 5.
Ben: 6.
Notable: 7 ou 8.
Sobresaliente: 9 ou 10.
2. Nos diferentes documentos oficiais de avaliación rexistraranse as cualificacións expresadas tanto cualitativamente como cuantitativamente, agás nas actas de avaliación, nas que só se expresarán cuantitativamente.
Disposición transitoria terceira.-Cualificación de educación plástica e visual no caso do alumnado de segundo curso no ano escolar 2003-2004.
Debido ás dificultades que pode implica-la expresión numérica da cualificación da área de primeiro curso de educación plástica e visual no caso do alumnado que seguira esas ensinanzas no ano escolar 2002-2003, ou anteriores, e que no actual ano escolar 2003-2004 será avaliado de segundo curso, exceptúase do disposto no artigo 6º a expresión desa cualificación para ese caso, polo que se deberá consignar nos documentos oficiais de avaliación só cualitativamente».
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2003.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria