Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 02 de decembro de 2003 Páx. 14.796

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, relativa ó proxecto da L.A.T. 132 kV subestación Chantada-subestación Faro, no concello de Chantada (Lugo), promovido pola empresa Enerfín, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 2 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente pola que se formula a declaración de impacto ambiental da L.A.T. 132 kV subestación Chantada-subestación Faro, no concello de Chantada (Lugo), promovido pola empresa Enerfín, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto L.A.T. 132 S.E. Chantada-S.E. Faro. Xaneiro 2002.

-Estudio de impacto ambiental. L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Xaneiro 2002.

-Modificado EsIA segundo anexo proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Outubro 2002.

-Anexo II ó proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Decembro 2002.

-Modificado planos do EsIA segundo anexo II ó proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Decembro 2002.

-Estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica.

-Estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica. Informe complementario.

-Estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica. Anexo.

-Proposta de rede de miradoiros paisaxísticos.

-Documentación complementaria ó EsIA. Maio 2003.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, considera que o proxecto é ambientalmente viable sem

pre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: declaración de impacto ambiental, anexo II ó proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Decembro 2002. Modificado EsIA segundo anexo proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Outubro 2002. Modificado planos del EsIA segundo anexo II ó proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Decembro 2002, Estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica. Anexo, estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica. Informe complementario e estudio e corrección do impacto patrimonial da L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Memoria técnica, por esta orde.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión a 132 kV composta por un tramo soterrado de 112 metros de lonxitude e un tramo aéreo de 11.729 metros para interconexión das subestacións de Chantada coa de Faro. Así mesmo, entre os apoios 1 e 48 instalarase a L.A.T. a 66 kV Chantada-Lalín. A liña contará con cable de terra e fibra óptica OPGW, con illadores, sobre apoios metálicos de celosía.

A traza discorrerá polo concello de Chantada (Lugo), segundo o reflectido nos planos titulados Localización. Follas 1 a 3. Códigos 10004703-02.01a, 10004703-02.02a e 10004703-02.03a do documento titulado modificado planos do EsIA segundo anexo II ó proxecto L.A.T. 132 kV S.E. Chantada-S.E. Faro. Decembro 2002, sendo as coordenadas UTM dos apoios as seguintes:

Nº apoioUTM XUTM Y

1601.0404.720.214

2600.9514.720.132

3600.7504.720.057

4600.4954.719.962

5600.3004.719.911

6600.0724.719.852

7599.9274.719.780

8599.6814.719.711

9599.5164.719.690

10599.2474.719.657

11598.9304.719.587

12598.7374.719.626

13598.5454.719.664

14598.3594.719.701

15598.2214.719.755

16597.9194.719.939

17597.6594.720.097

18597.4294.720.237

19597.3094.720.324

20597.0414.720.518

21596.8744.720.639

Nº apoioUTM XUTM Y

22596.7364.720.739

23596.6114.720.829

24596.4804.720.924

25596.2214.721.112

26595.9774.721.288

27595.6854.721.499

28595.3944.721.710

29595.1184.721.960

30594.9414.722.120

31594.7384.722.304

32594.5164.722.505

33594.3984.722.612

34594.2474.722.674

35594.1164.722.728

36593.7264.722.888

37593.5344.722.967

38593.3514.726.042

39593.2874.723.134

40593.0364.723.171

41592.9174.723.220

42592.7084.723.305

43592.4464.723.413

44592.2344.723.526

45591.9384.723.621

46591.6864.723.724

47591.5124.723.795

48591.4194.723.834

49591.4584.723.944

50591.5104.724.094

51591.4524.724.323

52591.4404.724.488

53591.4274.724.536

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Co fin de diminuí-la emisión de po á atmosfera, que se poida producir pola execución dos accesos e polos labores de escavación para a cimentación dos apoios, procederase, en períodos de seca, á humectación das zonas onde se estean realizando estes traballos, especialmente nas zonas poboadas e nas que teñan vexetación de interese, segundo o indicado no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica

Os niveis de presión sonora non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, presentarase unha proposta de seguimento do nivel de ruído para a fase de construcción da liña, conforme o requirido no punto 11.1 desta DIA.

Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico da entidade realizadora da medición.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como cal

quera captación ou vertedura e cruzamentos, precisará da autorización do órgano de conca competente segundo o caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando tódalas medidas protectoras e correctoras necesarias. Nos terreos próximos ós cursos de auga, instalaranse mallas ou outros dispositivos para evita-la escorrega, impedindo a incorporación de sólidos ás augas.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais e áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta ou plantas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.

Calquera operación de formigonado próxima ós leitos dos ríos deberase realizar en condicións estancas, evitando en todo momento o contacto ou vertedura de formigón.

4. Protección do solo.

Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase ós accesos previstos.

Aproveitarase ó máximo a rede de camiños xa existentes, co fin de minimiza-la construcción de novos tramos de acceso, segundo o indicado no estudio ambiental.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terrapléns. No caso de que se produzan sobrantes de terras, estes deberán ser levados a sitio autorizado por órgano competente.

Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimiza-lo terreo afectado polas escavacións.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente ós labores de escavación e execución de accesos e amoreada coas seguintes características, dependendo do seu uso final:

-No caso de reutilizala na restauración, os amoreamentos non superarán os dous metros de altura.

-No caso de abandono, a altura máxima permitida dos amoreamentos será de 50 cm e a revexetación deberá ser inmediata.

Os lugares de amoreamento de terra vexetal estarán fóra do tránsito da maquinaria, para evita-la súa compactación, de xeito que non perda a súa calidade e poida ser empregada posteriormente nos labores de restauración. No caso de que pasen máis de seis meses deberá airearse. Asemade, a zona de localización debe ter pendentes suaves e escaso valor ambiental.

Co fin de evita-la duplicidade de estructuras, o tramo da liña existente Chantada-Lalín terá que ser desmantelada unha vez entre en funcionamento a L.A.T. obxecto de declaración. Para tal fin, deberase presentar a documentación requirida no punto 11.3 da DIA.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da L.A.T. deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionados a totalidade dos residuos de obra.

Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, adoptaranse as medidas preventivas e correctoras descritas na documentación avaliada e levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental, que deberá ser completado segundo o requirido no punto 11.2 da DIA, co fin de comprobar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, identificando en qué zonas se producen e qué especies son afectadas.

Así mesmo, efectuarase un seguimento das posibles sinerxías entre a L.A.T. e os parques eólicos da zona, segundo o indicado no documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid. Maio 2003.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario e seguindo os criterios da lexislación vixente, polo que se deberá mante-la zona de servidume en condicións que impidan a propagación de lume e, se é o caso, faciliten a súa extinción.

As rúas deberán estar limpas de todo tipo de vexetación incompatible coas liñas eléctricas de forma permanente e durante toda a vida útil da liña eléctrica e as súas dimensións mínimas determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, ventos e do tipo da vexetación determinarase a largura delas, minimizando o risco de lumes nestas zonas.

Con respecto ó indicado no parágrafo anterior, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes, nas zonas colindantes ás rúas, polo que as empresas promotoras ou propietarias das liñas deberán establece-las servidumes da suficiente amplitude co fin de poder realizar, sen contratempos, os devanditos labores.

Como excepción ó indicado nos parágrafos anteriores, deberanse conservar ou, se é o caso, producir unha mínima afección á vexetación de ribeira, árbores e mouteiras singulares, especies endémicas, singulares e/ou protexidas.

No caso dos accesos ós apoios por rodadura, deberanse utilizar métodos de roza que permitan unha rápida rexeneración da cuberta vexetal orixinaria, con excepción dos que transcorran por debaixo do tendido.

En calquera caso, previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira rexerá o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo e diminuí-lo risco de incendios forestais.

Tódolos terreos afectados, deteriorados ou deforestados pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de accesos ...) deberán ser restaurados e revexetados, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Aqueles accesos que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión.

Para tal fin, desenvolverase o plan de restauración ambiental incluído como anexo no documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid. Maio 2003, tendo en conta que a dose mínima de semente na hidrosementeira será de 300 kg/ha. Así mesmo o plan de restauración deberá ser completado cos contidos indicados no punto 11.3 da DIA.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Prestarase especial atención en non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e/ou de interese comunitario presentes na área de influencia da liña, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

A dirección de obra deberá dispoñer de planos detallados da distribución dos hábitats de interese comunitario e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección.

En calquera caso, durante as fases de replanteo, apertura ou acondicionamento de accesos e instalación da liña, realizarase un seguimento por parte do responsable ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración.

Así mesmo, poderá solicitarse a adopción de medidas compensatorias, de estimarse necesarias no seu momento.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

7. Protección do patrimonio cultural.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser

autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

* A sinalización na fase previa ó inicio das obras de construcción da liña, dos elementos do patrimonio cultural (tantos arqueolóxicos como etnográficos), de acordo co estudio de impacto cultural.

* Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Protección dos valores paisaxísticos.

O conxunto de elementos que configuran a liña, principalmente os accesos de nova creación, os noiros e os terrapléns, deberán integrarse na paisaxe.

Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser preservados de calquera dano. Se isto implicase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, rexerá o indicado no punto 13.4 desta DIA.

Co fin de compensa-lo impacto paisaxístico deberanse desenvolve-las medidas correctoras do documento titulado Documentación complementaria. Maio 2003 e as medidas compensatorias do documento Proposta de rede de miradoiros paisaxísticos.

9. Outras medidas.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós traballos de instalación da liña, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. Para o cruzamento do corredor CRG 2.1 (Chantada-Lalín) e o cruzamento da estrada LU-211 (Limiñón-Alto de San Roque) requirirase a expresa autorización do Servicio Provincial de Estradas.

10. Fase de abandono.

Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da liña de alta tensión, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada dos apoios,

retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos eles a xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe. Así mesmo, restauraranse os accesos creados para a desmontaxe da liña.

A este respecto, deberase levar a cabo o plan de desmantelamento e abandono da liña incluído no documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid. Maio 2003.

Nesta fase recoméndase non extrae-los cables soterrados, xa que o impacto ambiental que se produciría é maior do que supón o abandono dos cables no terreo.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de plan de seguimento do nivel de ruído para a fase de obras, conforme a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o regulamento da antedita lei, no que se inclúa:

* Proposta xustificada de puntos de control, centrándose nas vivendas existentes a menos dun quilómetro da traza da L.A.T. Acompañarase dun plano de localización dos puntos de control a escala mínima 1:25.000 e dunha táboa coa distancia dos puntos ó trazado da L.A.T.

* Proposta metodolóxica para o control das emisións, indicando a frecuencia das medicións que se van efectuar.

* Resultados dunha medición na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados deben estar asinados polo técnico da entidade realizadora da medición. Os resultados incluirán, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq.

11.2. Addenda ó plan de seguimento da incidencia da L.A.T. sobre a avifauna, na que se inclúan os seguintes puntos:

* Nova proposta de revisión da traza da L.A.T. tendo en conta que se ten que revisa-la totalidade da lonxitude da L.A.T., sempre que sexa tecnicamente posible.

* Proposta xustificada de instalación dos dispositivos salvapaxaros, acompañado de planos nos que se indiquen os lugares de localización.

* Definición das medidas para tomar no caso de acada-los limiares de alerta e inadmisible indicados no documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid Maio 2003.

* Desenvolvemento da proposta de valoración conxunta dos resultados de seguimento da avifauna

entre a L.A.T. e os parques eólicos indicada no documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid. Maio 2003.

11.3. Addenda ó plan de restauración na que se inclúan os seguintes puntos:

* Proxecto de desmantelamento e restauración do tramo duplicado da L.A.T. a 66 kV Chantada-Lalín. O proxecto constará de memoria, planos, prego de condicións e orzamento.

* Indicación dos orzamentos de execución por contrata das restauracións para as fases de obra e desmantelamento da L.A.T.

11.4. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.5. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral do cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, coa periodicidade indicada, tres (3) copias da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, presentarase con carácter trimestral:

a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e

correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización e os sucesivos cronogramas virán numerados correlativamente.

b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, protección dos hábitats naturais, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflicta o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referida ós distintos elementos que conforman o proxecto: accesos, implantación de apoios, tendido de cables, así como unha lista da localización real dos apoios en coordenadas UTM.

d) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, conforme o punto 11.1 da DIA.

e) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos na fase de obras, cos parques eólicos e liñas do contorno.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da liña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

c) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, rúas para o tendido dos cables, estado de limpeza da área, en especial das zonas de instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

12.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral a contar desde o inicio da posta en servicio da liña, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do plan de restauración e revexetación, indicando os avances no

proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras, e aquelas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

b) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 da DIA.

c) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Prestarase especial atención á avifauna e hábitats protexidos, indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de explotación da liña, establecerase a periodicidade e contidos dos sucesivos informes de seguimento ambiental.

12.4. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan presentado polo promotor, xunto coa súa xustificación.

12.5. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses a contar desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen llo comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano sustantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de setenta e seis mil sesenta e nove euros con sesenta e nove céntimos de euro (76.069,69 A). O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña do orzamento da totalidade do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.3 da DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

A liña prevista conectará a subestación do parque eólico de Faro coa subestación de Chantada e estará composta por:

* Un tramo soterrado de 112 metros de lonxitude entre a subestación de Chantada e o apoio nº 1 da L.A.T. obxecto de declaración.

* Un tramo aéreo de 11.729 metros cun circuíto con dous conductores por fase, cable de terra e fibra óptica OPGW, con illadores, sobre apoios metálicos de celosía.

* Un tramo aéreo de 11.003 metros de lonxitude, entre os apoios 1 e 48 para instala-la L.A.T. existente a 66 kV Chantada-Lalín propiedade de Unión Fenosa, S.A.

Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta por monte baixo, cultivos e bosques de frondosas.

As medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada inclúen as seguintes:

* Medidas preventivas e correctoras sobre a fauna.

* Medidas preventivas e correctoras sobre a atmosfera.

* Medidas preventivas e correctoras sobre campos eléctricos.

* Medidas preventivas e correctoras sobre ruídos.

* Medidas preventivas e correctoras sobre o solo.

* Medidas preventivas e correctoras sobre a hidroloxía.

* Medidas preventivas e correctoras sobre a vexetación.

* Medidas preventivas e correctoras sobre a paisaxe.

* Medidas preventivas e correctoras sobre o patrimonio histórico-artístico.

* Medidas preventivas e correctoras durante a fase de abandono das instalacións.

ANEXO II

Resumo das consultas a organismos

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental da L.A.T., aceptando as medidas correctoras do estu

dio de impacto sobre o patrimonio cultural, cos seguintes condicionantes:

1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución da obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

* A sinalización na fase previa ó inicio das obras de construcción da liña, dos elementos do patrimonio cultural (tantos arqueolóxicos como etnográficos), de acordo co estudio de impacto cultural.

* Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión.

2. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

3. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite dous informes. No primeiro conclúe:

1. Liñas de evacuación e centros xeradores.

Tal e como observamos para os parques eólicos queremos face-lo mesmo aquí en relación a que as liñas eléctricas son necesarias para o transporte da enerxía producida nos parques eólicos, polo menos para efectos do estudio dos efectos ambientais deberían estar incluídas no mesmo proxecto de instalación do parque, ou no caso de ser diferentes, deberían ser presentados simultaneamente para o seu exame e aprobación conxuntos, se procede.

2. Incidencia sobre hábitats de interese comunitario.

O estudio expón a presencia (tanto na escrita como na representación gráfica) de parte do proxecto no Espacio Natural Monte Faro, tamén fai inventario dos hábitats presentes no espacio; sin embargo omítense os que van verse afectados pola traza, en qué magnitude e qué medidas se pensa adoptar para eliminar, minimizar ou compensar esta.

Nin hai que dicir que a afección ó espacio natural protexido será a mínima posible e imprescindible, obviándose calquera acción susceptible de producirse fóra da área de influencia deste.

3. Medio biótico.

O estudio ambiental presenta numerosos planos nos que se representa o medio biótico, e en concreto as formacións vexetais, tal que:

-Forestal.

-Manchas de vexetación.

-Planta e perfil.

Sen embargo estes planos que se presentan non serven para identifica-las asociacións vexetais afectadas, nin cualitativa nin cuantitativamente.

Segundo a nomenclatura que eles empregan atopámonos cunha afección a zonas de monte alto de 10,2 ha, equivalente a 2.421 metros lineais do tendido, das cales a maior parte pertencen a piñeirais e en segundo lugar a asociacións de carballo e castiñeiros, ocupando o resto monte baixo, prado e terra de cultivo (isto equivale a unha afección sobre 21,4 ha cunha lonxitude de 8.924 metros).

As actuacións que se van realizar sobre a vexetación preexistente non veñen descritas con suficiencia e anque se apela a un proceso de corta selectiva de vexetación como consecuencia da presencia dun ICL compatible (índice de compatibilidade coas rúas das liñas de alta tensión), non se describe nin desenvolve esta recomendación (de todos modos deben facerse propostas efectivas de actuación e non recomendacións).

Á vista do anterior e para minimiza-lo impacto propóñense os seguintes criterios que deberán considerarse, describirse e desenvolverse:

-Mantemento das especies autóctonas para o que se procederá á sobreelevación dos apoios. No caso de ser precisas podas e decotas (especificarase a altura que hai que acadar), seguiranse prácticas silvícolas adecuadas, con especial fincapé nos tratamentos sanitarios: agardarase ás épocas axeitadas de corta, manterase unha proporción adecuada entre a parte aérea e sistema radicular e aplicaranse os productos cicatrizantes oportunos.

-No caso de cruzamento de masas mixtas (autóctonas e alóctonas), farase a eliminación das alóctonas e/ou pirófitas e favorecerase o desenvolvemento das autóctonas, procedendo a enriquecemento das masas en caso de ser necesario.

-No cruzamento dos cursos fluviais respectarase a vexetación de ribeira de existir, e de non ser así, deixarase á altura suficiente para que esta poida implantarse, tomando as medidas precisas para que isto último aconteza.

-Si ben as decotas estarán, se é o caso, limitadas a un mínimo no centro do van, a medida que nos afastamos deberán manter unha proporción concordante co incremento de altura da catenaria.

-A apertura da faixa precisa para o tendido do cable será o estrictamente necesario. Unha vez izado este, procederase á selección dos abrochos de cepa

das especies autóctonas que previamente tivesen que cortarse, deixando un por toco.

-Os apoios localizaranse en áreas de baixo valor ambiental.

-Nas áreas onde se faga precisa a eliminación de especies arbóreas (por ser pirófitas ou presentar outras incompatibilidades coas liñas) e a ámbolos dous lados haxa arborado, procederase á substitución do cortado por especies arbóreas ou arbustivas correspondentes o ámbito bioxeográfico. En ningún caso se farán plantacións monoespecíficas, debendo buscar masas que tendan ó equilibrio (de todos modos será precisa a realización do oportuno proxecto, que considere as particularidades da calidade de estación en cada tramo e en función disto describa correctamente a elección de especies, métodos de repoboación, tratamento da vexetación preexistente, preparación do solo, coidados posteriores das repoboacións e coidados complementarios).

-As zonas onde deban introducirse modificacións na vexetación será a mínima posible, seguindo para isto un tratamento da rúa que estime entre os criterios de deseño o de largura variable das rúas.

En definitiva farase un tratamento integral da rúa, programación que deberá incluí-los puntos anteriores, entre outros (para máis información sobre este tipo de rúas véxase a publicación Inventario da Flora Ibérica Compatible co as Liñas de Alta Tensión 2ª Edición Corrixida e Actualizada. Rede Eléctrica de España. Madrid, 2001).

Para o desenvolvemento anterior, dada a magnitude e importancia dunha boa planificación, deberá presentarse un proxecto técnico realizado por técnicos cualificados.

Deben entenderse as propostas anteriores como medidas de carácter corrector, protector ademais de compensatorio, que tratan de equilibra-los impactos de índole paisaxística e ecolóxica inherentes a este tipo de proxectos, mediante labores de mellora ecolóxica e paisaxística. Lémbrese, a este respecto, que un dos principios inspiradores da normativa ambiental esgrime a necesidade de internalización dos custos ambientais, tendo en conta, no sentido amplo, o principio de quen contamina paga. En base a este principio deben establecerse medidas compensatorias (ademais das correctoras e protectoras) que deberán ser asumidas e programadas como un elemento máis do proceso productivo.

4. Vías.

Na documentación indícanse de forma aproximada os accesos previstos, así como unha serie de criterios que estes deberán cumprir. De todos modos expoñen que farán un documento específico de estudio de accesos con posterioridade ó proxecto, sendo este aspecto imprescindible xa que actualmente non é posible facer unha valoración das posibles afeccións derivadas destes accesos.

Nesta previsión inicial estiman a necesidade de dar acceso a 34 apoios, que supoñen unha lonxitude de vías novas de 2.594 metros.

En todo caso na realización do estudio definitivo das vías que se van executar estímase adecuado que se incorporen os seguintes criterios:

-Para as pistas, ou trochas abertas durante a fase de execución, haberá que xustifica-la súa necesidade futura, procedendo á súa restauración en caso contrario; en todo caso, para aquelas que sexa preciso o seu mantemento, realizaranse os pertinentes labores de estabilización, para evitar procesos erosivos.

-Recomendamos que os accesos que se implementen se constitúan por rodadura dos vehículos empregados na execución, adoptando as medidas precisas para evita-la formación de rodeiras e a compactación do terreo. Estímase por tanto que é preciso implementar dispositivos temporais para evita-los efectos anteriores (acceso en período de tempero adecuado, disposición de fibras vexetais nas zonas de rodadura susceptibles de producir rodeiras ...).

-En caso de se producir rodeiras procederase á súa explanación. Como xa se mencionou, as rodeiras deben ser evitadas pola adopción de medidas adecuadas.

-Como xa se comentou, deberanse adoptar medidas que eviten a compactación, que poden solaparse coas adoptadas para evita-las rodeiras. Se aínda así se produce compactación procederase á restitución do terreo ás condicións anteriores á alteración. O grao de compactación debe ser cuantificado para sopesa-la necesidade de adoptar medidas, empregando aparellos e metodoloxías de medición normalizados.

-Farase conveniente que se delimite fisicamente o trazado co fin de evitar maiores intrusións.

-Indicarase cómo e en qué condicións se efectuará a retirada da vexetación existente nas zonas de tránsito.

5. Clase aves.

O estudio propón a adopción dunha serie de medidas de anticolisión e antielectrocución.

A este respecto cómpre dicir que as medidas propostas deberán facerse efectivas, ademais engadimos que os dispositivos anticolisión deberán manterse operativos durante a vida útil da instalación eléctrica, procedéndose á súa substitución antes de deixar de ser efectivos.

Terá tamén que facerse un plan de seguimento das poboacións de avifauna, tal que considere, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos (debe establecerse a priori).

b) Tocante á frecuencia de mostraxe deben terse en conta as particularidades estacionais e locais á hora de efectuar estes, e por tanto na determinación

da periodicidade destes (épocas migratorias, de reproducción, ou inicio do voo).

c) Presentación, e de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultado (datos do inventario); condicións meteorolóxicas durante a toma de datos; zonas de mostraxe (mapificación); factores de corrección; desenvolvemento estatístico, etc. En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolto para a obtención dos referidos resultados.

d) A liña de alta pode ocasionar unha mortaldade de aves desprezable durante moitos anos e pode provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortaldade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse taxas de mortaldade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo.

Isto leva a propoñer que o plan debería establecerse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

e) Implantaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

f) Determinación de limiares de alerta. Estes limiares débense acotar cunha metodoloxía rigorosa, explícita, susceptible de comparación e cos criterios máis cuantitativos posibles, ademais dos cualitativos. Ademais, a determinación destes limiares debe servir para a adopción das medidas oportunas, como pode ser colocación de dispositivos disuasorios ou de protección.

6. Rozas e cortas.

No tocante ás rozas e cortas de vexetación arbórea (para estas cortas rexerá o disposto na lexislación correspondente) deben considerarse e desenvolverse unha serie de aspectos:

a) Toma das precaucións necesarias para non afecta-los valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algún destes elementos, procederase á súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación.

b) Para levar a cabo os labores de corta e roza escolleranse aquelas que están fóra das épocas de nidificación e cría para a fauna, implementando en todo caso as medidas necesarias para non altera-la fauna.

No segundo informe, emitido sobre o documento titulado Documentación complementaria ó EsIA Madrid, abril 2003, conclúe o seguinte:

Esta documentación xorde como consecuencia das peticións que esta unidade administrativa efectuou

no informe anterior a este. Debemos dicir ó respecto deste documento, que segundo o solicitado, e salvo matizacións, esta é exhaustiva e esmerada, máis tendo en conta as reunións efectuadas coa Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais desta mesma Consellería de Medio Ambiente debemos reconsidera-los termos da solicitude que se efectuou no seu momento.

Os motivos básicos que nos levan a este cambio de posicionamento son:

1. O número de incendios que teñen como causa certa as liñas eléctricas é importante, se ben se sospeita que un número maior podería ser atribuído a esta causa. É por tanto necesario toma-las medidas conducentes a minimiza-lo risco de incendios, por isto, o emprego das rúas por onde discorren as liñas eléctricas como devasas, é primordial para a diminución do risco. Así mesmo, estas liñas, se teñen as dimensións axeitadas, diminuirán as devasas que se vaian realizar no monte e diminuirán, consecuentemente, o impacto ambiental por acumulación de infraestructuras deste tipo.

2. A adopción de medidas axeitadas impedirá a aparición de incendios ocasionados polos curtocircuítos provocados polas liñas, fundamentalmente naquelas liñas máis antigas e peor conservadas.

3. Por outra banda, non se comentou nada sobre a dificultade da extinción baixo as liñas aéreas de alta tensión e o perigo que encerra, dado que non é posible a utilización de medios aéreos nestas zonas tendo que realiza-lo ataque de modo directo, con auga e batelumes, por iso a conveniencia de mante-las rúas limpas de toda vexetación para o acceso do equipo de extinción do lume, permitindo que se realicen con menor dificultade os tendidos de mangueira e aproveitando a propia rúa como posible vía de escape en caso de necesidade.

Polo anteriormente exposto reconsiderámo-la nosa posición no tocante ó mantemento, baixo certos criterios, de determinada vexetación baixo as liñas eléctricas, coidando como máis oportuno a consideración dos seguintes aspectos:

Os titulares de tendidos eléctricos deben mante-la zona de servidume sobre a que se desenvolven os devanditos tendidos en condicións de impedi-la propagación do lume e facilita-la súa extinción.

As liñas eléctricas de alta tensión, de evacuación ou distribución, deberán considerarse para efectos da Lei e Regulamento de incendios forestais como instalacións industriais.

En relación coa apertura e mantemento das rúas nas zonas onde discorren as liñas de distribución de enerxía eléctrica, as súas dimensións mínimas veñen definidas, tanto na Ley e Regulamento de incendios forestais como nos decretos 3151/1968 e 275/2001. É dicir, as rúas deberán estar limpas de todo tipo de vexetación de forma permanente e durante toda a vida útil da liña eléctrica, nos montes situados dentro do territorio da comunidade autónoma.

No tocante ás dimensións mínimas das rúas, estas determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable, non obstante, e dependendo da topografía do terreo, ventos e da vexetación determinarse a largura delas, minimizando o risco de lumes nestas zonas. Sería ideal realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes, nas zonas colindantes ás rúas, polo que as empresas promotoras ou propietarias das liñas deberán establece-las servidumes da suficiente amplitude co fin de poder realizar, sen contratempos, os devanditos labores.

De todos modos poñeranse en contacto coa Subdirección Xeral de Defensa Contra Incendios Forestais para consensua-las accións baixo as liñas.

Como salvidade ó exposto atrás si se debe respecta-la vexetación de ribeira, así como outras árbores e mouteiras singulares, así como especies endémicas, singulares e/ou protexidas.

Por tanto, á vista da documentación de referencia así como do examinado no expediente ambiental aberto ó respecto, e sempre dentro da liña do expediente, cabe referir que de cumprirse todo o exposto na documentación e informes emitidos ó respecto, non hai motivos para non estimar unha adecuada integración do proxecto, sempre partindo da premisa de que a liña é imprescindible para o funcionamento dos parques xa aprobados. De todos modos a execución das obras e o plan de seguimento ambiental serán determinantes no cumprimento da premisa anterior.

Emítese o presente informe sempre dentro do procedemento no que se integra a súa solicitude; emítese, polo tanto, sen prexuízo doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes que sexan precisos. Lémbrese que calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá informe correspondente.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable ó estudio ambiental.

A Dirección Xeral de Turismo emite dous informes. No primeiro informe conclúe:

A actuación que se pretende levar a cabo posúe unha incidencia destacablemente negativa no que se refire ós aspectos puramente turísticos, nunha zona de alto interese paisaxístico que hai que protexer.

No segundo informe conclúe:

A actuación que se pretende levar a cabo posúe unha incidencia moi negativa no que se refire ós aspectos puramente turísticos, nunha zona de alto interese paisaxístico que hai que protexer.

Por outra banda, a empresa pon no noso coñecemento que non existen alternativas para modifica-lo percorrido, punto este que cremos que deberán valora-los departamentos que corresponda, xa que é probable que si existan pero que esta modificación lle ocasione á empresa concesionaria un pequeno

atraso no tempo e, ó mellor, un maior custo. Se isto fose así, seguimos considerando que se debe reconsidera-la actuación.

Tendo en conta que a execución da liña é necesaria para darlle cobertura ó parque eólico aprobado e se, tecnicamente é inviable a modificación do percorrido da liña, tendo ademais en conta que a empresa propón unha serie de actuacións que dinamicen a zona e a construcción de tres miradoiros en lugares singulares e de interese, é posible que o interese turístico deba quedar supeditado a outro tipo de actuacións necesarias para o desenvolvemento da nosa Comunidade Autónoma.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, cun resumo do proxecto e da tramitación realizada, acompañándoo dunha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial da actuación.

-Protección do solo.

-Protección da fauna e flora.

-Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos.

-Outras medidas.

-Recuperación situación orixinal tras fase de explotación.

-Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

-Condicións xerais.

-Condicións específicas.

-Condicións adicionais.

A Confederación Hidrográfica do Norte informa favorablemente no que concirne exclusivamente o dominio público hidráulico, co seguinte condicionante:

A execución dos cruzamentos da liña sobre os cursos, así como a construcción de pasos en obras auxiliares de acceso ás instalacións eléctricas require a autorización especifica do órgano de conca.

A Dirección Xeral de Obras Públicas emite informe no que conclúe:

1. Examinado o estudio de impacto ambiental obsérvase que existe afección ás seguintes estradas de titularidade autonómica:

* Corredor CRG 2.1, Chantada-Lalín.

* LU-211: Limiñón (LU-213) Alto de San Roque (N-540). Rede secundaria.

O tendido aéreo cruza o corredor CRG 2.1 e a estrada LU-211 entre os apoios nº 27 e 28, estando o nº 28 a uns 60 metros do corredor e o 27 a uns 136 metros da LU-211.

En xeral, a realización das citadas obras non deberá ocasionar unha perturbación ó tráfico nin dimi

nución da seguridade. Para o cruzamento das estradas precisarase autorización.

Os apoios deberán situarse fóra da liña límite de edificación.