Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 02 de decembro de 2003 Páx. 14.787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 28 de novembro de 2003 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir ó Consello da Avogacía Galega e ós colexios de procuradores dos tribunais de Galicia, para atende-los gastos de funcionamento e infraestructura dos servicios de asistencia letrada ó detido, defensa e representación gratuítas.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados e procuradores para a implantación e funcionamento dos servicios de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) nº 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado e representación por procurador dos tribunais en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, e a asistencia letrada ó

detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración local.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia dictou o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece no seu artigo 45, que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local determinará anualmente as cantidades que deberán percibi-los colexios de avogados e procuradores para atende-los gastos derivados do funcionamento e infraestructura colexial que requiren os servicios de asistencia xurídica gratuíta.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A cantidade destinada para atende-los gastos derivados do funcionamento operativo dos servicios colexiais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2003, fíxase nun oito por cento do importe total devengado durante o ano 2002 polos colexios de avogados e procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada, defensa e representación gratuítas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Xustiza a dicta-las disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2003.

Jesus Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local