Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2003 Páx. 14.689

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2003, da División de Recursos Humanos, pola que se publica o contido dos compromisos derivados da negociación e vinculados ó acordo sobre mellora retributiva e profesional do persoal do Servicio Galego de Saúde.

Os representantes das organizacións sindicais na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Sergas e os representantes da División de Recursos Humanos do Sergas acordaron darlles publi

cidade no Diario Oficial de Galicia ós compromisos derivados da negociación e vinculados ó acordo de mellora retributiva e profesional do persoal do Sergas.

Polo anterior, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde

RESOLVE:

Que se publique no Diario Oficial de Galicia o texto asinado polos representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais que figuran no pé deste e que se xunta como anexo.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2003.

José Ignacio Lema Piñeiro

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO

Outros compromisos derivados da negociación e vinculados ó acordo de mellora retributiva e profesional do persoal do Sergas:

1. Adaptación a TIS: exclusión.

Non se procederá á adaptación ó sistema TIS das retribucións do persoal o réxime retributivo do cal estea regulado pola Orde do 8 de agosto de 1986 (cota e zona), pola propia aplicación do seu réxime xurídico.

2. Retribución de atención domiciliaria.

O incremento previsto no número 4.2.2.3 do acordo calcúlase sobre a base dun euro diario pola xornada de traballo efectivo, co obxecto de remunera-la obriga do persoal de presta-la atención domiciliaria, sempre que non se lle facilite vehículo nas unidades e servicios de atención primaria.

3. Profesionais de cota de atención especializada.

A Administración comprométese a iniciar no ano 2004 a elaboración e posterior negociación da norma que habilite a xerarquización deste persoal.

4. Acceso do persoal de cota e zona de atención primaria á participación nos programas de obxectivos de calidade para o servicio público determinados pola dirección.

A Administración sanitaria estudiará a viabilidade de fórmulas para que os profesionais de cota e zona de atención primaria poidan ser remunerados pola súa participación na consecución dos obxectivos de calidade do servicio público que estableza a Administración.

5. Convocatorias unitarias de provisión de prazas.

5.1. As convocatorias de concurso de traslados que se realicen durante a vixencia do acordo formalizaranse de xeito conxunto para o persoal, o réxime do cal o permita, poida optar indistintamente a prazas de atención primaria e atención especializada.

5.2. Habilitaranse as vías necesarias para facilita-la promoción interna temporal entre niveis e de mobilidade temporal do persoal entre postos das institucións sanitarias dos diferentes niveis asistenciais.

6. Revisión de cargas de atención continuada en quendas complexas.

A Administración sanitaria comprométese a analizar e estudia-las cargas de traballo derivadas da prestación en réxime de quendas rotatorias complexas co obxecto

de analiza-la viabilidade de establecer fórmulas que alixeiren as ditas cargas para o persoal maior de 55 anos.

7. Gardas localizadas.

A Administración comprométese a retomar, no mes de setembro de 2003, a negociación para a regulación dos descansos compensatorios, que está interrompida pola actual negociación no seo da mesa sectorial, para o seu peche.

8. Réxime de ordenación funcional dos cadros de persoal.

A Administración promoverá a elaboración da norma sobre ordenación funcional dos cadros de persoal.

Para a súa configuración teranse en conta os criterios que se establezan, en atención ás características específicas dos postos de traballo que se determinen, o cal terá tratamento no seo da mesa sectorial.

9. Configuración do réxime de traballo en gardas, noites e domingos e festivos.

A Administración e os sindicatos con representación na mesa sectorial analizarán a actual configuración do réxime retributivo da prestación de servicios en gardas e noites, e particularmente a concorrencia destas últimas con domingos e festivos.

10. Medidas que favorezan a homologación do persoal non estatutario que presta servicios nas institucións sanitarias do Sergas.

A Administración e os sindicatos con representación na mesa sectorial estudiarán as vías que favorezan a integración no réxime estatutario do persoal que no seu momento optou pola non integración, en ofertas anteriores de homologación, co obxecto de mellora-lo clima laboral.

Exposto o anterior, as organizacións sindicais farán consta-lo seguinte en canto á sinatura do acordo e compromisos anteriores:

A organización sindical CC.OO. non asiste á reunión á que foi previamente convocada, se ben achegou un escrito que se xunta á acta no que manifesta a súa actual non adhesión ó acordo e demais compromisos.

A representante da UGT confirma a sinatura da organización.

O representante da CIG manifesta a sinatura da súa organización.

A representante de SAE expresa tamén a sinatura da súa organización.

O representante de CSI-CSIF alega que non subscriben o acordo e demais compromisos por non responder actualmente ás expectativas da súa organización.

Os representantes de CEMSATSE manifestan a sinatura da súa organización.

Para expresa-la conformidade cos contidos da presente acta asinan:

-Pola Administración sanitaria:

O director xeral da División de Recursos Humanos, José Ignacio Lema Piñeiro

-Polas organizacións sindicais:

* Pola CIG:

Xan Cons Pintos

María Xosé Abuín Álvarez

* Por UGT:

Delia Irene Martínez Conde

* Por CSI-CSIF:

Daniel Otero Castiñeira

* Por CESM:

Cándido Andión Núñez

* Por SATSE:

Carmen García Rivas

* Por SAE:

Begoña Caínzos Ayerbe

Cecilia Dou Marcos