Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 27 de novembro de 2003 Páx. 14.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de novembro de 2003 pola que se establecen as bases e se procede á convocatoria de cinco bolsas de colaboración en tarefas relacionadas co Plan Galego de IDIT, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

A Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en virtude do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se determina a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, correspóndelle a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este fin, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, cinco bolsas de nova adxudicación de colaboración en tarefas relacionadas co seguimento do VI Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2004-2007), na perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Segundo.-Duración e dotación económica das bolsas.

A duración das bolsas comprende desde o 1 de xaneiro de 2004 ata o 31 de decembro de 2005, e poderán prorrogarse, por un máximo de dous anos, en función do aproveitamento do adxudicatario sempre que exista crédito axeitado e suficiente.

A dotación económica para o ano 2004 ascenderá a 1.000 euros mensuais. No caso de prórroga a dotación mensual definitiva poderá incrementarse, en función das dispoñibilidades orzamentarias, co fin de homologalas con outras bolsas de ámbito nacional.

Os bolseiros terán dereito a un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Os pagamentos destas bolsas realizaraos a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento por meses vencidos quedando o pagamento do último mes condicionado á presentación polo bolseiro dun informe sobre os traballos realizados e da declaración complementaria das axudas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de conceder das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Terceiro.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará ningún tipo de relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarto.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas os titulados/as superiores universitarios que teñan rematado os seus estudios con posterioridade a xaneiro de 1995.

Quinto.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento dentro dos corenta días seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

b) Currículum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura (orixinais ou copias cotexadas).

c) Memoria relativa ó VI Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e ós plans Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica en cinco folios, como máximo.

d) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período de gozo delas.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Sexto.-Comisión de selección.

As solicitudes recibidas serán avaliadas por unha comisión de selección nomeada polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento:

Presidente: un subdirector xeral da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Vocais: dous xefes de servicio da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de sección da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétimo.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do currículum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

A comisión de selección poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá outorgar unha puntuación adicional dun máximo de 3 puntos.

Oitavo.-Resolución.

A comisión de selección ordenará os candidatos por orde decrecente de puntuación e elevará a súa proposta ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para que resolva. A comisión elaborará unha lista de suplentes para o caso de non aceptación ou renuncia dalgún dos adxudicatarios.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria pola Consellería de

Innovación, Industria e Comercio será de seis meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Noveno.-Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das bolsas, e en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo primeiro.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que os adxudicatarios, por calquera motivo, non poidan presta-la súa colaboración serán substituídos polo candidato seguinte por orde de puntuación que figure na lista de reserva, que para tal efecto elaborará a comisión de selección.

No caso de que os adxudicatarios renuncien, unha vez iniciada a súa colaboración poderán ser substituídos igualmente polo candidato que corresponda da lista de reserva, iniciándose os correspondentes pagamentos a partir dese momento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración na Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do director xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren en xornada de mañá e tarde, de luns a venres.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos que o bolseiro teña que realizar relacionados co obxecto da bolsas serán pagados pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por motivo de servicio do persoal con destino na Administración autonómica.

Décimo segundo.-Obrigas dos bolseiros.

a) Presentar, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados que quedarán en propiedade da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

b) Se unha vez iniciada a bolsa, renuncian a seguir prestando a súa colaboración, terán dereito ás mensualidades transcorridas desde o inicio da bolsa ata a data da súa renuncia, para iso, deberán presentar un informe sobre os traballos realizados ata a data de renuncia que quedará en propiedade da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e dos servicios financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento a obtención doutras axudas ou subvencións de bolsas de colaboración, procedentes de calquera Administración ou ente público, así como calquera alteración producida nas xa comunicadas coa solicitude inicial xa que estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o gozo doutro tipo de bolsas.

Décimo terceiro.-Reintegro.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora percibidos desde o seu pagamento nos seguintes casos:

-Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da axuda.

-Incumprimento da obriga de xustificación,.

-Obtención da axuda sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

Décimo cuarto.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Décimo quinto.-Financiamento.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden a un total de setenta mil euros (70.000 A) financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08-05-432A-480.0 do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2004, aprobado polo Consello da Xunta e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na que existe crédito axeitado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 08-05-432A-480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2004.

Estas bolsas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio