Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 21 de novembro de 2003 Páx. 14.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas ós proxectos empresariais de investimento.

As bases reguladoras das axudas a proxectos empresariais de investimento poden atender, entre outros, proxectos empresariais que teñen orzamentos de investimento de baixa contía e ó mesmo tempo compromisos de emprego a crear moi superiores ós habituais, sendo proxectos de sectores de actividade de escasa implantación na nosa Comunidade Autónoma.

Tendo en conta as mencionadas características destes proxectos, e para os efectos de darlles un apoio máis relevante, as bases reguladoras das axudas ós proxectos empresariais de investimento permiten, para proxectos de nova implantación en Galicia, a consideración dunhas subvencións superiores ó límite do 15% establecido na 6ª.1 das bases reguladoras, sempre e cando os proxectos poidan ser

recoñecidos como intensivos en emprego. Así, a base 6ª.2 das reguladoras destas axudas establece que, con base no carácter dinamizador do proxecto, o Consello de Dirección do Igape poderá acordar supera-lo 15% de subvención para aqueles proxectos que, sendo de nova implantación na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan actividades ou elaboren productos que, entre outras condicións, sexan intensivos en emprego altamente especializado ou correspondan a sectores emerxentes ou de alta tecnoloxía.

A norma, non obstante, limita a posibilidade de incrementa-la porcentaxe de subvención exclusivamente ós proxectos de primeira implantación, o cal supón unha rixidez desproporcionada polas características destes proxectos, parecendo procedente eliminar esa limitación.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

DISPOÑO:

Único.-Publica-la seguinte modificación das bases do programa de axuda ós proxectos empresariais de investimento, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa reunión de data 29 de outubro de 2003, quedando redactado como segue o número 2 da base 6ª:

«6.2. Dentro do límite máximo de intensidade de axuda, e con base no carácter dinamizador do proxecto, o Consello de Dirección do Igape poderá acordar supera-la porcentaxe de subvención sinalada na liña 6.1 anterior para aqueles proxectos que, sendo de nova implantación na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan actividades ou elaboren productos que, entre outros, cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Teñan unha demanda interna elevada.

b) Correspondan a sectores emerxentes ou de alta tecnoloxía.

c) Sexan intensivos en emprego altamente especializado, non sendo neste caso necesario que o novo proxecto sexa de primeira implantación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estean situadas en zonas afectadas por circunstancias excepcionais que supoñan un freo na súa actividade económica.

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, estendendo a súa eficacia a aqueles expedientes en tramitación, pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica