Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 21 de novembro de 2003 Páx. 14.420

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2003 pola que se convoca o II Certame de Creación Coreográfica de Galicia.

O IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) convoca o II Certame de Creación Coreográfica de Galicia aberto a tódolos coreógrafos, e que se celebrará no mes de abril de 2004 no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

1. Obxecto.

O certame preséntase como unha plataforma de exhibición e encontro de novos coreógrafos, tendo como obxectivo fundamental a promoción da nova creación coreográfica e a estimulación xeral da actividade profesional do sector. Preténdese fomenta-la investigación, a innovación e as postas en escena imaxinativas.

2. Premios.

Primeiro premio. 3.500 euros e a posibilidade, a través da Federación Española de Asociaciones de Profesionales de la Danza, de incluí-la obra gañadora do certame dentro da programación nacional de coreografías premiadas que ten previsto realizar no ano 2004.

Segundo premio. 2.000 euros.

Terceiro premio. 1.500 euros.

Premio a un bailarín sobresaínte. 1.200 euros.

Se o xurado considera oportuno entregar algunha mención, esta será premiada con 1.200 euros.

Os premios están suxeitos ós impostos aplicables.

O IGAEM tamén amosa o seu interese en cooproducir un espectáculo con algunha das coreografías premiadas, dentro dos seus obxectivos de difusión e promoción da danza ós que fai referencia o artigo 9 da súa lei, condicionado a súa inclusión no plan de actividades do IGAEM cara ó ano 2005 aprobado polo Consello Rector do IGAEM.

3. Coreografías.

-Poderán participar todas aquelas coreografías orixinais ou estreadas no ano 2003 e 2004, e que non foran premiadas en ningún concurso nacional ou internacional. As obras estreadas con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2003 non serán aceptadas.

-As coreografías deben ser interpretadas por un mínino de tres bailaríns e un máximo de seis. Non se aceptan os solos. A duración da obra non poderá exceder de quince minutos.

4. Xurado.

-O xurado comporase de profesionais expertos do mundo da danza, das artes escénicas e musicais. Se a xuízo do xurado ningunha coreografía fora merecedora do premio, este poderá declararse deserto.

-O xurado terá os seguintes criterios de avaliación para as coreografías participantes: orixinalidade, capacidade de invención, innovación e risco nas propostas, manexo da linguaxe coreográfica e utilización do espacio escénico e dos seus elementos.

5. Selección.

-Desenvolvemento do certame:

Os coreógrafos que desexen participar neste certame deberán enviar un vídeo VHS coa gravación da coreografía (sen cortes e en plano xeral fixo), coa totalidade dos seus intérpretes, en roupa de ensaio e sen efectos de luz.

Un comité de pre-selección, que incluirá membros do xurado, efectuará a preselección con base nos vídeos. As coreografías seleccionadas presentaranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela o día 16 de abril, onde o xurado fallará os premios.

Xunto coa cinta de video deberán remitir unha ficha cos seguintes datos:

-Nome do coreógrafo.

-Enderezo e teléfono.

-Título da coreografía.

-Título da música e nome do compositor.

-Deseñadores de luz e son.

-Nomes dos bailaríns.

-Duración da coreografía.

-Indicar se a coreografía foi estreada con anterioridade e cando.

6. Condicións técnicas.

-Cada coreógrafo deberá achegar un rexedor para indica-los efectos de luz, os niveis de son e pausas ós técnicos do teatro.

-A organización enviará a cada coreógrafo planos da montaxe estándar da iluminación con detalles da localización, enfoques, cores e tipos de aparatos, permitíndose un máximo de 15 efectos de luz.

A música presentarase en CD.

-Non se admitirán elementos colgados de varas nin substancias líquidas ou inflamables, que deterioren ou ensucien o espacio que se vaia utilizar.

-Cada grupo terá un periodo de ensaio dunha hora o día da actuación. Neste horario de ensaio gravaranse os efectos de luz, repaso da coreografía, e probas de son.

-A organización non se responsabiliza de ningún dano físico ou material dos participantes no certame.

-Así mesmo, os organizadores resérvanse o dereito de grava-la gala final con fins publicitarios ou culturais.

7. A participación neste certame supón a aceptación destas bases e condicións. Calquera outro suposto non recollido nas presentes bases, será resolto pola dirección do comité organizador.

8. A decisión do xurado será inapelable.

9. As coreografías premiadas anunciaranse sempre en futuras presentacións en programas de man, carteis e prensa con Premio do II Certame de Creación Coreográfica de Galicia.

10. Contra a presente resolución poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Toda a documentación para participar deberá enviarse antes do 1 de marzo de 2004 a:

Certame de Creación Coreográfica de Galicia

Pavillón de Galicia San Lázaro s/n, 15703 Santiago

Máis información 981 57 71 26. programacionigaem.1*xunta.es

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes

Escénicas e Musicais