Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 21 de novembro de 2003 Páx. 14.413

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 14 de novembro de 2003 pola que se regulan as operacións de peche do exercicio de 2003 en relación coa contabilización dos gastos públicos.

A regulación das operacións de cerramento do exercicio de 2003 en relación coa contabilidade dos gastos públicos fai necesario dicta-las oportunas instruccións.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

1. Sinalamento de haberes no mes de decembro.

1.1. As nóminas para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 10 do dito mes e remitiranse o día 11 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 17 do mesmo mes, para o cal os partes do mes de decembro deberán recibirse no CIXTEC antes do día 28 de novembro.

1.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ó mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 19 do mesmo mes.

2. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

O último día do exercicio de 2003 no que poderán ser satisfeitos libramentos de pagamento pola Tesourería da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o 30 de decembro. As citadas dependencias proseguirán o pagamento dos pendentes de satisfacer, o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2004.

3. Recepción e tramitación de documentos contables.

Os documentos contables en fase A, D, O terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor, o día 30 de decembro, sen prexuízo do previsto no artigo 9 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2003.

Para os documentos con fase K, a data límite de entrada nas ditas oficinas será o 16 do mesmo mes ou o día 9 se fosen para xustificar.

A data límite para que as intervencións delegadas e territoriais tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro os documentos OK para xustificar será o día 16 de decembro, e o resto dos documentos con fase K o día 23 do mesmo mes. Non obstante, naqueles casos excepcionais en que por razóns de prazo sexa ineludible a realización do pagamento, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la entrada e contabilización de documentos con fase K con posterioridade ás ditas datas.

Quedan exceptuados do previsto no punto anterior os documentos con fase K que correspondan a pagamentos financiados, total ou parcialmente, con fondos FEOGA-Garantía para os que a data límite de remisión á intervención delegada será o día 26 de decembro e a da súa tramitación á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro o 27 do mismo mes.

Así mesmo, quedan exceptuados os documentos con fase K correspondentes ás aplicacións orzamentarias do Plan FIP 1605241A229, 1605241A4710 e 1605241A4800 e os correspondentes á cota patronal da Seguridade Social do mes de decembro, que terán data límite de entrada nas intervencións delegadas o día 30 de decembro.

Os interventores territoriais e os interventores delegados do interventor xeral da Comunidade Autónoma coidarán moi especialmente o cumprimento desta norma.

4. Procedemento en fin de exercicio.

4.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro realizará procesos de ordenación de pagamentos como última data válida de 2003 o día 30 de decembro, mantendo aberta a contabilidade de recepción de tales propostas ata o día 23 inclusive, data na que as oficinas de contabilidade dos centros xestores deixarán de expedir propostas de pagamento con imputación á contabilidade do exercicio de 2003. Non obstante, desde principios de 2004 e con imputación á contabilidade deste, poderá expedir ordes de pagamento por conta das propostas recibidas en calquera momento.

4.2. A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter, a dobre columna, tanto os resultados correspondentes ó peche do exercicio de 2003 coma de 2002.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100 Patrimonio.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

5. Operacións de fin de exercicio.

Os créditos que o derradeiro día do exercicio non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como ás retencións de crédito existentes.

Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

Todas estas anulacións serán realizados de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

6. Relacións nominais de acredores.

Conformarán a agrupación de orzamentos pechados aquelas obrigas debidamente contraídas e que por algunha causa xustificada non proceda efectua-la proposta de pagamento. Enténdese que unha obriga está debidamente contraída cando a correspondente prestación se encontra realizada e xustificada adecuadamente, conforme determina a alínea a) 3 do artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999.

6.1. Cada oficina contable formará unha relación nominal de acredores clasificada por claves territoriais e seccións, que consignará para cada acredor o DNI ou NIF e o importe das obrigas contraídas con cargo ó orzamento de 2003.

Esta relación deberá xustificar integramente, no peche do exercicio, os saldos de obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento que figuran nos seus correspondentes estados de execución.

A relación clasificarase por aplicacións orzamentarias.

Un exemplar da relación de acredores enviarase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (Subdirección Xeral de Contabilidade), e outro exemplar unirase á xustificación que se remite á Intervención Xeral para o seu envío ó Consello de Contas co fin de xustifica-lo saldo de obrigas.

6.2. Polas obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento o 31 de decembro de 2003, correspondentes a orzamentos pechados anteriores ó dito ano, formarán tamén unha relación nominal de acredores, coa mesma estructura.

6.3. A partir do primeiro día hábil do exercicio de 2004 poderanse tramita-las oportunas propostas de pagamento, manténdose como número de operación de procedencia o do documento con fase O correspondente.

6.4. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, deberá formar unha relación de propostas de pagamento recibidas que estean pendentes de ordenar ó 31 de decembro. Estas relacións xustificarán o saldo de propostas de pagamento pendentes de ordenar.

6.5. A Subdirección Xeral do Tesouro, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, formará unha relación de ordes de pagamento emitidas pendentes o 31 de decembro na caixa que xustificará o saldo das ditas ordes de pagamento pendentes. A estructura será:

1º Relación de ordes de pagamento do exercicio de 2003.

2º Relación de ordes de pagamento de exercicios anteriores.

Un exemplar das relacións sinaladas nos puntos 6.4 e 6.5 enviarase á Intervención Xeral (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro unirase á documentación que se vai remitir ó Consello de Contas por conducto da Intervención Xeral e un terceiro quedará en poder da devandita dirección xeral.

6.6. Tódalas listaxes definidas neste punto VI deberanse obter automaticamente polo sistema XUMCO2.

7. Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta ós dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do peche do exercicio orzamentario en virtude de aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

8. Vixencia dos mandamentos de pagamento.

8.1. Os documentos P que non fosen satisfeitos o 31 de decembro conservarán a súa plena vixencia ata o momento en que se lles fagan efectivos ós acredores, se anulen ou se declare a súa prescrición.

8.2. As ordes de pagamento correspondentes ó exercicio 2003 ou anteriores, que conteñan erros que impidan a súa realización e estean na caixa pendentes de pagamento o 31 de decembro de 2003, pagaranse en formalización no exercicio 2004, compensando o dito pagamento cun ingreso en formalización ó concepto 13990112.- Outros ingresos. Recursos eventuais, que figurará como único desconto na orde de pagamento, substituíndo os que puidesen figurar anteriormente.

9. Orzamentos pechados.

9.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, a partir do primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2004, poderá ordenar pagamentos ata unha cantidade igual ó importe das obrigas recoñecidas pendentes de ordena-lo pagamento á fin do exercicio.

9.2. Os pagamentos que se ordenen a partir da data indicada no número anterior, por propostas de pagamento pendentes de ordenar no peche do exercicio, serán contabilizadas na agrupación de orzamentos pechados.

10. Créditos orzamentos.

Os expedientes de modificación de crédito terán como data límite de entrada na Consellería de Economía e Facenda o día 5 de decembro, agás os que se refiran a créditos do capítulo I Gastos de Persoal e ás seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

Disposición adicional

A Intervención Xeral dictará as instruccións oportunas para a regularización da situación contable de obrigas e dereitos de exercicios anteriores pendentes de realización o 31 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA