Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 19 de novembro de 2003 Páx. 14.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2003 pola que se convoca un curso sobre actuación policial nos casos de violencia de xénero.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial da Coruña, anúnciase a celebración dun curso sobre actuación policial nos casos de violencia de xénero, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñece-la normativa xurídico-penal e procesual para os delictos e faltas deste tipo.

-Domina-la operativa profesional nos casos de malos tratos ás mulleres.

-Saber qué procedementos se deben seguir segundo a casuística de que se trate, así como os recursos asistenciais, legais e institucionais que se poden utilizar.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia da Coruña.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 11 de decembro de 2003, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial da Coruña, Servicio de Asistencia a Municipios (fax: 981 18 33 33: avenida Alférez Provisional, s/n, 15006 A Coruña; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase durante os días 15, 16 e 17 de decembro de 2003.

O horario será de 10.00 a 14.00 h. e de 15.30 a 19.30 horas durante os días 15 e 16 e en xornada de mañá o día 17.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de mañá e tarde, e nel trataranse os seguintes módulos:

* Módulo I. Tratamento socio-asistencial.

-O maltrato como problema social. Situación actual do maltrato, con especial referencia a Galicia. Características, tipos e causas.

-Constantes nos casos de violencia de xénero. O ciclo da violencia.

-Consecuencias do maltrato. A asistencia institucional. Recursos e servicios sociais dirixidos ás víctimas.

-Outras instancias de apoio ós prexudicados.

* Módulo II. Tratamento procesual-penal.

-A violencia na familia e contra a muller desde a perspectiva xudicial.

-A necesidade dunha práctica policial axeitada a este tipo de delictos.

* Módulo III. Tratamento e operativa policial.

-Asistencia ás víctimas deste tipo de delictos.

-Intervención policial e primeiras dilixencias.

-A investigación e a recollida de probas e testemuñas.

-Operativa policial ordinaria.

-A interacción con outras institucións de axuda ás víctimas.

* Módulo IV. Tratamento nos medios de información.

-O tratamento dos casos de violencia intrafamiliar de cara á creación dunha opinión pública solidaria e consciente.

-A especial consideración da violencia contra a muller ou de xénero.

-A necesidade dun exercicio profesional rigoroso, con ausencia de morbo.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 12 de decembro a partir das 14.00 horas, tanto pola

Deputación Provincial da Coruña como pola Academia Galega de Seguridade, que os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 981 18 33 13 (Servicio de Asistencia a Municipios da Deputación Provincial da Coruña).

Lugar.

O curso desenvolverase no Concello de Bergondo, nas aulas da deputación provincial do Pazo de Mariñán.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial da Coruña, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de novembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade