Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 19 de novembro de 2003 Páx. 14.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2003 pola que se convocan unhas Xornadas sobre deseño industrial.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2003, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Innovación, Industria e Comercio, unhas Xornadas sobre deseño industrial, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar en profundidade a nova Lei 20/2003, do 7 de xullo, sobre protección xurídica do deseño industrial, que regula unha materia de extraordinaria actualidade e interese tanto a nivel nacional como para Galicia. A lei rexe a complexa figura do deseño, que é a aparencia externa dos productos industriais ou de artesanía. Estamos ante unha lei que abre un camiño áxil e efectivo para protexer xuridicamente as creacións que se materializan na forma exterior dos productos dos máis variados sectores, como a moda e os seus complementos (bolsos, zapatos, cintos, anteollos, etc.), o moble, os xoguetes, os automóbiles, os electrodomésticos, a informática, o enxoval do fogar (cubertos, vaixelas, mantelerías) e outros. Para Galicia a lei é moi importante, porque é unha das comunidades autónomas con notable presencia no mundo do deseño, en sectores como os xa indicados da moda, os constructores de automóbiles, vivamente interesados polos deseños das carrocerías. Tamén a artesanía galega é

relevante, polo que parece conveniente difundir no eido da nosa Comunidade Autónoma a nova protección que brinda a Lei 20/2003.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Concepto legal de deseño e requisitos de protección.

-O deseño e a propiedade intelectual.

-O deseño comunitario.

-O deseño e as pezas de reparación dos automóbiles.

-Aspectos procesuais da Lei do deseño.

-Propiedade industrial: actuacións da Consellería de Innovación, Industria e Comercio

-O deseño non rexistrado.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela), os días 11 e 12 de decembro de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes día 9 de decembro de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 10 de decembro, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA