Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.181

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se somete a información pública para declaración de utilidade pública das instalacións que comprende o proxecto do parque eólico de Gamoide. (Expediente 074-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, os decretos 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas y 2619/1966, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, de aplicación a este expediente segundo o establecido na disposición transitoria primeira da devandita lei, en relación coa disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000 e Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia de aplicación segundo o disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, polo que se establece a nova regulación da enerxía eólica de Galicia, sométese a información pública, a solicitude da empresa Eurovento, S.L., a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación que a continuación se describe:

Obxecto de información pública.

* Declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións que comprende o proxecto do parque eólico de Gamoide.

A declaración de utilidade pública levará implícita, de acordo co artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións.

Peticionario: Eurovento, S.L.

Rúa Varsovia, 4 C-5ª planta, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela.

Situación: concellos do Valadouro, Cervo e Foz (Lugo).

Afección a predios particulares:

Expropiación en plena propiedade:

* Cimentación de zapatas: polígono dunha superficie de 400 metros cadrados (20x20 metros de lado).

* Plataformas: polígono situado ó redor da cimentación por tres dos seus lados, dunha superficie de 1.420 metros cadrados.

Expropiación de servidumes:

* Servidume de paso (vía ou vía-gabia): comporta a obriga, para o propietario do terreo gravado de permiti-la construcción de camiños na súa propiedade, para o libre paso de persoas, vehículos e maquinaria para realiza-la vixilancia, o mantemento e o control do parque eólico. Pode tratarse só de vía, ou de vía-gabia cando o tendido eléctrico subterráneo discorre en paralelo á vía.

* Servidume de paso eléctrico subterráneo (gabia): cinco (5) metros para a construcción da gabia de tendido eléctrico subterráneo. Comporta a obriga, para o propietario do predio gravado, de permiti-la instalación subterránea a través da súa propiedade, do tendido eléctrico subterráneo preciso para o parque eólico, así como a obriga de permiti-lo acceso e a ocupación dos terreos para facer posible a vixilancia, o control e o mantemento das instalacións.

* Servidume de voo: trinta e cinco (35) metros ó redor de cada un dos aeroxeradores. Supón a prohibición, para o titular do terreo gravado, de realizar plantacións ou contrucción na área sinalada que poidan impedi-lo libre xiro das pas do aeroxerador, así como a obriga de permiti-lo acceso e a ocupación dos terreos para facer posible a vixilancia, o control e o mantemento das instalacións.

* Ocupación temporal por obra: comporta a obriga para o propietario do terreo gravado de permiti-la ocupación, por un período máximo dun ano, de cincuenta e cinco metros lineais medidos a cada lado dos aeroxeradores, para a construcción do parque eólico.

Afeccións sobre dereitos:

* Dereitos mineiros: comporta a prohibición, para o titular do dereito mineiro, de realizar traballos mineiros na área sinalada, con independencia do tipo de instalacións que se sitúen no interior dela.

* Dereitos forestais (servidume de vento): comporta a prohibición, para o titular do dereito forestal expropiado, de realizar aproveitamentos forestais na área sinalada, así como a obriga de cortar ou permiti-la corta de todo o arboredo existente nela, con independencia do tipo de instalacións que se sitúen no interior dela.

O que se fai público para coñecemento xeral e dos propietarios dos predios e demais titulares afectados que non chegaron a un acordo coa entidade solicitante, e que figuran na relación que se insire como anexo deste anuncio, así como as persoas que, sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados, fosen omitidos, para que poidan presenta-las obxeccións ou alegacións que consideren oportunas nesta delegación provincial sita no edificio administrativo na Ronda da Muralla 70 (27071 Lugo), no prazo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da última publicación deste anuncio.

Esta publicación realizarase igualmente para os efectos determinados polo artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os interesados sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar.

Lugo, 31 de outubro de 2003.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo