Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.165

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial da central de transportes no termo municipal de Ponte Caldelas, no Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Transportes, Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur Pontevedra, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 17 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial da central de transportes no termo municipal (TM) de Ponte Caldelas, no Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Transportes, Instituto Galego de Vivenda e Solo e Xestur Pontevedra, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2003.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Transportes

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados:

-Proxecto sectorial de central de transportes no TM de Ponte Caldelas. Xuño 2002.

-Anexo ó proxecto sectorial de central de transportes no TM de Ponte Caldelas que recolle as recomendacións da Dirección Xeral de Urbanismo. Setembro 2002.

-Estudio de impacto ambiental dos proxectos sectoriais da central de transportes e parque empresarial de Ponte Caldelas (Pontevedra). Decembro 2002.

-Estudio de impacto cultural do centro de transportes de Ponte Caldelas (Pontevedra). Maio 2003.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese exclusivamente ó proxecto desenvolvido no documento titulado Proxecto sectorial de central de transportes no TM de Ponte Caldelas. Xuño 2002. O proxecto obxecto desta DIA localízase no concello de Ponte Caldelas, na zona definida no plano nº 2 titulado Localización das estructuras. Decembro 2002, achegado no Estudio de impacto ambiental dos proxectos sectoriais da central de transportes e parque empresarial de Ponte Caldelas (Pontevedra). Decembro 2002 (de aquí en adiante EIA).

O ámbito desta DIA comprenderá tanto a fase de obras como a fase de explotación da central, de xeito que o condicionado que segue vinculará a construcción desta e o funcionamento das instalacións que no futuro se desenvolvan nela, sen detrimento da normativa ambiental que, se é o caso, sexa de aplicación para cada unha destas instalacións.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre as emisións de po e gases.

2.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

2.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material, sen a autorización correspondente.

2.1.3. Tal como se indica no EIA e co fin de evita-las posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras debido á acción da maquinaria e os movementos de terra, levarase a cabo a rega das superficies de actuación. Asemade, procederase ó lavado de rodas dos camións á saída da zona de obras.

2.2. Sobre o ruído.

2.2.1. Tendo en conta a proximidade de vivendas á localización do proxecto, adoptaranse as medidas indicadas no EIA, para que os niveis de ruído producidos durante a fase de construcción e funcionamento, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanazas municipais ó respecto.

3. Protección dos solos.

3.1. De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, do mesmo xeito, definiranse os vieiros a utilizar no marco do proceso constructivo, debendo estar xustificado o emprego de zonas diferentes ás trazas dos vieiros definitivos. Estes deberán ser definidos e reflictidos en planos a escala 1:1.500 tal e como se require no punto 11.2.

3.2. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no EIA, co obxecto de empregala posteriormente no proceso de restauración paisaxística. As zonas de amoreamentos de terra vexetal decidiranse previamente ó inicio das obras, elixíndoas de xeito que ademais de estar autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos e a súa localización indicarase nos planos requiridos no punto 11.3

3.3. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica.

3.4. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación unha vez se acaden as superficies definitivas, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

3.5. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria de obra non apta para circular por estrada, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de vertedura accidentais ó solo, facilitando a súa recollida. No caso da maquinaria apta para esta circulación, estas tarefas deberán realizarse en talleres autorizados.

3.6. Delimitarase, asemade, un espacio destinado a acollida das instalacións auxiliares de obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Deberá localizarse en espacios carentes de valores ambientais relevantes, e estar dotada dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientalmente seguro das ditas instalacións. Esta zona ou zonas reflictiranse no plano requirido no punto 11.3.

4. Sobre os residuos.

4.1. Tódolos residuos xerados xestionaranse conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

4.2. O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, realizarase en lugares previamente seleccionados, dotándoos dos medios necesarios para garanti-la non afección ó medio por verteduras accidentais, debéndose informa-lo persoal de obra sobre a situación destas zonas.

5. Protección das augas.

5.1. A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico, tanto durante a fase de obras como na de funcionamento da central de transportes, deberá contar coa previa autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

5.2. Durante a fase de obras, disporase dun sistema de recollida, conducción e decantación das augas pluviais ou das procedentes da rega da zona de obras, caídas no interior da superficie de actuación. Este sistema de drenaxe reflictirase no plano solicitado no punto 11.4 desta DIA.

5.3. O deseño dos dispositivos de drenaxe da rede viaria realizarase de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

5.4. Non estando definida no estudio presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da DIA coa inclusión da planta ou plantas. En caso de estar interesados en realizar estas instalacións para servicio da obra no lugar no que se sitúa o proxecto, rexerá o disposto no punto 13.3 da presente DIA.

6. Protección da vexetación.

6.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra.

6.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, facendo a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

6.3. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización fronte á eliminación. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección da fauna.

7.1. No caso de realizar voaduras, estas realizaranse fóra dos períodos de cría da fauna presente na zona.

7.2. Non se poderá empregar arame de espiño no peche das parcelas.

8. Protección do patrimonio cultural.

8.1. Previamente ó inicio das obras dos accesos de nova creación e as gabias de pluviais, realizarase unha avaliación do impacto destas obras sobre o patrimonio cultural, tal como se solicita no punto 11.7 desta DIA.

8.2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, polo que logo de inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

-Control e seguimento arqueolóxico das obras de acordo coas medidas correctoras recollidas no documento Estudio de impacto cultural do centro de transportes de Ponte Caldelas (Pontevedra). Maio 2003.

-Control e seguimento arqueolóxico de tódolos movementos de terras.

-Sinalización e balizamento con material non perecedoiro do depósito arqueolóxico Mámoa 1 de Chan de Raña, GA360300338(1).

-Recoller na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

8.3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

8.4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes de acordo coa Lei 8/1995, do 20 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

9. Protección da paisaxe e restauración.

9.1. Levarase a cabo o proxecto de axardinamento nas zonas e do xeito indicado no EIA.

9.2. Procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que aparezan calvas ata que se asegure a viabilidade da revexetación. De aparecer marras, estas deberán ser repostas.

9.3. Tódalas árbores e sementes para empregar reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

10. Medio social.

10.1. Tendo en conta a cercanía á central de transportes de vivendas habitadas, no caso de realizar voaduras durante a fase de obras, tomaranse medidas axeitadas co fin de minimiza-las vibracións e as proxecccións. Entre estas incluirase minimiza-la carga de explosivo por unidade de microrretardo, realizar un seccionamento das cargas dentro dos

barrenos e procura-lo seu accionamento en tempos distintos, reducción do diámetro de perforación e acortamento da lonxitude dos barrenos, disposición das frontes coa maior superficie libre posible e emprego na zona da voadura de redes, mallas ou lonas.

11. Documentación adicional.

Previamente ó comezo da fase de obras, o promotor presentará perante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

11.1. No referente ó control das emisións acústicas:

11.1.1. Completarase o plan de seguimento de ruídos presentado no EIA cun plano (referenciado en coordeadas UTM) onde se indiquen os puntos de mostraxe (elementos existentes no contorno da central de transportes e vivendas máis próximas a esta).

11.1.2. Resultado das medicións de ruído nos puntos reflictidos no plano solicitado no punto anterior, co fin de establece-la situación preoperacional.

A realización das medicións preoperacionais e das medicións durante a fase de obras e a de funcionamento, basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Asemade, deberán ser efectuadas por unha entidade homologada por esta dirección xeral.

11.2. Memoria onde se defina a localización dos vieiros de obra, xustificando, se é o caso, a necesidade de apertura de novos vieiros diferentes das trazas definitivas, e incluíndo planos a escala 1:1.500 e referenciados en coordenadas UTM onde conste a súa localización e características, conforme se establece no punto 3.1 desta DIA.

11.3. Memoria xustificativa da localización e equipamentos das instalacións auxiliares necesarios para a execución das obras proxectadas, así como das zonas de depósito de sobrantes, amoreamentos de terra vexetal e almacenamento de residuos. Acompañarase de planos a escala 1:1.500 e referenciado en coordenadas UTM onde conste, alomenos, a localización das ditas zonas e os equipamentos con que se dotan.

Estas zonas deben situarse dentro do ámbito da central de transportes, en caso contrario xustificarase o lugar proposto.

11.4. Descrición do sistema de recollida, conducción e decantación das augas pluviais ou procedentes da rega da zona de obras, durante a fase de construcción, previamente á vertedura destas ó medio natural. Asemade, este sistema de drenaxe reflictirase nun plano a escala 1:1.500 e referenciado en coordenadas UTM.

11.5. Análise das posibles afeccións sobre os mananciais presentes na zona, en concreto ós denominados Fonte do Crego, Campo da Fonte, Fonte Fría, Fonte Quente e Outeiro Roxo e proposta de medidas correctoras no caso de afectalos. Acompa

ñarase dun plano a escala 1:1.500 e referenciado en coordenadas UTM onde conste a súa localización respecto á central de transportes.

11.6. Tendo en conta que na documentación presentada indícase que durante a fase de funcionamento da central realizarase un seguimento da contaminación atmosférica, mediante medidas da inmisión, presentarase un plan de seguimento e control da calidade do aire, no que se desenvolva axeitadamente a metodoloxía que hai que seguir para a realización da toma de mostras, periodicidade, indicadores, valores límite, limiares de alerta, etcétera, baseándose na lexislación actual sobre a calidade do aire ambiente. Asemade, acompañarase dun plano onde se reflictan os puntos de toma de mostras (elementos do contorno da central de transportes e vivendas máis próximas).

11.7. Avaliación do impacto da construcción dos novos accesos e das gabias de pluviais sobre o patrimonio cultural.

11.8. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000 polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 8 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

11.10. Notificación do responsable ambiental designado polo promotor, tal como se require no punto 13.7 da presente DIA.

O promotor non poderá comeza-las obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a documentación requirida.

Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma estimado de obras.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e do condicionado desta DIA, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Este programa permitirá detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, permitindo determinar e cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico

da dita entidade. Asemade, e tal e como se solicita no punto 11.10 desta DIA, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, dous (2) exemplares de:

12.1. Durante a fase de obras presentarase trimestralmente:

-Informe do traballos realizados, así como das medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, e os resultados do seguimento ambiental realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental achegado no EIA, xunto co cronograma actualizado das obras. Neste informe incluirase o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse e xustificaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Plano/s en coordenadas UTM, a escala 1:1.500 ou maior detalle, onde se reflicta/n tódalas obras realizadas e os distintos elementos implantados.

-Reportaxe fotográfica onde se observe o avance dos traballos. Deberá indicarse a data de toma das fotografías e reflictiranse nun plano os puntos desde os que se realizaron.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a utilización das instalacións e presentarase a seguinte documentación:

-Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos realizados, medidas protectoras e correctoras levadas a cabo durante as obras, especialmente no que respecta ós traballos de restauración paisaxística, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado e resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento destas. Asemade, realizarase unha descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA. Indicaranse as incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas.

-Do xeito indicado no EIA, realizarase un estudio previo da contaminación atmosférica.

No que respecta á metodoloxía de realización destas medidas así como os lugares da toma de mostras, rexerá o disposto por esta dirección xeral unha vez informada a documentación solicitada no punto 11.6.

-Plano en coordenadas UTM, a escala 1:1.500 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas obras realizadas e os distintos elementos implantados.

-Reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da central de transportes e dos traballos de restauración levados a cabo. Deberá indicarse a data de toma das fotografías e reflictiranse nun plano os puntos desde os que se realizaron.

12.3. Durante a fase de funcionamento da central de transportes e anualmente durante tres (3) anos, informe do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia indicado no EIA, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

Transcorrido este período, e en función dos resultados obtidos nos informes de seguimento, esta dirección xeral decidirá sobre a periodicidade de remisión e/ou contidos do informe de seguimento ambiental.

12.4. Informe previo ó abandono: nun prazo de seis (6) meses previos á finalización do uso das instalacións, remitirase un programa de abandono das instalacións, describindo as actuacións a levar a cabo.

12.5. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contado desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono das instalacións, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental para efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración

ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.5. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.6. O incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.7. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

13.8. A declaración de impacto ambiental farase pública mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto sectorial ten por obxecto defini-los criterios de ordenación e as ordenanzas reguladoras do futuro desenvolvemento urbanístico do ámbito obxecto do proxecto, así como as obras de urbanización necesarias para a execución da central de transportes da comarca de Pontevedra, no concello de Ponte Caldelas. Así, o proxecto abarca as obras correspondentes ó desprazamento de servicios afectados e movemento de terras de todo o ámbito, incluíndo a parcelación, pavimentación de viais e zonas de aparcadoiro público de vehículos e execución das redes de servicios, tales como media e baixa tensión, luz pública, subministración de auga potable, rede de sumidoiros, tanto de residuais como de pluviais e a infraestructura da rede de comunicacións. Tamén inclúe a construcción do acceso a ela. Pero non recolle as obras de construcción das naves e os seus patios de manobra, que serán obxecto de proxecto separado.

Sitúase nunha ampla superficie situada ó surleste da estrada C-531, colindante co núcleo de poboación da Reigosa, co que limita ó norleste.

A superficie total afectada é de 86.963,86 m, dividida en:

-Parcelas: 40.935,47 m.

-Zona verde privada: 10.987,83 m.

-Vías: 11.213 m.

-Beirarrúas públicas: 2.878,73 m.

-Aparcadoiros: 7.572,09 m.

-Zona verde pública: 10.675,03 m.

-Sistemas xerais: 2.161,92 m.

-Reposición do camiño: 539,14 m.

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

No EIA presentado prevese a adopción das seguintes medidas preventivas e correctoras:

Medidas preventivas:

-Delimitación da zona de afección.

-Integración paisaxística das estructuras.

-Protección do solo contra verteduras e xestión de aceites e residuos.

-Tratamento de estériles.

-Protección da terra vexetal.

-Os noiros manterán unha proporción entre alto e largo de 1:2.

-Os terrapléns manterán unha proporción entre alto e largo de 1:3.

-Ó pé dos noiros e na parte superior dos terrapléns disporase unha cuneta para a evacuación do auga de chuvia.

-Suavizado dos bordos de noiros e terrapléns.

-Axeitado illamento das estructuras.

-Axeitado sistema de xestión de residuos.

-Control do movemento de maquinaria.

-Control da execución de operacións molestas para a fauna e poboación.

-Medidas contra incendios.

Medidas correctoras:

-Rega das superficies de actuación para corrixi-la posible emisión de partículas e po á atmosfera.

-Velocidade reducida dos camións polos viais.

-Vixilancia das operacións de carga e descarga e transporte de material.

-Instalación de pantallas protectoras contra o vento.

-No caso de que os resultados obtidos no programa de vixilancia ambiental indiquen que o impacto sonoro supera os límites permitidos, estudiarase a posibilidade da colocación de barreiras acústicas que limiten a transmisión do son fóra da central de transportes.

-Proxecto de axardinamento.

ANEXO II

Resumo dos informes

* Augas de Galicia informa:

-A zona obxecto do proxecto non se atopa fisicamente en zona de policía de leitos públicos nin comprende obras dentro ou sobre o dominio público hidráulico, polo que, no que respecta ás futuras

obras, non precisaría autorización expresa deste organismo autónomo.

-O abastecemento de auga e a evacuación das residuais están previstos a través de redes públicas municipais, o que exclúe a necesidade de autorización ou concesión por parte de Augas de Galicia.

-A evacuación de augas pluviais farase por medio dunha rede independente da de residuais, con conducción ata un regato a máis de douscentos metros da zona de actuación.

Sería conveniente que nesta rede de evacuación de pluviais se establecera algún sistema de desbaste de materiais grosos e balsas de decantación para diminuí-lo risco de posibles cargas contaminantes.

* A Deputación Provincial de Pontevedra (Servicio de Vías e Obras), no seu informe, indica que non existe obxección á solución proposta no seu vial coa construcción da rotonda e deixando libres 6 m a ámbolos lados da calzada.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúe:

Emitir informe favorable do proxecto sectorial para a implantación dun centro de transportes de mercadorías en Ponte Caldelas (Pontevedra) e acepta-las medidas correctoras recollidas no informe valorativo do estudio de impacto arqueolóxico do centro de transportes de mercadorías en Ponte Caldelas (Pontevedra), cos seguintes condicionantes para incluír na correspondente declaración ambiental:

-Previamente ó inicio das obras dos accesos de nova creación e as gabias de pluviais, é necesario contar cunha avaliación do impacto destas obras sobre o patrimonio cultural, tendo en conta que no antedito informe arqueolóxico non foron avaliados.

-Durante a fase de obras deberá realizarse o control e seguimento arqueolóxico de tódolos movementos de terras.

Para tal fin, e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no que se incluirá:

-O control e seguimento arqueolóxico das obras de acordo coas medidas correctoras recollidas no informe valorativo do estudio de impacto arqueolóxico.

-Sinalización e balizamento con material non perecedoiro do depósito arqueolóxico Mámoa 1 Chan da Raña (GA36038033).

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 20 de outubro, do patrinonio cultural de Galicia.

* A Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, no seu informe sinala:

Analizado o lugar das actuacións, observamos que as obras proxectadas non afectan a ningún espacio natural protexido. De tódolos xeitos, para realizar unhas obras coas mínimas afeccións ambientais, deberanse ter en conta as seguintes condicións:

-A superficie afectada polas obras quedará desprotexida e exposta ás inclemencias do tempo ata a consolidación definitiva das plataformas, polo que as escorregas poden ocasionar arrastres de materiais que van a parar ós cursos fluviais e poden provocar a contaminación das augas. Por este motivo o tempo de exposición deberá ser mínimo ou senón aplicaranse aquelas medidas que eviten esta afección como pode se-la revexetación destas superficies espidas ou recollendo as escorregas en balsas de decantación que deberán controlar e xestionar para un correcto funcionamento.

-Establecerase a recollida, almacenamento, conservación e/ou xestión da terra afectada polas obras. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes da escavación situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

-Evitar depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde as escorregas de augas produzan arrastres a ríos ou regos coa conseguinte contaminación de augas continentais. Por conseguinte, en todo momento as augas susceptibles de ser afectadas polas obras cumprirán o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima esixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

-No caso de corta de vexetación arbórea, realizarase conforme as autorizacións previas.

-Delimitarase correctamente o terreo para ocupar polos labores do proxecto, co fin de diminuí-la perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

-Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar verteduras accidentais dos tanques de almacenamento de productos como aceites, graxas e carburantes de motores.

-Terase en conta a posibilidade de creación de biotopos e/ou nichos ecolóxicos para as especies que se vexan desprazadas polas obras, próximas á Serra da Facha.

-Respectarase e integrarase no proxecto a vexetación arbórea de ribeira debido ás funcións ecolóxicas tan importantes que realiza.

-Durante a execución do proxecto se se chegara a producir calquera afección ó medio natural, tomaranse inmediatamente as medidas necesarias para reduci-lo dano ocasionado, comunicándoo canto

antes ó Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade, que decidirá sobre a conveniencia da solución que se vaia adoptar, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos provocados.

ANEXO III

Resumo das alegacións presentadas

* Manuel Martínez García e 19 alegantes máis expoñen:

Primeira.-O estudio de impacto ambiental realízase segundo se indica, de acordo co disposto no Decreto 442/1990, pero sen cita-la lei de ambiente de Galicia.

Segunda.-Indícase o seguinte:

-Parte o estudio dun erro fundamental, e é o de non considerar alternativas á hora de realiza-las actividades tanto ambientais como socio-económicas.

A falta de previsión de alternativas leva ó absurdo, xa que a central de transportes pretende situarse a escasos 10 m da vivenda máis próxima (é dicir, practicamente enriba dela), que ademais non é unha vivenda illada, senón que forma parte dun núcleo, cos conseguintes prexuízos que lle causarán a toda a comunidade.

A central sitúase na estrada A Reigosa-Pintos (C-531) ou estrada do polígono, cara á súa marxe dereita (surleste).

Nun dos sitios onde se localiza a central, denominado Chan da Raña, atópase unha fonte, Fonte do Crego, e o seu manancial, Campo da Fonte, que abastece as vivendas colindantes e se verían totalmente afectadas pola construcción.

Se no lugar de proxectarse na marxe dereita antes referida, o fixese cara á marxe contraria, que tamén é terreo comunal, e no que a distancia co anterior é case imperceptible, sacaríaselles da porta de casa ós veciños a central, asemade, o dano a causar sería inferior é o proxecto contaría co apoio dos veciños, pois non se debe esquecer que son moitas as alteracións que se van producir, e a gran maioría non beneficiarán os habitantes do contorno.

-As solucións que proxecta o estudio de impacto ambiental non as consideran satisfactorias. Desenvolvendo neste punto a contaminación lumínica, os cambios na atmosfera por efecto do po, o impacto acústico, os residuos producidos, o impacto sobre a fauna e a flora, sobre a paisaxe e o impacto socioeconómico. Sinalan que non se estudiaron tódolos efectos que podería ter tanto sobre a sociedade como sobre o medio natural, e ademais consideran que as medidas correctoras non serán suficientes nin son as axeitadas.

Solicitan que se declare a nulidade do efectuado ou con carácter subsidiario acorda-la realización dun novo EIA sobre a base da localización na central no terreo referido nesta alegación.

* A C.M.V.M.C A Reigosa e Luis Ramos Regueira e setenta veciños máis, expoñen:

Primeira.-A proxectada central de transportes de mercaderías de Ponte Caldelas (Pontevedra), ten a súa localización en terreos propiedade da C.M.V.M.C. da Reigosa, enclavándose en terreos contiguos ó proxecto de expansión do actual polígono industrial do Campiño.

Segunda.-No contorno próximo a eses terreos atópanse diversas vivendas, que pola súa localización, quedarán profundamente afectadas, e sobre todo, a vida dos seus propietarios posto que se verán prexudicados na súa calidade de vida, propia do medio rural.

Terceira.-O feito de enclava-la central de transportes nese lugar concreto provocaría que os veciños do lugar se viran afectados por distintos tipos de contaminación, sobre todo atmosférica (acústica, lumínica e emisións atmosféricas), hidrolóxica e cun severo impacto paisaxístico. Así, desenvolven cada un destes aspectos, facendo especial fincapé en que o EIA non é rigoroso, nin obxectivo, nin detallado, indicando que non se valorou axeitademente o impacto ambiental e social do dito proxecto. Baseándose no antedito solicitan:

-Que se estime o EIA da central de transportes, a exposición pública, como impreciso e carente de rigorosidade na sinalización da incidencia ambietal sobre a zona de localización proxectada, por tódalas alegacións realizadas, procedendo á súa devolución e desestimación.

-Que se realice un novo EIA do proxecto, buscando novas posibles localizacións cun impacto sobre as zonas habitadas menor que o que realmente suporá a localización do actual proxecto.