Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 14 de novembro de 2003 Páx. 14.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2003 pola que se fai público o contido do acordo de modificación do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras o 21 de xuño de 2001.

O Igape e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con data 21 de xuño de 2001, asinaron un convenio de colaboración co obxecto de establecer unha liña de apoio financeiro específico para o sector pesqueiro de Galicia, dentro da política de apoio á pequena e mediana empresa e que constitúe unha axuda complementaria ós incentivos que para este sector ten establecido a citada consellería.

Entendendo cumpridos os obxectivos previstos, o convenio foi denunciado con data 21 de xullo de 2003 (DOG nº 148, do 1 de agosto), coa previsión de deixar atendidos os proxectos con resolución favorable da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de data anterior ó 1 de xaneiro de 2003.

Detectada a existencia de resolucións da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos dictadas no exercicio 2003 pero correspondentes á convocatoria de axudas para 2002, e tendo en conta que o espírito do acordo foi deixar atendidos aqueles expedientes da convocatoria de axudas do 2002, compre matiza-lo acordo anterior, eliminando para tal fin o límite temporal do 1 de xaneiro de 2003 para as resolucións de concesión que se refiran ás convocatorias de axuda anteriores ó exercicio corrente.

Para asegurar que esta modificación das condicións sexa operativa para tódolos posibles interesados, é conveniente ampliar prudencialmente o prazo de presentación de solicitudes no Igape.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento.

RESOLVO:

Facer público, como anexo a esta resolución, o texto do acordo de modificación, aprobado polo Consello de Dirección do Igape en data 29 de outubro de 2003, do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras o 21 de xuño de 2001.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Modificación do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras o 21 de xuño de 2001

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003

REUNIDOS:

Dunha parte, o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, José Antonio Orza Fernández, en nome e representación do dito instituto.

Doutra parte.................... (en diante a entidade de crédito), representada por ......................., con poder suficiente para obrigalo neste acto.

EXPOÑEN:

O Igape e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con data 21 de xuño de 2001, asinaron un convenio de colaboración co obxecto de establecer unha liña de apoio financeiro específico para o sector pesqueiro de Galicia, dentro da política de apoio á pequena e mediana empresa e que constitúe unha axuda complementaria ós incentivos que para este sector ten establecido a citada consellería.

Entendendo cumpridos os obxectivos previstos, o convenio foi denunciado con data 21 de xullo de 2003 (DOG nº 148, do 1 de agosto), coa previsión

de deixar atendidos os proxectos con resolución favorable da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ata o dito exercicio.

Detectada a existencia de resolucións da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos dictadas no exercicio 2003 pero correspondentes á convocatoria de axudas para 2002, e tendo en conta que o espírito do acordo foi deixar atendidos aqueles expedientes da convocatoria de axudas de 2002, compre matiza-lo acordo anterior, eliminando para tal fin o límite temporal do 1 de xaneiro de 2003 para as resolucións de concesión que se refiran ás convocatorias de axuda anteriores ó exercicio corrente.

Para asegurar que esta modificación das condicións sexa operativa para tódolos posibles interesados, é conveniente ampliar prudencialmente o prazo de presentación de solicitudes no Igape.

Polo que antecede, as partes reunidas, en relación ó convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro asinado o 21 de xuño de 2001 (DOG nº 133, do 10 de xullo), modificado mediante addendas do 1 de xullo de 2001 (DOG nº 177, do 12 de setembro), e 21 de xullo de 2003 (DOG nº 148, de 1 de agosto),

ACORDAN:

Modifica-lo convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras en data 21 de xuño de 2001, nos seguintes termos:

1. O Igape atenderá, dentro dos créditos dispoñibles, os proxectos de investimento que tiveran unha resolución de concesión ó abeiro das convocatorias anuais anteriores ó exercicio 2003 das ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de datas 14 de xullo de 2000, 17 de xullo de 2000, 26 de xullo de 2000 e 21 de setembro de 2000.

2. Amplíase ata o 1 de decembro de 2003 o prazo para presenta-las solicitudes no Igape.

Pola entidade financeiraPolo Igape

RubricadoRubricado

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA