Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 14 de novembro de 2003 Páx. 14.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2003 pola que se fai público o contido da modificación ó convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A. (CERSA), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos.

Mediante Resolución do 20 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo), publicouse o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamiento (CERSA), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (en adiante, o convenio CERSA), o dito convenio foi posteriormente modificado mediante Resolución do 21 de marzo de 2003, introducindo melloras a nivel operativo e incorporando transitoriamente novas condicións para as operacións formalizadas na Costa da Morte, co obxecto de palia-las consecuencias económicas para a zona do accidente do buque Prestige.

Por outra banda, mediante Resolución do 22 de maio de 2003 (DOG nº 104, do 30 de maio), publicouse o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Sepi, Desarrollo Empresarial, S.A. (Sepides) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de microcréditos para autónomos e microempresas (en adiante, o convenio Sepides).

Unha vez executado o programa de microcréditos Sepides, existindo un número de solicitudes presentadas con operacións aprobadas polas entidades financeiras pero denegadas polo Igape por esgotamento de crédito, formúlase a posibilidade de ofrecerlles unha alternativa a aquelas que se reiteren no ámbito do convenio Cersa, consistente en amplia-lo período de xustificación da realización e pagamento dos investimentos desde a data da presentación da súa solicitude ó convenio Sepides.

O consello de dirección do Igape, logo das consultas oportunas coas entidades colaboradoras, acordou as modificacións que a continuación se publican para o seu xeral coñecemento e entrada en vigor.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento.

RESOLVO:

Facer público a modificación ó convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A., e as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos nos termos seguintes:

Ós solicitantes de microcréditos ó abeiro do convenio con CERSA ós que se lles denegase previamente un microcrédito Sepidis por esgotamento dos fondos da liña, poderáselles considerar como válida para a xustificación da realización e pagamento dos investimentos a data da primeira solicitude da operación na entidade financeira. Para tal fin, deberán presentar no Igape, xunto coa solicitude de financiamento, copia da solicitude Sepides rexistrada na entidade financeira.

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica